Brassicas de tempada

Un dos sinais identificativos da chegada da primavera en Galicia son os campos de cultivo dos nabos florecidos en marelo. Os nabos, como boa parte das chamadas verduras de inverno, forman parte dun xénero de plantas de enorme interese culinario, cultural e científico

Por: Marta Veiga Izaguirre

Unha intervención arqueolóxica realizada no dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños, Costa da Morte) en 2002 deu cun recipiente cerámico cuns restos orgánicos nos que foron identificadas trazas de landras, graxas animais (de mamíferos) e vexetais do xénero Brassica. A datación realizada mediante a técnica do carbono 14 estableceu que os restos orgánicos procedían dun período entre o 3.900 e o 3.600 antes de Cristo, polo que poderíamos dicir que hai máis de 5.000 anos que as persoas que habitan Galicia se alimentaban de algo que sería un antecedente do noso caldo actual.

Paleobotánica

Investigacións paleobotánicas desenvolvidas en xacementos como o da Morcigueira (municipio de Toques, serra do Bocelo) atoparon sementes de Brassica sp. nunha foxa detrítica, cunha antigüidade que nos levaría ao segundo cuarto do IV milenio a. C. Asemade, nun lugar coñecido coma o Prado do Inferno, no concello de Muras, existen tamén evidencias do cultivo de vexetais do xénero Brassica no III milenio a. C. As Brassica son xunto a algúns cereais (Triticum) as primeiras plantas que as xentes galegas do Neolítico comezaron a cultivar.

As Brassica son un xénero da familia das plantas brasicáceas ou crucíferas. Trátase de plantas distribuídas por todo o mundo, de enorme importancia agrícola e grande interese científico.

Anatomía dun nabo

Nalgunhas plantas Brassica son comestibles todas as súas partes, como sucede cos nabos (Brassica rapa L.), das que en Galicia se aproveita a carola (moitas veces para a alimentación dos animais domésticos), as follas (nabizas) e mais os gromos (grelos).

Anatomía dun nabo.

Doutras Brassica consómense os talos (colirravos), as follas (verzas, repolos, col lombarda), os gromos (grelos, como xa vimos, e tamén os xenos ou bertóns, que son os gromos da col ou do repolo), as flores (coliflor, brécol) e ata as sementes, como sucede coa colza, que se emprega para a obtención de aceite, ou a mostaza negra, un condimento moi popular en todo o mundo.

Teoría do Triángulo de U

Seis especies particulares de Brassica (mostaza etíope (B. carinata), mostaza chinesa ou mostaza parda (B. juncea), col brava (B. oleracea), colza (B. napus), mostaza negra (B. nigra) e nabo (B. rapa) evoluíron pola combinación de cromosomas desde tres especies anteriores, como se describe na chamada teoría do Triángulo de U ( Triangle of U).

Fonte: Wikimedia Commons.
Unha historia de selección xenética

Se nos centramos nunha soa das seis especies da teoría do Triángulo de U, a col brava ou Brassica oleracea L., temos que a selección xenética realizada desa primixenia col brava ou silvestre por labregos e campesiños de todo o mundo durante centos −e milleiros!− de anos ten dado como resultado variantes do máis diverso. A escolla das sementes dunha colleita para outra permitiu unha enxeñaría xenética que desenvolveu espécimes con follas máis apetitosas, con floracións máis temperás, cunha cor determinada ou cun aspecto máis atractivo.

 

Preme aquí para ver a infografía a tamaño completo.

 

Fontes e máis información:

Cebrián del Moral, F., Yáñez Rodríguez, J., Lestón Gómez, M., Vidal Pérez, F. & Carrera Ramírez, F.  (2011). El Dolmen de Dombate: arqueología, arquitectura y conservación. Diputación de A Coruña. https://www.dacoruna.gal/files/4714/1578/0703/catalogo-dombate.pdf

Cortizas, A. M., Rego, P. R., Lovelle, B. R., Viturro, P. G., & Vilas, F. A. (1994). Estudio edafológico y paleobotánico realizado en el Castro de Viladonga (Castro d Rei, Lugo): Campaña, 1990. In Geoarqueología:(actas de la 2. ª Reunión Nacional de Geoarqueología, ITGE; Madrid, 14, 15 y 16 de diciembre de 1992) (pp. 163-174). Instituto Tecnológico Geominero de España. https://viladonga.xunta.gal/sites/default/files/pdf/1994.pdf

Fábregas Valcarce, R., & Ruiz-Gálvez Priego, M. (1997). El noroeste de la Península Ibérica en el IIIer y IIº Milenios: propuestas para una síntesis. https://roderic.uv.es/bitstream/handle/10550/29500/2136.pdf?sequence=1

López, P., López, J. A., Aira Rodríguez, M. J., & Saa Otero, M. P. (1993). Análisis paleobotánico de cinco yacimientos arqueológicos de la Sierra del Bocelo (La Coruña [sic], Galicia). https://helvia.uco.es/bitstream/handle/10396/8709/aple6.5.pdf?sequence=1&isAllowed=y

Dios no creó el brócoli, na web de Naukas.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *