A conservación dos ecosistemas acuáticos e o uso sostible da auga poden promoverse coñecendo os compoñentes do ciclo hidrolóxico, e para iso é necesario realizar o balance hídrico
O balance hídrico é unha ecuación que define as entradas e saídas de auga nun sistema, nun intervalo de tempo determinado. Este sistema pode ser tan pequeno como unha maceta (o noso caso) ou tan grande como unha conca hidrográfica.
O balance de auga pode usarse para xestionar os recursos hídricos e poder predicir a escaseza de auga nun sistema. Tamén pode usarse para a rega, a estimación do escoamento superficial, control de crecidas e contaminación.
O kit AquaLab recolle un proxecto de realización dun balance hídrico sinxelo nunha maceta. Ademais introduce o uso de sensores ambientais e a plataforma Arduino (www.arduino.cc) para medir e rexistrar variables ambientais. Para isto inclúense 3 actividades: a introdución a Arduino e montaxe dos sensores ambientais, a calibración de sensor do contido de auga no solo, e a realización do balance hídrico nunha maceta.
Para apoiar estas actividades os profesores dos centros de ensino medio, que recibiron a formación do kit nas V Xornadas XuvenCiencia para profesorado, poden acceder a vídeos titoriais sobre as dúas primeiras actividades.
Titorial da actividade 1. Introdución a Arduino e montaxe do sensor de humidade no solo: Orientado a presentar a linguaxe de programación Arduino IDE, funcionamento de librarías e compilación e carga do programa na placa Arduino.
Titorial da actividade 2. Calibración da sonda de contido de auga no solo capacitiva: Neste titorial descríbese o proceso a realizar para obter a curva de calibración do sensor de humidade, que é recomendable facer para cada tipo de solo. O sensor aporta unha saída resultante de facer a conversión dos valores analóxicos de caudal nunha saída dixital, estes valores deben ser transformados en contido de auga, para poder interpretalos e empregalos.
Experimentaches xa co kit AquaLab? Cales foron os teus resultados? Cóntanos a túa experiencia!!