#XuvenCiencia2020 en Rede, a experiencia singular

Foi especial e tamén máis pequeno do que adoita ser habitual. Con todo, o campamento científico da USC en Lugo pescudou sobre a hora solar, analizou se a pandemia ten mudado os hábitos de consumo de alimentos sostibles e mergullouse na divulgación e no xornalismo científicos

Por: XuvenCiencia

Non é doado facer unha actividade que substitúa o Campus de Verán XuvenCiencia, a cita científica adolescente da USC en Lugo que, se non fose pola pandemia de Covid-19, tería acadado estes primeiros días de xullo a súa oitava edición. Para manter viva a lapa de XuvenCiencia e darlle unha oportunidade de lecer diferente ao alumnado galego de 4º de ESO, BAC e ciclos medios de FP naceu XuvenCiencia en Rede 2020, unha proposta online, pero nada virtual, para traballar de xeito colaborativo.

As e os xuvencientíficos, as e os valentes que despois dun curso atípico e cheo de inquedanzas decidiron matricularse en XuvenCiencia en Rede, puideron elixir tomar parte de dous proxectos de experimentación.

Sesión inaugural de #XuvenCiencia2020 en Rede a través de videoconferencia. No sentido das agullas do reloxo, Wajih Al-Soufi, Montserrat Valcarcel, Antonio Gregorio e Mercedes Novo.

 

Por unha banda, Ti e o tempo resultou unha proposta na que medir as luces e as sombras, realizar cálculos físicos e reflexionar sobre os movementos dos corpos celestes. As e os participantes neste obradoiro comprobaron que en Galicia, durante o horario de verán, o mediodía civil prodúcese arredor de 2 horas e 45 minutos despois có horario solar. Durante a semana aprenderon a distinguir diferentes tipos de reloxos de sol e foron quen de construír e situar os seus propios reloxos de sol para que estes dean a hora con precisión.

 

 

Polo que respecta a Somos o que comemos?, as e os participantes no proxecto difundiron unha enquisa sobre os hábitos, inquedanzas e actitudes cara aos alimentos de proximidade e ecolóxicos, amparados en denominacións de orixe ou razas autóctonas, e o medio rural no que se producen. Con máis de 800 respostas obtidas, traballaron arreo no tratamento e interpretación estatística dos resultados preliminares.

 

 

Ao mesmo tempo, Xuvenciencia en Rede puxo en marcha como novidade un Obradoiro de Medios para documentar o campus e darlles visibilidade aos resultados que se foron obtendo. XuvenCiencia Magacine é un único medio oficial de #XuvenCiencia2020 en Rede e nel pódense atopar reportaxes e infografías relacionados cos proxectos Ti e o tempo e Somos o que comemos?, entrevistas que nos dan a coñecer un pouco mellor o alumnado desta edición, así como outros moitos contidos complementarios: galerías de divulgadores/as científicos/as célebres, unha serie de traballos sobre a ciencia e a ficción en diferentes soportes

 

 

Na sesión do xoves, todo o alumnado e as monitoras participaron nunha clase de introdución á divulgación e ao xornalismo científico e dedicáronse a preparar unha serie de comunicacións, de moi diferentes formatos, que foron presentadas o venres á mañá. Algunhas das mostras do bo traballo que realizaron as e os nosos xuvencientíficos poden apreciarse neste informativo, en tono de humor, que deixan para a posteridade o alumnado e as monitoras de Ti e o tempo.

 

 

Asemade, a calidade do traballo informativo e divulgativo faise evidente en infografías e artigos como os elaborados no marco do obradoiro Somos o que comemos?

 

 

A fin de festa chegou da man de Oliver Laxe, o director de cinema orixinario dos Ancares lugueses que leva gañados tres premios coas súas tres primeiras películas no festival de Cannes e que con O que arde se fixo tamén merecedor de dous Goya da academia de cine española. A procura da autorrealización é o título da conferencia, pronunciada desde a Casa do Saber da Vicerreitoría da USC en Lugo e que se emitiu en streaming a través da canle de YouTube do Campus Terra. As e os nosos xuvencientíficos realizaron preguntas a través dun chat e Oliver Laxe respondeunas nos compases finais da súa intervención.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *