Como se vén o Campus de Verán XuvenCiencia 2022?

Recuperamos a Xincana e visitas a empresas e centros tecnolóxicos como Finsa, Larsa, Norvento, CIAR de Rozas, Xenética Fontao, o edificio bioclimático Life Lugo + Biodinámico, o Hospital Universitario Lucus Augusti ou o Hospital Veterinario Rof Codina. A danza, o teatro, a videocreación e os monólogos científicos tamén terán cabida

Por: MVI / XuvenCiencia

O alumnado poderá escoller para participar no Campus de Verán XuvenCiencia 2022 entre 16 proxectos. Asemade, o programa recupera obradoiros e actividades como a Xincana XuvenCiencia, unha das actividades favoritas edición tras edición e que nesta ocasión servirá como proba de apertura, co propósito de que as e os xuvencientíficos se coñezan cunha proposta pensada para confraternizar e tecer alianzas.

De igual modo, prográmanse visitas a empresas e centros científicos e tecnolóxicos, que nesta ocasión serán Larsa, Finsa, Norvento, Xenética Fontao o CIAR de Rozas, o edificio bioclimático do proxecto Life Lugo + Biodinámico, o Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) e o Hospital Veterinario Rof Codina. Tras o éxito acadado o ano pasado, regresa tamén a XuvenFeira, a Feira de Ciencia do Campus de Lugo, que percorrerá a Aula de Habilidades Clínicas da facultade de Veterinaria, demostracións de Robótica e Realidade Aumentada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e obradoiros na Aula de Produtos Lácteos e nos laboratorios do CACTUS.

Un espazo para as artes

O alumnado do Campus de Verán XuvenCiencia 2022 terá tamén a oportunidade de participar en visitas guiadas polo casco histórico de Lugo –coa colaboración do Concello–, así como de asistir a clases maxistrais impartidas desde o Espazo de Danza e a Aula de Teatro do Campus da USC en Lugo. Haberá, ao igual que en edicións anteriores, obradoiros de edición de videocreación –a cargo de Merenda Dixital– e de edición de vídeo divulgativo, onde cada grupo encargarase da produción, gravación e elaboración da súa propia peza audiovisual, que participarán a concurso no Festival de Vídeos XuvenCiencia, nos que se entregarán os premios Proxéctate en Galego e Aresa Júnior.

Da man da doutora en Veterinaria e divulgadora Eva Cabanelas e do proxecto Ciencia Calidade desenvolverase para a sesión de despedida do venres un evento de monólogos científicos que precederá a entrega de diplomas e a xa habitual XuvenFesta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *