Ciencia á Feira: coñecemento en galego para un saber con raíces

O grupo de innovación docente XuvenCiencia reivindica neste Mes das Letras Galegas o valor da lingua propia como vehículo para a investigación, a divulgación e a participación cidadá

Por: MVI/XuvenCiencia

No grupo de innovación docente XuvenCiencia, no campus de Lugo da USC, convivimos persoas procedentes de áreas de coñecemento moi diversas. Traballamos entre a bioloxía, a física, a química, a veterinaria, as matemáticas, a enxeñaría, as ciencias sociais ou a comunicación científica. Tamén vimos de lugares diferentes, ás veces afastados entre si. Mais compartimos unha mesma maneira de entender o coñecemento: aberta, colaborativa e fondamente ligada ao territorio e ás persoas.

Por iso, para quen conformamos XuvenCiencia, a lingua non é un detalle accesorio nin unha chiscadela que facemos unicamente o 17 de maio. O galego é unha ferramenta irrenunciable de pensamento, aprendizaxe e creación colectiva. É a lingua na que preguntamos, explicamos, experimentamos e construímos comunidade. Por iso aproveitamos este Día das Letras Galegas e este Mes das Letras Galegas para deixarvos este amigable lembrete de que en galego podemos (e debemos) contalo todo.

Máis galego, mellor ciencia

Nestes días, ademais, chega un novo informe promovido polo Consello da Cultura Galega sobre a divulgación científica en galego nas redes sociais, no que se lembra algo fundamental: que a presenza da ciencia en galego non só é posible, senón necesaria para crear pensamento crítico, identidade e comunidade arredor do coñecemento. O informe insiste tamén en que o galego pode funcionar como un valor engadido na divulgación científica e non como unha limitación.

Esa é precisamente a filosofía coa que desenvolvemos proxectos como Ciencia á Feira 2025/2026, financiado pola FECYT e pola área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo. Un proxecto de ciencia cidadá e interxeracional que procura conectar o coñecemento científico coas preocupacións reais da xente deste país: o territorio, o rural, o medio ambiente, a alimentación, a sustentabilidade ou os coidados.

 

Desde aquí e para nós

Estamos convencidas e convencidos de que o galego é un material condutor tan bo como calquera para o coñecemento científico. Mais tamén pensamos que é o mellor de todos eles para construír unha ciencia feita desde Galicia, para Galicia e coas persoas de Galicia. Unha ciencia que non aspire só a transferir resultados, senón tamén a escoitar, dialogar e crear vínculos.

Neste Día das Letras Galegas queremos reivindicar precisamente iso: o dereito —e tamén a responsabilidade— de facer ciencia en galego. Porque cada experimento, cada feira científica, cada conversa nunha aula ou nunha praza contribúe tamén a manter viva unha lingua capaz de nomear o mundo, de interpretalo e de transformalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *