Neste mes cómprense tres anos da II Xornada XuvenCiencia para profesorado na que presentamos por primeira vez os kits XuvenCiencia na aula. Os máis de 30 asistentes que nos acompañaban naquela data coñeceron de primeira man esta acción que se iniciou a modo de expansión do Campus de Verán XuvenCiencia para chegar a un maior número de alumnas e alumnos de ensino medio.
A xornada incluíu a presentación en Galicia do kit Photonics Explorer, elaborado pola ONG EYESTvzw e distribuído na rexión por XuvenCiencia, e dos kits Animal CSI e Vitroplant, creados por profesorado da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, respectivamente. Repartíronse un total de 24 kits.
Desde ese mes de febreiro de 2016 tivemos outras catro citas en forma de xornadas de formación co profesorado de ensino medio (a segunda fase da II Xornada, dúas fases da III Xornada e a IV Xornada XuvenCiencia para profesorado), que culminaron coa presentación do novo kit Aqualab, sobre a xestión responsable da auga e creado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Con estas xornadas sumáronse outros 50 kits, contando coa colaboración da FECYT, a Xunta de Galicia e a empresa AMSlab.
Na actualidade, enmarcadas no proxecto “XuvenCiencia – Fago, logo aprendo”, que conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (FECYT), estamos a desenvolver as V Xornadas XuvenCiencia para profesorado con medio centenar de docentes de 28 poboacións galegas distintas. Nestas xornadas, ademais dos tres kits xa consolidados e do kit Aqualab en fase de desenvolvemento, presentamos un novo kit RescueMe de recollida e recuperación de memoria, promovido polas áreas de historia contemporánea e antropoloxía social da Facultade de Humanidades. E así, desde A Guarda ata Ribadeo, desde Verín ata Camariñas, desde Muros ata Navia de Suarna, levamos entregados máis de 120 kits para crear unha rede de traballo entre centros de ensino medio e a Universidade por toda Galicia.
Esperamos continuar esta frutífera colaboración, ampliando a rede de centros implicados e desenvolvendo novos kits e actividades que contribúan a espertar o interese das novas xeracións pola ciencia e a tecnoloxía.
Animádevos a compartir as vosas experiencias!
One Response
Moi interesante apliqueino en 2º de Bach para o tema da química do carbono.