Os meses de confinamento e estado de alarma debidos á pandemia por Covid-19 teñen deixado unha pegada en Galicia no que atinxe á percepción da poboación sobre os alimentos de proximidade obtidos de forma sostible e acerca do medio rural no que se producen. Dos resultados preliminares das máis de 800 respostas á enquisa lanzada polo proxecto Somos o que comemos?, incluído no Campus de Verán XuvenCiencia en Rede 2020, despréndese que as mulleres e as persoas de mediana idade son os grupos que máis incrementaron a súa valoración despois da Covid-19.
As profesoras e investigadoras do Campus de Lugo Marta López Alonso e Ruth Rodríguez Bermúdez foron as encargadas de desenvolver o obradoiro Somos o que comemos? Nesta actividade, quixeron afondar en ata que punto o impacto emocional, económico e no día a día das persoas que produciu a pandemia mudou “o desinterese xeral da sociedade polas industrias agroalimentarias do país e a alimentación ecolóxica e ante o abandono do medio rural”.
“Unha emerxencia coma esta dilúe as diferenzas”
“Antes da pandemia en función da idade tíñamos diferentes intereses, en moitos dos parámetros estudados, e agora esas diferenzas ante unha emerxencia diluíronse”. Esta é unha das principais conclusións que tira Ruth Rodríguez Bermúdez. O proxecto comezado no Campus de Verán XuvenCiencia en Rede 2020 aínda ten percorrido investigador e a enquisa segue aberta na seguinte ligazón.
“Atópanse diferenzas moi evidentes ao analizar por pares a mesma pregunta sobre as intencións e intereses antes e despois do confinamento por Covid-19, para o conxunto das persoas que responderon a enquisa”, sinala Ruth Rodríguez Bermúdez. “As persoas que responderon a enquisa podían contestar desde o 1, como pouco, ata o 10, como moito; as cifras que recolle a táboa 1 son a media”, engade esta investigadora da facultade de Veterinaria da USC.
Táboa 1
Nesgo de xénero
Nunha segunda táboa plásmanse as diferenzas nas preferencias entre homes e mulleres. “Estes datos, non obstante, debémolos interpretar acompañados dos que aparecen na táboa 1, xa que pode haber persoas que respostaron a enquisa que sinalen que non variaron a súa idea sobre os alimentos de proximidade e amigables co medio ambiente porque segundo o seu criterio xa estaban suficientemente preocupadas”, sinala Ruth Rodríguez Bermúdez.
“Unha das lecturas máis interesantes da táboa 2 reside en que nas mulleres se alterou máis a preocupación e hai máis mulleres que despois da Covid-19 amosan máis inclinación a comprar alimentos de cercanía e saudables”, indica Ruth Rodríguez Bermúdez. A investigadora de Veterinaria da USC engade que cómpre ter en conta nestas diferenzas a perspectiva de xénero, xa que son as mulleres quen se ocupan en maior medida dos coidados, a saúde e de facer as compras e preparar os alimentos de toda a familia.
Táboa 2
O terceiro parámetro analizado para a enquisa do proxecto Somos o que comemos? é en función da idade da xente que a respondeu. Ruth Rodríguez Bermúdez explica que os grupos nos que se observa unha mudanza de opinión máis importante son os de 25 a 35 anos e, máis amplamente, de 25 a 54 anos.
“Non é de estrañar tendo en conta outros estudos que fixemos nós antes: a xente moi maior xeralmente por temas culturais ten menos preocupación co tema da alimentación saudable. Asemade, a xente nova ou ben aínda son tan novos que non viven sós e non fan eles as compras de alimentación ou ben teñen os gastos diversificados (dependen dos pais, cos cartos que lles dan teñen que comer, comprar roupa, fotocopias, ocio, …), así que por idade non están moi preocupados pola comida aínda. Por outro lado, a mediana idade coincide co momento en que se teñen fillos menores de 18 anos que moitos investigadores asocian cunha maior preocupación por unha alimentación saudable”.
Táboa 3
As variables da idade
Sobre este aspecto, Rodríguez Bermúdez avanza que terán que procesar aínda datos da enquisa para dirimir se inflúe o ter ou non ter fillas e fillos á hora de amosar unha preocupación diferente antes e despois da pandemia. “É habitual que as mulleres e os adultos (homes ou mulleres) de mediana idade con fillos sexan os máis concienciados coa alimentación neste tipo de enquisas”.
Polo que respecta á Táboa 4, obsérvanse tamén algunhas diferenzas segundo o nivel de estudos das persoas que participaron na enquisa. “De primeiras si podemos dicir que hai moita diferenza en función do nivel de estudos. Os que máis valoran o rural despois da pandemia −os que cambiaron de comportamento− son as persoas que non teñen estudos ou con estudos primarios e os de Formación Profesional”, comenta a investigadora de Veterinaria da USC.
Aínda así, Ruth Rodríguez Bermúdez incide en que unha análise máis detallada dos resultados servirá para concretar por que isto é así. “Pode darse o caso que as persoas con outro nivel de estudos xa o valorasen antes do Covid-19 cunha puntuación moi alta e por iso a modificación non é tan evidente”.
As diferenzas non son tampouco relevantes no que se refire a como a Covid-19 ten alterado a inquedanza pola contorna natural das persoas que responderon a enquisa deseñada por Somos o que comemos?. “Para o nivel de estudos, por exemplo, non hai desemellanzas salientables, pero –outra vez− si que se ve que se preocupan máis as mulleres cós homes polo medio ambiente despois da pandemia”, resume Ruth Rodríguez Bermúdez.
(Imaxe principal: Pikist.com)