Estudantes do campus de Lugo súmanse a Coronavirus Makers para crear material sanitario

O grupo XuvenCiencia da USC fará unha entrega de material de impresión destinado a realizar 250 viseiras protectoras

Por: Marta Veiga, XuvenCiencia

“Sóuboo Lucas polo Instagram, mandoumo e apuntounos ao momento”. Quen fala é Yasmina Vázquez Penelo, alumna de primeiro curso de Robótica do campus de Lugo da USC e unha das 1.600 persoas voluntarias do proxecto Coronavirus Makers Galicia. E Lucas é o seu compañeiro de carreira Lucas Campillo de Andrés, tamén implicado nesta iniciativa que crea diariamente en impresoras 3D arredor de 1.000 protectores validados para persoal sanitario e de centros asistenciais e de maiores.

O grupo de innovación docente XuvenCiencia do campus de Lugo vai facer unha entrega de material de impresión para a realización de 250 destas viseiras de protección, co obxecto de achegar o seu pequeno gran de area a esta iniciativa que nace baixo a filosofía do movemento maker.

Os estudantes de 1º de Robótica Yasmina Vázquez Penelo e Lucas Campillo de Andrés

 

Arquivos validados

Yasmina aproveita que estes son tempos de #QuedanaCasa e confinamento e encárgase concretamente de imprimir viseiras. “Aínda nos entretemos con isto. Sempre se pode axudar”. Os coordinadores de Coronavirus Markers soben a Google Drive os arquivos validados e eles imprimen. “Cada lote de cinco metémolo en bolsas de conxelados, con peche de zip, e enviámolos á farmacia máis próxima, que funciona como punto de recollida, coordinado polo 061“, comenta.

Un dos deseños de Coronavirus Makers
Un dos deseños de viseira protectora de Coronavirus Makers, validado por Sanidade

 

Tanto a impresora 3D de Yasmina como a de Lucas son o mesmo modelo. “Foi Lucas quen se encargou de pasarme os deseños, porque para cada impresora hai que adaptalos. Logo resultou, que pese a que aos dous dispoñemos da mesma marca e modelo de impresora, pequenos factores como as diferencias entre marcas de filamentos e pequenas variacións nos axustes das impresoras levounos a que cada un tivese que facer unha calibración detallada do deseño para obter una resultados bos no menos tempo posible“.

Neste vídeo gravado por Lucas podemos observar como se imprime unha destas viseiras protectoras:

 

Yasmina e Lucas imprimen os deseños neste filamento que recibe o nome técnico de PLA, “que é o básico”. “Poderíase imprimir tamén con ABS, pero precisas unha impresora pechada, debido a que os cambios de temperatura afectan a peza“. Imprimimos as viseiras de tres en tres e tardan en estar listas “arredor de hora e media, dependendo dos parámetros e das boquillas“. O ritmo de traballo da impresora de Yasmina xa a obrigou a facer “unha parada de mantemento”.

Ambos os estudantes de Robótica do Campus de Lugo teñen un programa Cura e “cada viseira gasta uns 10 metros de PLA“. Afortunadamente, desvela Yasmina, “antes de que empezase todo este lío fixera un pedido importante de material e aínda temos cinco kilos”.

O programa Ultimaker Cura de impresión3D

 

Pola súa banda, Yasmina, para facer chegar os materiais ás farmacias, axúdase de seu pai —”que ten que saír para traballar”—,  que é quen fai a entrega en man cando ela vai xuntando catro ou cinco paquetes. El acode ás boticas que traballan en Lugo con COFANO, a Cooperativa Galega de Farmacia, que tamén é unha das entidades colaboradoras neste proxecto.

Aceptan doazóns de materiais e recursos, pero non diñeiro

Coronavirus MakersGalicia traballa en rede coa plataforma estatal de Coronavirus Makers —con 16.000 persoas voluntarias— para producir respiradores 3D ou téxtiles, entre outros materiais sanitarios, como as pantallas que desenvolven a partir de protectores de PVC de encadernar. Aceptan doazóns de material ou en recursos humanos, pero non cartos. Para máis información sobre a iniciativa, podedes consultar a sua páxina web.

Said é o voceiro de Coronavirus Makers Galicia e sinala que son 300 as impresoras que hai en toda Galicia agora mesmo creando diferente material protector, pero que na iniciativa colaboran e implícanse a comunidade maker, “pero tamén xente que se dedica a moitísimas outras cousas: avogados, amos e amas de casa, deseñadores, médicos…”.

Plataforma aberta á cidadanía

“Coronavirus Makers Galicia é unha plataforma aberta a toda a cidadanía, empresas e profesionais que queiran achegar as súas capacidades e coñecementos nas áreas que abranguen desde a análise de formación científica á antedita creación de respiradores ou capnógrafos. Toda esa capacidade de produción de material ponse á disposición dos responsables sanitarios para o seu inmediato desenvolvemento”, explica.

“Intentamos que todo se faga coa meirande transparencia posible e por iso cada protector leva un rexistro de impresión e un número de identificación. Cando son recollidos polo 061 nas farmacias, todos os protectores son levados a un centro loxístico para seren desinfectados e desde aí son distribuídos a todo tipo de centros públicos. É moi satisfactorio cando nos chegan fotos de persoal sanitario de hospitais como o de Burela cos nosos protectores”.

Sobre este último aspecto, anima tamén ás residencias de maiores a que se poñan en contacto con eles se precisan este tipo de material. “Só é necesario que a través da nosa web deixen un contacto do ou da xerente e que nos conten as súas necesidades”. Poden facelo tanto a través da web como das redes sociais de Facebook e Instagram.

Filosofía da cultura maker

Said considera que a cultura maker, que naceu co propósito de darlle un uso ético á tecnoloxía, de xeito que axude a crear redes de aprendizaxe colaborativa e de partillado de trebellos e contribúa a facer un mundo con mellor acceso ao coñecemento e á ciencia, debe aproveitar as conexións e o capital humano “incrible” evidenciados durante esta pandemia para encetar novas iniciativas de futuro para a sociedade.

 

 

 

 

2 Responses

  1. Ola, bo día.
    Somos persoas do SERGAS.
    Pregunto a niven individual, se nos podedes facilitar material de protección. Aqui só temos mascarillas quirurxicas.
    Grazas. É unha consulta individual.
    Quería saber de como se poden solicitar as oantallas, se ten q ser un servizo determinado do Hula, o pode ser a nivel individual. Grazas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *