A distancia social é tamén para as nosas mascotas

Son os nosos mellores amigos, os compañeiros máis fieis, e nestas circunstancias excepcionais requiren tamén un coidado especial

Por: Cristina Castillo Rodríguez

O confinamento ao que estivemos sometidos durante estas semanas, como consecuencia da propagación da COVID-19, modificou substancialmente os hábitos de paseo dos nosos cans –ou o estilo de vida dos gatos–. No blog XuvenCiencia continuamos a nosa xeira de textos especialmente pensados para este tempo de pandemia con esta entrada sobre o coidado das nosas mascotas.

Estes animais son seres sociais, necesitan facer exercicio, desenvolver o seu instinto natural e manter os seus hábitos e necesidades biolóxicos…, pero a situación cambiou, e os cambios viñeron para quedar durante un longo tempo, polo que non está de máis que empecemos a adoptar unha serie de medidas hixiénicas e de hábitos para as nosas mascotas co fin minimizar na medida do posible os danos causados polo virus.

Para empezar, o coronavirus SARS- CoV-2, que causa a COVID-19, é similar aos coronavirus anteriormente estudados e é capaz de infectar os mamíferos. O contaxio prodúcese porque é capaz de secuestrar células interactuando cunha proteína da superficie celular, coñecida como ACE2, presente en moitos animais, incluíndo gatos e cans. Debido a que se demostrou que o virus salta a través das especies, e grazas a algunhas noticias puntuais sobre COVID-19 en mascotas, os propietarios están comprensiblemente preocupados sobre como esta pandemia podería afectar os seus animais de compañía. Con todo, a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinalou que as mascotas que están en contacto moi próximo cunha persoa infectada poden infectarse co virus COVID-19, pero non hai probas que demostren que logo poidan transmitilo aos humanos.

Alfa e beta

A razón é moi simple: aínda que os cans e gatos poden presentar infeccións por coronavirus (en cans cunha infección moi contaxiosa, con síndromes dixestivas que se poden confundir con parvovirosis; en gatos causando peritonite infecciosa felina), ambos os virus aínda que pertencen á familia coronaviridae son alfa-coronavirus; diferentes aos beta-coronavirus que orixinaron COVID-19, SARS ou MERS, tal e como se mostra o gráfico seguinte.

Fonte: Clínica Veterinaria La Yegua, Marzo 2020.

 

O que si é fundamental é que a prevención das nosas mascotas pasa ineludiblemente por un bo programa de vacinación e desparasitación que protexa as súas defensas.

Entón… de onde proceden os casos positivos?

Aínda que se publicaron casos sobre mascotas infectadas co SARS-CoV-2, ningún dos informes suxire que as mascotas sexan unha fonte de infección para as persoas, tal e como sinala a American Veterinary Medical Association (AVMA).

Sen noticias do hóspede intermedio

A evidencia ata a data dos poucos animais domésticos que deron positivo no SARS-CoV-2 indica que estas infeccións son o resultado dun contacto próximo con persoas con COVID-19. Nos estudos rexistrados en animais de experimentación co SARS- CoV-2, os furóns, os hámsteres sirios e os gatos –todos eles animais que se poden ter como mascotas– mostran o potencial de servir como modelos animais da infección humana, pero os cans, porcos, pitos e patos, non. E, aínda que os modelos moleculares e os estudos in vitro suxiren que, en teoría, múltiples especies animais poden ser capaces de infectarse co SARS-CoV-2, non se identificou un hóspede intermedio definitivo. Hai pouca ou ningunha evidencia de que os animais domésticos se infecten facilmente co SARS-CoV-2 en condicións naturais e ata a data non hai probas de que lles transmitan o virus ás persoas. Definitivamente, o principal modo de transmisión de COVID-19 nos seres humanos é a propagación de persoa a persoa.

Ollo ás luvas e ás máscaras tiradas no chan!!!

Os casos detectados teñen un feito en común: estar en contacto con persoas positivas en COVID-19, ben por contacto directo ou porque as mascotas pisaran/cheirasen material infeccioso tirado na rúa (luvas e máscaras), unha práctica incívica denunciada por numerosos medios de comunicación.

As máscaras e luvas tiradas non chan constitúen un material altamente contaxioso (fonte: Xesús Ponte. El Progreso).

 

Numerosas fontes sinalan que con toda probabilidade o virus de COVID-19 sexa transportado na pelame dunha mascota da mesma maneira que podería selo en calquera outra superficie que unha persoa infectada teña tocado, polo que aconsellamos a todos os donos de mascotas que manteñan boas prácticas de hixiene mentres coidan delas.

O abandono nunca é a solución

Hai moitas preguntas que ao dono dun can ou un gato lle xorden nesta situación e que tentaremos dar resposta. Antes de nada, advertiremos de que o abandono das mascotas non é a solución. Este comportamento, que ademais é delito, está a saturar as protectoras desde o inicio do estado de alarma, segundo informan os medios de comunicación durante as últimas semanas.

Por iso, neste artigo imos dar resposta a unha serie de preguntas que calquera podería facerse se é propietario dun can ou dun gato…
Estou illado/a, ou coñezo xente en corentena, pode a súa mascota permanecer con ela?
Evidentemente, si; pero é necesario manter unha serie de precaucións como evitar o contacto próximo (non tocalo, ou compartir a cama). Recoméndase limpar con auga diluída con vinagre o pelo (ou ben antiséptico especial para cans/gatos), así como lavar as mans con xel hidroalcólico ao tocar e alimentar os animais. Na medida do posible, recoméndase evitar que lamban a nosa cara.

Se é posible, o afectado non debe saír e o ideal é que a mascota mude temporalmente de residencia (hai refuxios que xa os acollen; sempre é mellor que abandonalos)

Como hei sacar a pasear á miña mascota?
As directrices do goberno permiten paseos regulados con mascotas, xa mesmo cando estabamos nas fases máis duras do confinamento.

Entón, como agora, sinalábase a necesidade de manter a “distancia social” ao redor de dous metros…, pero non é só aplicable ao ser humano, tamén aos nosos animais: han ir suxeitos pola correa, non interaccionar con cans soltos (podemos descoñecer o seu propietario e se este é ou non COVID-positivo) e vixiar as zonas por onde pasa (evitar marxes de beirarrúas, onde poden atoparse residuos altamente infecciosos, como luvas ou máscaras tiradas). Por suposto, tanto antes como despois do paseo limitado é fundamental limpar as mans. En caso de ter un xardín privado, os riscos son menores e poden ser deixados tranquilamente no xardín, gardando as medidas hixiénicas anteriormente ditas.

Para os gatos e a súa natureza independente, a Organización Colexial Veterinaria (OCV) pide controlar as saídas incontroladas dos domicilios para evitar que entren en contacto con outros animais.

Non é recomendable deixar os cans soltos mentres pasean; a súa natureza lévaos a interaccionar con outros animais que poden ser portadores de COVID a través do seu pelame ou a xogar en sitios onde haxa material contaminante e trasladárnolo.

 

Recomendacións
Para o caso do paseo con cans, o Colexio de Veterinarios de Sevilla publicou unhas directrices moi sinxelas que poden servir de referencia:

 

 

A miña mascota precisa usar unha máscara?
Non, poñerlles unha máscara é algo que non se recomenda… á parte de que pode parecer absurdo. Ademais, o uso de máscara pode ser angustioso para elas ao afectar á súa capacidade de respirar con normalidade, particularmente nas razas braquicéfalas. As medidas recomendadas son sempre a hixiene, por parte do dono, á hora de ofrecer e manipular a comida (especialmente se toman dietas BARF –acrónimo de Biologically Appropriate Raw Food–, onde a precaución ha ser máxima). Para a actual situación anómala, o sentido común recomenda a administración de dietas elaboradas por industrias dedicadas á alimentación animal, con estudos nutricionais contrastados (penso seco ou enlatado).
Que debo facer se a miña mascota empeza a tusir e esbirrar?
Como xa sinalamos, as mascotas non transmiten COVID-19, pero nada as quita de ter alerxias ou infectarse e amosar síntomas parecidos aos que mostraría se tivese COVID-19 (tose das canceiras, virus da influenza ou gripe canina, rinotraqueítis felina…, por citar algúns exemplos).

No caso de que notedes signos respiratorios nas vosas mascotas, non vos asustedes. Chamade ao voso veterinario/a e indicade se está ou non correctamente vacinado e desparasitado. O feito de que a mascota estea correctamente vacinada e desparasitada axudará moitísimo a discriminar se estamos ante unha causa infecciosa, parasitaria ou debida a outras patoloxías (tóxicos, indixestións, tumores, etc). O clínico valorará a situación e aconsellaravos o mellor curso de acción baseado nas súas circunstancias. Con todo, tende en conta que a nosa actuación funciona agora de maneira moi diferente ao habitual. Tende paciencia na consulta xa que traballamos de acordo ás directrices do Goberno nesta situación sen precedentes.

Que pasa se non podo saír de casa, pero a miña mascota necesita atención veterinaria ou unha receita?
É mellor chamar ao veterinario/a para discutir a súa situación e ver como pode axudar. Tede en conta que moitos consultorios veterinarios poden dispoñer de procedementos adicionais e poden necesitar darlles prioridade ás emerxencias na situación actual. A profesión veterinaria está a facer todo o posible para garantir que os servizos esenciais e de emerxencia poidan manterse durante este difícil momento, baixo a orientación do Goberno. A telemedicina, tal e como sinala a AVMA está a impoñerse nesta nova realidade.

 

Exemplo de pododermatite.

 

É certo que os desinfectantes de mans/xeles antibacterianos son daniños para as mascotas?
Desde logo, desaconséllase desinfectar as patas cos xeles hidroalcólicos que usamos nós, ou mesmo con lixivia diluída en auga. Os axentes químicos que conteñen son irritantes para as súas patas e provocan reaccións alérxicas, irritación, comezón e escozor nas patas (pododermatite). Tamén poden irritar os ollos, causar esbirros e afectar o seu olfacto.

En caso de dúbidas é bo usar auga con xabón, toallas desinfectantes específicas para animais ou na súa falta, toallas para bebé. Non está de máis, por precaución, recurtar o pelo das patas para que non porten axentes infecciosos durante o paseo.

 

En definitiva, aínda estamos a aprender sobre o virus, pero ata a data parece evidente que a transferencia animal-humano (o que chamamos zoonose) non foi aínda demostrada. É necesario realizar máis estudos para comprender se o virus pode afectar a diferentes animais e como facelo. Pero ata entón, SENTIDIÑO.

 

Cristina Castillo Rodríguez.
Departamento de Patoloxía Animal. Facultade de Veterinaria. Campus de Lugo
Universidade de Santiago de Compostela
(Fonte das imaxes: Pixabay)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *