A VI Xornada Xuvenciencia para profesorado segue o seu curso. A sesión sobre a práctica investigadora na aula e o método científico serviralles aos nosos docentes para deseñar despois experimentos co seu alumnado nos colexios e institutos participantes no programa.
O método científico é a metodoloxía consensuada ao longo da historia polas investigadoras e investigadores para obter novos coñecementos. Procuramos ao seguir o método científico que interfiran o menos posible na nosa investigación factores subxectivos que poñan en perigo a validez dos resultados. O método científico asóciase sobre todo ás ciencias da saúde e ás experimentais, pero tamén as e os científicos sociais se guían por este procedemento no seu traballo.
O método científico comeza pola observación (case sempre do que temos arredor) e segue coa medición, a experimentación e, de seguido, a formulación, análise ou modificación de hipóteses. As hipóteses son fundamentais no método científico, pero sabemos que é unha hipótese? Fronte ao que poida parecer, unha hipótese non é unha pregunta, senón unha suposición, algo que se cre viable, que se plantexa en futuro simple ou en condicional.
Na nosa sesión sobre a práctica investigadora na aula traballamos a partir de dous dos nosos kits de investigación XuvenCiencia: o Vitroplant, todo un veterano no programa, e Fotometrix, un dos equipamentos que estreamos para o curso 2019/2020.
A práctica Fotometrix baséase en medidas da concentración de proteínas no leite mediante fotometría e unha recta de calibración. Ten un enfoque máis de Física e Química con variables continuas como a concentración ou a absorción.
O deseño dos experimentos comeza coa busca de información. Neste caso, fixémonos as seguintes preguntas:
→ Cales son os compostos principais do leite?
→ Que características nutritivas presenta o leite e que papel xogan as proteínas?
→ Se queremos determinar o contido de proteínas no leite, que métodos podemos utilizar para facelo?
→ Cal se axusta mellor ás nosas posibilidades?
A práctica VitroPlant analiza o efecto de diferentes tipos de iluminación sobre o crecemento de plantas en vitro. Relaciónase máis coa Bioloxía con observacións cualitativas. Polo que atinxe a este experimento, unha vez analizada a literatura científica sobre o tema pártese da hipótese de que a variación da fonte de luz (luz branca fría ou LED, en caso de fontes artificiais) terá influencia sobre o crecemento de explantos multiplicados in vitro de Ilex x Koehneana, un tipo de acivro.
Desde ambos os puntos de partida, o profesorado de Secundaria que se uniu a XuvenCiencia para participar na sesión sobre a práctica investigadora da aula puido coñecer como se prepara unha libreta de laboratorio para a toma de datos e de que xeito estes datos se deben recoller, interpretar e discutir para obter uns resultados.
Para finalizar o traballo, as e os profes tiveron unha aproximación á comunicación de resultados científicos: de que serven os grandes descubrimentos se non somos quen de contarllos ao mundo e de explicar os porqués da súa relevancia? A escrita do artigo científico require seguir unha estrutura precisa e, asemade, ter a habilidade de plasmar todos os coñecementos recollidos nel nunha comunicación oral e/ou nun póster. Nun congreso non podemos pensar que nos van deixar ler quince páxinas de artigo sen máis!!!!
E xa que vivimos nunha sociedade da información que prima novos medios para esparexer as mensaxes máis diversas, consideramos que nunca está de máis saber manexarse nos códigos da redacción divulgativa para blogs e redes sociais. Quen vos di que de XuvenCiencia non sae a vindeira investigadora youtubeira ou o vindeiro scienceinfluencer de Twitter?