A medida do tempo, unha das primeiras actividades intelectuais na historia da humanidade

Do mesmo xeito que a creación de contos e narracións orais, a música e as pinturas rupestres, a ollada ao sol inclúense entre as máis temperás das ocupacións especulativas que desenvolveron homes e mulleres

Por: Lucía Blanco Fernández e Marta Veiga Izaguirre

As e os historiadores calculan que foi na transición ao Neolítico, cando as sociedades primitivas comezaron a deixar atrás os hábitos nómades e a centrar a súa economía na agricultura e na domesticación de animais, o intre no que os pobos comezaron a construír os primeros mecanismos para a medida do tempo. Estes primeiros reloxos solares facíanse imprescindibles para que as colleitas resultasen de proveito, aínda que puideron ter, ao mesmo tempo, un valor relixioso, simbólico e ritual.

Megalitos e petróglifos

Complexos megalíticos como Stonehenge, en Inglaterra, ou Newgrange, en Irlanda, foron erixidos co propósito de marcar os solsticios de verán e de inverno, nos días máis longo e curto no hemisferio norte, respectivamente. Asemade, o profesor vigués de Matemáticas José Luis Galovart, despois de estudar o petróglifo de Mogor, en Marín, estableceu en 2009 unha interpretación astronómica para esta forma de arte da Idade de Bronce na vertente atlántica europea. Galovart estendeu a súa investigación a outros petróglifos, como os de Verducido (Pontevedra) e Pedra dos Lombos (Cotobade) e determinou que algúns deles marcan o equinoccio (de outono e primavera, cando o día e a noite teñen a mesma duración) e outros, os solsticios.

En todas as civilizacións

A gnomónica é a disciplina que estuda a medida do tempo e forma parte tanto da matemática como pola astronomía. Se o astronómo alemán Christopher Clavius foi un dos grandes expoñentes da chamada era dourada da gnómica no século XVI, a tecnoloxía de construír reloxos de sol remóntase a tempos prehistóricos. Atopamos reloxos de sol nas civilizacións babilonia e exipcia, nos pobos precolombinos de América e a misterioria pedra solar viquinga permitiu que este pobo de granxeiros do norte de Europa navegase o Atlántico, o Mediteráneo e chegase a Groenlandia e Canadá á altura do ano 1000 da nosa era.

O gnomón e a faz

Un reloxo de sol é un instrumento que se emprega dende hai centos de anos para medir o paso do tempo. Grazas á sombra que proxecta o sol mediante estes aparellos pódese indicar a hora. Están formados por dúas partes: o gnomón, que proxecta a sombra e funciona como unha agulla, e a faz, onde se proxecta a sombra e se len as horas. Para un bo funcionamento, o reloxo debe estar correctamente orientado e débese ter en conta a latitude do lugar para calculalo.

Tipos de reloxos solares

Existen moitos tipos de reloxos solares segundo a súa orientación e o seu diseño, como o reloxo ortomeriadiano, o máis frecuente en Galicia, que está formado por un gnomón orientado ao sur, o reloxo horizontal, cuxa faz é paralela á superficie da Terra ou o reloxo ecuatorial anular como o que se atopa no Parque do Pasatempo de Betanzos.

Para que coñezades máis sobre eles, deixámosvos unha selección dalgúns dos reloxos de sol máis famosos do mundo.

(Contidos publicados no XuvenCiencia Magacine do Campus de Verán #XuvenCiencia2020 en Rede)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *