Carrachas e velutinas: dúas razóns para observar a primavera con ollos científicos

Ambas as especies están presentes nos ecosistemas galegos. Tanto o arácnido como o himenóptero constitúen un excelente exemplo de como a investigación nos axuda a comprender mellor os cambios que se producen na nosa contorna. Desde Ciencia á Feira contámosche como poden afectar ás persoas e á biodiversidade

Por: MVI/XuvenCiencia

A primavera convida a saír da casa. Os días medran, os montes énchense de actividade e as excursións, os traballos agrícolas e os paseos pola natureza volven formar parte da nosa rutina. Mais esta é tamén a época do ano na que debemos prestar especial atención a dúas especies de invertebrados que teñen un impacto crecente en Galicia: as carrachas e as velutinas.

Nos últimos anos, as carrachas convertéronse nunha preocupación acuciante para os servizos sanitarios e para a comunidade científica. Estes pequenos artrópodos poden transmitir diferentes patóxenos responsables de doenzas, como a enfermidade de Lyme, que afectan ás persoas e aos animais.

Hai apenas uns días coñecíase unha investigación desenvolvida desde o Campus Terra da USC que revela que a carracha que transmite a febre hemorráxica de Crimea-Congo duplicou a súa presenza nun ano e segue a expandirse cara a novas áreas de Galicia, especialmente no oriente do país.

Garrapata Alert

Conscientes desta realidade, o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas veñen de lanzar a aplicación Garrapata Alert, unha ferramenta que permitirá mellorar o seguimento das picadas e coñecer mellor a distribución destas especies en España.

Desde Ciencia á Feira, o proxecto de ciencia comunitaria de XuvenCiencia, levamos xa tres cursos a traballar esta temática, tanto con alumnado de escolas e institutos como con público en xeral. Nos obradoiros da RedeCiencia das Comarcas, analizamos os ciclos biolóxicos das carrachas, identificamos os principais patóxenos que poden transmitir e difundimos recomendacións para reducir o risco de picada.

Tamén elaboramos materiais divulgativos nos que incluímos como actuar se unha carracha se fixa á nosa pel: explicamos a importancia dunha extracción correcta e da vixilancia posterior dos síntomas.

📹 Neste vídeo, as veterinarias Inma e Marta explican algunhas das claves para coñecer mellor estes artrópodos e convivir con eles de forma segura:

Velutinas: cando unha especie invasora ameaza os polinizadores

A primavera tamén marca o inicio dun momento clave no ciclo anual da velutina. Tras pasar o inverno agochadas, as raíñas fundadoras comezan agora a construír os niños primarios dos que xurdirán as futuras colonias.

A expansión da vespa velutina converteuse nun dos maiores desafíos para a apicultura galega. A súa presenza afecta directamente ás abellas melíferas, fundamentais para a produción de mel e para a polinización dunha enorme cantidade de plantas silvestres e cultivadas.

Precisamente coincidindo co Día Mundial das Abellas, os investigadores da USC Damián Copena e María A. Ferreira Golpe analizaban recentemente os principais retos que afronta a apicultura española. Entre eles, a presión exercida pola velutina aparece como unha das preocupacións máis importantes, xunto coa contaminación, o cambio climático e determinados usos de pesticidas.

Desde Ciencia á Feira tamén levamos anos traballando arredor desta problemática. Persoas de todas as idades teñen participado en actividades que permiten comprender como se espallan as especies invasoras, que impacto teñen sobre os ecosistemas e por que é tan importante conservar os insectos polinizadores.

📹 Neste vídeo, Xulio, biólogo, e Ana Isabel, economista, desmiúzan como funcionan as especies alóctonas e como comprometen o equilibro do ecosistema. Asemade, tamén apuntan o custo económico que supón a velutina a actividades esenciais no sector primario galego como a produción de mel e tamén a de froitas e a viticultura:

Ciencia comunitaria para comprender o que está a cambiar

Carrachas e velutinas son dous exemplos de fenómenos que están a transformar o noso territorio e que requiren de información rigorosa para seren comprendidos. A súa expansión está relacionada con factores ambientais, ecolóxicos e sociais que só podemos analizar desde o coñecemento científico.

Por iso, iniciativas como Ciencia á Feira, financiada pola FECTY e a área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, permiten que poboación escolar, profesorado, persoal investigador e cidadanía en xeral colaboren na observación da contorna, compartan coñecementos e participen activamente na construción dunha cultura científica tanxible e aplicable á nosa realidade social e económica.

Esta primavera, cando saias ao monte, á horta ou a deitarte na herba á sombra dunha mazaira, lembra que a natureza está chea de preguntas interesantes. Algunhas teñen o tamaño dunha carracha. Outras, aparecen no voo dunha velutina. Todas teñen algo en común: comprender como funcionan é o primeiro paso para convivir mellor co noso medio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *