Se unha cousa temos clara logo de dous meses de estado de alerta e #QuedanaCasa é a incerteza sobre como serán as nosas relacións humanas, comunitarias e sociais, entre as que a escola debera ocupar un lugar central. Durante estas semanas que nos colleron a contrapé témonos familiarizado pola vía de urxencia con recursos para a teledocencia e asistido á frustración e ao desconcerto que se producía pola banda do profesorado, o alumnado e as familias.
É certo que non resulta novidoso falar en 2020 da educación non presencial. Coñecemos no noso ámbito propostas formativas –regradas e non regradas, formais e informais– deseñadas para pisar a aula o mínimo: formación continua para adultos, universidades a distancia ou virtuais…, a propia Universidade de Santiago imparte titulacións semipresenciais, como o grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural que oferta o campus de Lugo.
Tapio Varis: “Ser alumno/a on-line é máis esixente e require máis tempo”
A educación superior e o desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación préstanse para este tipo de experiencias que lles permiten ás alumnas e aos alumnos adaptar os horarios lectivos ás súas necesidades. O finés Tapio Varis, que foi profesor asociado na facultade de Ciencias da Comunicación da USC e que na actualidade é o coordinador do Centro Internacional para a a Educación Tecnolóxica e Vocacional da Unesco, ofrece as seguintes pautas para seguir unha formación de tipo virtual (en Pérez Tornero, J. M., & Tejedor Calvo, S. (2016). Ideas para aprender a aprender: manual de innovación educativa y tecnología. Editorial UOC):
- A liberdade que dá a aprendizaxe on-line require autodisciplina. Terás que xestionar os teus propios tempos e organizar o proceso de tal xeito que che permita rematar o traballo. Ser alumno/a on-line non é menos esixente que ser alumno/a presencial, senón todo o contrario: é probablemente máis esixente e require moito máis tempo. Para ter éxito como estudante en liña, terás que entregar traballos predirlles axuda a profesores/as e participar activamente nas colaboracións e debates cos teus compañeiros/as. Así, podes contribuír a crear unha contorna propicia para a parendizaxes tanto para ti como para os teus compañeiros/as.
- O papel das institucións de educación e toda a forma na que se organiza o sistema mudará coa execución dos novos programas de formación. A aprendizaxe mixta (on-line e presencial) activada nos centros de educación implicará novas responsabilidades para o persoal, que terá que darlle apoio ao seu alumnado; apoio online, nas cuestións técnicas, na contorna da aprendizaxe ao longo do proceso de estudo tamén. O papel é moi esixente para os/as formadores/as e, para axudar no proceso de adaptación, cómpre máis información. Sobre todo, o apoio no ámbito local é realmente importante para o éxito da formación e o estudo.
Carlos A. Scolari: “A xente moza non se limita a consumir pasivamente os medios; con eles xogan, hackéanos, mesturan os seus contidos e volven difundilos nas redes”
Carlos A. Scolari, coordinador do proxecto europeo Horizon 2020 Transmedia Literacy (Alfabetización Dixital), liderado pola Universitat Pompeu Fabra de Catalunya, afirmaba hai unhas semanas na revista arxentina Perfil que ao igual que a actual crise sociosanitaria lle dará luz a novos formatos para os medios de comunicación, tamén mudará para sempre a educación:
“A educación on-line tamén recibirá un grande empurrón despois desta crise. Como o caso do traballo, quizais o que se vén non sexa unha migración aos sistemas en liña, senón a modelos máis flexibles e mixtos, cara a formas semipresenciais (tamén coñecidas como blended learning)”.
O proxecto Transmedia Literacy parte da premisa de que a xente moza emprega diferentes dispositivos móbiles e non se limita a “consumir pasivamente os medios; con eles xogan, hackéanos, mesturan os seus contidos e volven difundilos nas redes… como aprenden a facer cousas cos medios fóra da escola? Podemos incorporar esas estratexias de aprendizaxe informal dentro das institucións educativas? É posible mudar a educación tradicional e recuperar estas prácticas extraescolares?”.
Henry Jenkins: “Un adolescente que está a facer os deberes pode facer xogos malabares con catro ou cinco xanelas”
Isto sucede nun contexto propio da sociedade postindustrial, que Henry Jenkins, profesor da USC de California (a segunda do seu nome) denomina de converxencia mediática:
“A converxencia mediática incide na nosa maneira de consumir os medios. Un adolescente que está a facer os seus deberes pode facer xogos malabares con catro ou cinco xanelas: navegar pola rede, escoitar e descargarse arquivos de MP3, chatear con amigos, escribir un traballo co procesador de textos e responder a correos electrónicos, cambiando rapidamente de tarefa. E os fans dunha serie popular de televisión poden seleccionar pasaxes do guión, resumir episodios, debater sobre algúns temas, crear ficción orixinal de afeccionados, gravar as súas propias bandas sonoras, facer as súas propias películas e distribuír todo isto por todo o mundo mediante Internet. A converxencia está a ter lugar nos mesmos aparellos, na mesma franquía, na mesma compañía, no cerebro do consumidor e entre os mesmos fans. A converxencia implica un cambio tanto no modo de produción como no modo de consumo dos medios”. (Henry Jenkins, Convergence Culture, p. 26-27).
Os alumnos confinados na cidade chinesa de Wuhan foron un banzo máis aló estes días de atrás:
Los niños de Wuhan, aislados y obligados a usar una app para recibir sus deberes, han sido capaces de hacerla desaparecer puntuándola masivamente con una sola estrella y yo no pude escaquearme de costura en el colegio. El XXI es el siglo de China DEFINITIVAMENTE. https://t.co/WCRrGmuhOF
— María Piñeiro (@mpineiroj) March 7, 2020
A web social, que facilita a participación e a interacción e que ten desenvolvido multiplicidade de redes sociais, resulta un acubillo perfecto para este modo de enfrontarse aos contidos, que non é novo nin propio unicamente do noso mundo actual. Cando unha persoa realiza ao mesmo tempo a función de emisor e receptor de mensaxes convértese nun emerec; cando alguén é á vez produtor e consumidor de textos, vídeos, ficción ou música é un prosumidor.
Sabemos todas e todos de profes que estes días están a preparar actividades polo Instagram, que abren canles de YouTube e que manteñen o contacto co seu alumnado a través do WhatsApp. A necesidade obriga. Scolari e o seu equipo teñen deseñado o seguinte mapa para explicar as habilidades transmedia das e dos adolescentes que botan o día pegados a un teléfono móbil:
Nicholas Carr: “Internet activa partes do noso cerebro que son boas para a multitarefa, pero non estamos a adestrar as que están implicadas na concentración e na reflexión profundas”
Fronte a posicionamentos utópicos ou ciberfetichistas como os de Scolari e Henry Jenkins, outros académicos como Nicholas Carr sosteñen desde hai décadas que o xeito no que consumimos contidos a través de internet e pantallas está a afectar a nosa capacidade de concentración. Vemos a continuación unha entrevista (subtitulada) con Nicholas Carr:
Porén, o arquitecto Nicholas Negroponte, case que un gurú da utopía da cibercultura (non ten xa nome profético, no estilo de Nostradamus?) e creador do Media Lab do Massachussetts Institute of Technology (MIT), defende o papel preponderante de internet no mundo contemporáneo. Negroponte, implicado desde 2005 no proxecto One Laptop per Child, que ten repartido ordenadores portátiles económicos entre as comunidades máis empobrecidas de Cambodia, Etiopía,Ruanda Afganistán, Mongolia ou Perú, sostén que a conectividade ten moito máis impacto sobre as persoas máis pobres do mundo e que esta acción é crucial tamén para a súa saúde.
Con todo, ata un dos máximos defensores das posibilidades educativas de internet, a aprendizaxe colaborativa e as intelixencias colectivas como é Negroponte ten por certo que ningún tipo de educación sería posible sen a figura das e dos mestres.
Témolo visto estas semanas en Galicia. Sabédelo vós mellor ca ninguén.
As dúas velocidades da educación virtual
A escola, sobre todo no que atinxe ás etapas preuniversitarias, é moito máis ca un mero recurso para adquirir coñecementos e saberes máis ou menos sofisticados. É un espazo de comunidade, de identidade. É a mellor oportunidade que as sociedades posúen para garantir a equidade, para acadar o logro da igualdade de oportunidades e para corrixir desde a infancia as carencias duns e os privilexios doutros.
A crise sociosanitaria do coronavirus ten deixado en evidencia a vulnerabilidade de familias que dependen do comedor escolar para faceren algunha comida quente ao día. Pon o foco nas dúas velocidades na educación virtual: unha autoestrada para aqueles e aquelas que dispoñen de recursos materiais e familiares (xa sexa en tempo, formación ou dispoñibilidade) e unha congostra para esoutros e esoutras procedentes de familias que simplemente non dan feito máis, por descoñecemento ou por imposibilidade.
Manuel Castells, académico da sociedade en rede antes ca ministro de Universidades, sinalaba hai uns días que a fenda dixital é un mito que está superado hai 20 anos:
“La brecha digital es un mito que viene de hace 20 años. El 91,4% de los hogares españoles tiene un ordenador. Hay menos desigualdad tecnológica que social. La brecha digital es mucho menor brecha que el conjunto de las brechas sociales”.
Manuel Castells en @SerGalicia. pic.twitter.com/ZsldUJ4STl
— Ministerio de Universidades (@UniversidadGob) May 4, 2020
Igual que a pobreza enerxética non é senón unha cara máis da pobreza, sen adxectivos, a fenda dixital é unha das múltiples facianas das fendas socioeconómicas. A fenda dixital vai moito máis aló de ter un teléfono móbil con conexión de datos. Cumpriría saber como é a calidade desa conexión, toda vez que en Lugo un total de 81.000 persoas, un de cada catro habitantes da provincia, teñen unha calidade de internet manifestamente mellorable, que se ten visto comprometida estas semanas de teledocencia.
Cobertura de internet por provincias. Publicado en El Progreso de Lugo o 8 de xaneiro de 2017
Así mesmo, é certo que unha gran maioría dos fogares galegos dispoñen dun ordenador persoal ou portátil, pero este recurso é insuficiente se nesa casa conviven varios adultos e menores que nesta pandemia pola Covid-19 tiveron que repartilo para o teletraballo e para as tarefas educativas. Que as e os adolescentes ata dormen co seu móbil? Si. E pode ser un recurso suficiente para recabar información, pero pouco práctico para redactar tarefas ou para o estudo.
A estes condicionantes máis tecnolóxicos inténtase poñer remedio a través de liñas de axudas e doazóns de portátiles. Aínda así, unha das imaxes que nos deixa esta corentena é a do alumnado do colexio público de Baralla a facer as contas de Matemáticas co seu profe a través de walkie-talkies, grazas ao apoio dun grupo de radioafeccionados dos Ancares:
https://twitter.com/RTVEGalicia/status/1252236649133559809?s=20
As ondas da radio (xa sexa onda curta, onda media ou frecuencia modulada), teñen sido aliadas da educación en todo o mundo, sobre todo desde a fin da Segunda Guerra Mundial. En 1965 naceu en Gran Canaria Radio Ecca, que hoxe estende a súa acción a todo o Estado español e que ten a súa sede galega en Vigo. Oferta contidos de alfabetización de adultos, Bacharelato e Formación Profesional, así como proxectos europeos e ensino non formal.
Co obxecto de mitigar os efectos da fenda dixital, tanto TVE (a través de La2 e Clan TV) e TVG teñen incorporado á súa oferta televisiva contidos de tipo educativo, xa sexa en forma de clases de repaso clasificadas por materias e niveis ou de contidos máis xerais de tipo divulgativo. Nalgúns países do noso ámbito, como Portugal, a corporación pública de radiodifusión dispón dunha canle exclusiva para contidos didácticos, RTP Esina, que é herdeira directa dun programa, Telescola, que comezara a emitirse en 1965.
Un informe feito público hai uns días por Unicef, que emprega datos obtidos nunha enquisa sobre a educación a distancia desenvolvida en 127 países durante a actual pandemia de Covid, indica que os medios máis empregados en todo o mundo como alternativas ás clases presencias foron os seguintes:
Houbo en Galicia un programa pedagóxico, Preescolar na Casa, de educación infantil, que chegaba a 4.000 familias de todo o país cada ano académico, sobre todo nas áreas rurais máis dispersas, e que se valía de todos os recursos sinalados na infografía anterior: a radio (Radio Nacional de España en Galicia e Radio Principal en Monforte, Quiroga ou Vilalba), a televisión (Televisión de Galicia), o teletexto da TVG visitas domiciliarias, ludotecas e bibliotecas itinerantes e unha páxina web que comezara a funcionar en 1998, case na prehistoria de Internet, e que foi elixida no ano 2000 por Educaweb coma o servidor máis importante en materia educativa de todo o Estado.
Preescolar na Casa nacera en 1977 e liquidouse en 2012 por falta de apoio institucional. A súa experiencia didáctica, a súa implantación no territorio e a súa rede terían sido impagables nun contexto como o actual. A asociación socioeducativa Antonio Gandoy recolle hoxe o legado de Preescolar na Casa.
Wicho: “Todos somos migrantes dixitais, aínda que algúns veñamos de máis lonxe ca outros”
Outro dos aspectos que interveñen na fenda dixital é a falta de alfabetización mediática e/ou transmedia, tanto por parte do alumnado como das familias, que se ven incapacitadas para axudalos a facer as tarefas. Así, algunha profe ten manifestado estes días que por moito que haxa adolescentes que son quen de facer virguerías co seu teléfono, nunca ata o de agora adxuntaran un documento de texto nun correo electrónico, porque ninguén lles aprendeu a facelo. Do mesmo xeito, son abondosos os concellos que se están a ofrecer para imprimir e enviar os deberes de quen non pode facelo cos seus propios recursos.
Esta realidade, segundo o divulgador científico Javier Pedreira, Wicho, un dos fundadores de Microsiervos, reafirma a idea de que os nativos dixitais non existen:
Los nativos digitales no existen é un libro coordinado polo propio Wicho e Susana Lluna, no que interveñen 17 autores e autoras, e que se distribúe baixo licenza Creative Commons. Este volume parte dos conceptos de nativo dixital e migrante dixital, acuñados polo divulgador educativo estadounidense Marc Prensky en 2001 para referirse a un tipo de alumnado que comezaba a aparecer nas aulas naquela altura: os que non concibían imprimir un documento, por exemplo, ou eran quen de editar cambios directamente en pantalla, sen pasar polo papel.
Sobre esto de los nativos digitales que no existen igual os suena que coordiné junto con @SusanaLluna un libro en el que escribe un montón de gente que sabe mucho del tema. Y como tiene licencia CC si lo queréis no tenéis más que mandarme por DM vuestro correo electrónico. pic.twitter.com/8x1X3fwQp6
— Wicho, parapetado en la ciencia @ 127.0.0.1 (@wicho) April 20, 2020
Wicho sostén que o termo nativo dixital se vén utilizando mal desde hai anos: “Todos somos migrantes dixitais, aínda que algúns veñamos de máis lonxe ca outros”, enfatiza.
Esta situación anómala de confinamento e clases suspendidas está contribuíndo a afondar, asemade, outra fenda: a de xénero.
Las mujeres con menores que teletrabajan soportan la mayor parte del estrés del confinamiento #coronavirus
El seguimiento escolar de hijos e hijas en edad educativa lo hacen sobre todo las madres que también suelen facilitar el teletrabajo a sus parejashttps://t.co/ds1au70wPm pic.twitter.com/mblWrY5xDf
— Observatorio de Derecho Social del Menor IB (@Alonso_Medinas) May 4, 2020
Que aprendizaxes tiraremos desta crise para a vindeira?
De cara a unha axenda post Covid-19, Unicef achega as seguintes recomendacións para os/as responsables das políticas de ensino:
- Os sistemas educativos necesitan un Plan B para impartir aprendizaxes seguras e eficaces ao pechar as escolas. Os sistemas resistentes dispoñen de recursos e redundancias que poden seren aproveitados en momentos de choque cando os modelos de entrega básica son interrompidos. Producir recursos dixitais e medios accesibles baseados no currículo non só permitirá unha resposta máis rápida, senón que o seu uso nos tempos comúns tamén pode enriquecer as oportunidades de aprendizaxe dos nenos dentro e fóra da escola.
- O investimento en infraestruturas en zonas remotas e rurais para chegar a nenos e nenas en situación de marxinalidade debería ser unha prioridade. Iniciativas como Generation Unlimited e GIGA, unha asociación UIT-UNICEF que pretende proporcionarlles conectividade ás escolas, e os investimentos domésticos en infraestruturas de electricidade e conectividade democratizarán o acceso, aumentando as opcións de aprendizaxes a distancia e acelerando a resposta durante os peches escolares.
- A formación do profesorado debería cambiar. Será útil tanto en momentos de normalidade como de crise para construír a capacidade do profesorado para xestionar unha aula virtual a distancia, mellorar as súas técnicas de presentación, adestralos para adaptar sesións de seguimento coas familias e/ou coidadores e mesturar tecnoloxía de xeito eficaz nas súas leccións. Moitos profesores poderán aproveitar os saberes e coñecementos que teñen adquirido rapidamente para responder a esta crise.
- A investigación aplicada para aprender e compartir o que funciona é máis importante ca nunca. É necesario un foco maior na posta en marcha e na investigación operativa para desenvolver formas prácticas de mellorar a formación do profesorado, a produción de contido, o compromiso das familias e potenciar o uso de tecnoloxías a escala.
Como peche, queda aquí esta reflexión de Carlos A. Scolari:
Hoy leí un comentario en la red muy inspirador: si los jóvenes comienzan a identificar el ordenador y otros dispositivos digitales con "lo educativo"… ¿Cuánto tardarán en tenerles fobia y tomar distancia de ellos? 🤔🤔🤔🤔🤔 #mediaevolutiom pic.twitter.com/m6DjKSrmJt
— Carlos A. Scolari (@cscolari) May 9, 2020
Glosario
Alfabetización transmedia | Conxunto de habilidades, prácticas, valores, sensibilidades e estratexias de aprendizaxe e intercambio desenvolvidas e aplicadas no contexto das novas culturas participativas ao abeiro de internet e as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). O coñecemento dos medios, os soportes e a experiencia de usuario/a fanse imprescindibles para habitar o mundo contemporáneo. |
Banda larga | Calquera tipo de rede de telecomunicacións con elevada capacidade para transportar información que incide na velocidade de transmisión desta. |
Cultura participativa | Cultura na que fans e outros/as consumidores/as son convidados/as a participar activamente da creación e da circulación de novos contidos. |
Emerec | É un vocablo composto que nace de cruzar as palabras emisor e receptor. Tamén aparece como emirec na literatura académica (sobre todo na América de fala española). Foi acuñado polo investigador francocanadense Jean Cloutier. |
Fenda dixital | A ONU, na súa Declaración do Milenio, definiu a fenda dixital como “a distancia que hai entre as persoas, os colectivos sociais e os países que teñen acceso ás TIC e aqueles/as que non dispoñen destes recursos”. |
Intelixencias colectivas | Termo de Pierre Lévy para se referir á capacidade de comunidades virtuais de tirar proveito do coñecemento e a especialización dos/as seus/súas membros, normalmente pola colaboración e discusión a ampla escala. Lévy considera a intelixencia colectiva unha nova forma de poder. |
Hipermedia/multimedia | As narracións/exposicións multimedia combinan varios soportes —imaxe, vídeo, texto, mapas, son—. O hipermedia é o resultado de engadirlle á comunicación multimedia hipertexto —hipervínculos para ligar artigos en internet—. |
Nativo dixital | Concepto creado por Marc Prensky en 2001 para referirse ás e aos estudantes máis novos que estaban familiarizados coa linguaxe e os usos de internet e dos dispositivos TIC desde idades temperás. |
Migrante dixital | Como reverso do nativo dixital, Prensky opón o migrante dixital, que ten que alfabetizarse en idade adulta no uso da linguaxe de internet e os dispositivos TIC. |
Multipantalla | Forma de consumo de contidos dixitais máis habitual, a través de múltiples dispositivos que poden ser un televisor, un teléfono móbil, unha tablet, un libro electrónico… En moitos dos casos, as redes sociais, desde o móbil, funcionan como unha segunda pantalla para comentar e lerchear sobre o que se está a ver no televisor. Sucede así con espectáculos deportivos, culturais ou políticos e, sobre todo, cos programas de telerrealidade. |
Prosumo | É o escritor futurista Alvin Toffler quen primeiro emprega a palabra prosumo (prosumption, en inglés). O prosumidor/a produce para si propio e para terceiros/as. O público xa non acepta tan cal vén, senón que negocia, participa nos contidos que xeran os medios e ten ao seu dispor medios e contidos cada vez máis especializados, así como multiplicidadede canles. |
Sociedade postindustrial | En Socioloxía, é o estadio de desenvolvemento da sociedade no que o sector servizos xera máis riqueza que o sector industrial e manufactureiro. |
Transmedia | Concepto acuñado por Henry Jenkins. Refírese a contar a través de múltiples medios —cine, televisión, cómic, videoxogos, parques temáticos, podcasts, portais web—. Os proxectos transmedia involucran distintas plataformas e distintas linguaxes —verbal, icónica (emojis), audiovisual (memes)—. As narrativas transmedia existen desde a orixe da humanidade (os capiteis do románico, murais, tapices). Adoitan ser un entramado de historias nas que podemos observar como medran, como lles nacen secuelas, precuelas, spin-off e novos personaxes. Exemplos de narrativas transmedia contemporáneas: Matrix, Star Wars, LOTR, Pokémon, Universo Marvel, A Song of Ice and Fire, Harry Potter, Skam… |
Web 2.0 | Termo acuñado por Tim O’Reilly para se referir a novos tipos de empresas mediáticas que utilizan redes sociais, contido xerado polo usuario ou contido moderado polo usuario. O’Reilly considera esas empresas como creadoras de novos tipos de valor, a través do soporte da cultura participativa e da exploración da intelixencia colectiva dos/as seus/súas consumidores/as. |
Marta Veiga Izaguirre,
xestora de XuvenCiencia e
profesora asociada da área de Xornalismo da USC
Recursos web
Portal educativo Aulas Galegas, no que varios docentes de diferentes niveis educativos e áreas temáticas partillan recursos.
A Ciencia Clip, a canle en YouTube de Xacobo de Toro Cacharrón.
Os resumos de Literatura Galega para Selectividade de Nee Barros na súa canle Neeumatiko de YouTube.
Aprendemos en casa, proxecto de RTVE.
‘A TVG emitirá de luns a venres, pola G2, un bloque educativo para apoiar os estudantes galegos‘, nova no web da CRTVG do 21 de marzo de 2020.
Podcast do programa Efervesciencia de Manuel Vicente na Radio Galega.
RTP Ensina, canle dedicada á teledocencia da radiotelevisión pública portuguesa.
Concienciadas en Praza Pública.
O blog XuvenCiencia, por suposto.
Fontes
Media Literacy and New Humanism, de Tapio Varis e José Manuel Pérez Tornero para o Instituto de Tecnoloxías da Información para a educación da Unesco.
Mapa de competencias transmedia, do proxecto Horizon 2020 Transmedia Literacy.
Libro branco Alfabetismo transmedia en la nueva ecología de los medios, de Carlos Scolari, resultado dun proxecto europeo Horizon 2020 desenvolvido polas universidades Pompeu Fabra, Oberta de Catalunya, University of Oxford (Reino Unido), Jyväskylän Yliopisto (Finlandia), Universidade do Minho (Portugal), Universidad de la República (Uruguay), Pontificia Universidad Javeriana (Colombia), Università degli Studi di Torino (Italia), Ars Media (Italia), RMIT University (Australia), INDIRE (Ricerca per l’Innovazione della Scuola Italiana).
Adolescentes, medios de comunicación y cultura colaborativa, coordinado por Carlos Scolari, con recomendacións para aproveitar as competencias transmedia da mocidade nas aulas.
El futuro según Nicholas Negroponte, no podcast do programa 5.0 de Radio 5 de RNE.
Promising practices for equitable remote learning. Emerging lessons from COVID-19 education responses in 127 countries from UNICEF, informe elaborado sobre a práctica da teledocencia en países de todo o mundo durante a actual pandemia de Covid-19.
Nativos digitales, migrantes digitales, artigo publicado en 2001 polo divulgador educativo Marc Prensky, no que se acuña o concepto de nativo dixital.
Los nativos digitales no existen, publicación colectiva de 17 autores coordinada por Susana Lluna e Javier Pedreira.
Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado
Publicacións en medios de comunicación
‘Coronavirus: El 11-S de la generación Z’, artículo de opinión de Carlos A. Scolari en Perfil.com do 17 de marzo de 2020.
‘Los niños chinos confinados por el coronavirus sabotean la aplicación que distribuye los deberes en casa‘, información publicada en La Vanguardia o 9 de marzo de 2020.
‘Unos 81.000 lucenses carecen de conexión de calidad a internet‘, reportaxe en El Progreso de Lugo do 8 de xaneiro de 2017.
‘Galicia es la comunidad en la que menos hogares disponen de conexión a internet‘, información de La Opinión de A Coruña do 7 de outubro de 2019.
‘O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e de Telecomunicacións de Galicia denuncia que a crise sanitaria agrava a fenda dixital galega‘, información na revista on-line Código Cero do 20 de marzo de 2020.
‘Anpas gallegas ven una educación a distancia a dos velocidades‘, información en Faro Educa, o suplemento educativo de Faro de Vigo do 12 de abril de 2020.
‘“Desconectados” del colegio: “Tiramos cos datos do móbil”‘, información en La Región de Ourense do 24 de marzo de 2020.
‘Un curso con un futuro incierto que deberá afrontar la teledocencia como elemento clave‘, información publicada en Diario de Pontevedra o 2 de abril de 2020.
‘Educación, AMTEGA e concellos incrementarán o subministro educativo de equipamentos e conectividade‘, información de Código Cero do 28 de abril de 2020.
‘Un 61% del profesorado afirma tener problemas para conectar con su alumnado‘, nova do servizo de Europa Press en Galicia, do 20 de abril de 2020.
‘Walkie-talkies para corrixir os deberes de punta a punta de Baralla‘, reportaxe publicada en Lugo Xornal o 3 de abril de 2020.
‘Así es la teledocencia en Galicia: “Hai alumnos que non saben adxuntar documentos”‘, información publicada en La Voz de Galicia 0 12 de abril de 2020.
‘A Universidade impulsa un programa de préstamo de material informático e de conexión a servizos de rede‘, nova publicada no Xornal da USC o 8 de maio de 2020.