Fotometrix: o novo fotómetro de XuvenCiencia – pequeno pero matón!

Por: XuvenCiencia

O sensor Fotometrix

O novo kit Fotometrix “Análise Fotométrica do Contido de Proteína” do grupo XuvenCiencia ten como obxectivo familiarizar o alumnado coa análise química e bioquímica utilizando unha ferramenta de amplo uso como é o fotómetro e aplicándoa á determinación analítica da proteína contida nun alimento.

A parte central do kit é o novo fotómetro móbil baseado no micro-controlador Arduino e a impresión 3D, que realiza as medidas de absorbancia cunha precisión sorprendente para o seu tamaño e custo.

Esquema do sensor Fotometrix

A fonte de luz é un LED de alta potencia que emite tres cores: vermello, verde e azul. A luz do LED atravesa a cubeta co analito e incide sobre un detector de luz de alta sensibilidade.

Un micro-controlador tipo Arduino fai os cálculos necesarios para determinar a absorbancia da luz das mostras. Tamén xera unha rede wifi propia que conecta co móbil do usuario para controlar o fotómetro.

Na seguinte figura comparamos o Fotometrix cun fotómetro de laboratorio (LKB-Novaspec II):

Gráfica da correlación entre o Fotometrix e un fotómetro comercial

As absorbancias medidas co Fotometrix (eixe Y) coinciden cos do fotómetro comercial (eixe X) cunha proporcionalidade entre eles é de 1,005, e cun excelente coeficiente de correlación R2 de 0,9995.

As rectas de calibrado do contido en proteína medidos cos dous equipos solapan tamén perfectamente entre si, cunhas diferencias moito máis pequenas có propio erro da preparación das mostras do patrón (Círculos azuis: Equipo comercial, triángulos vermellos: Fotometrix).

Exemplo da recta de calibrado do Fotometrix

O kit contén os reactivos e o material necesario para a valoración cuantitativa da proteína presente nun alimento e utiliza o método de Lowry. Esta técnica baséase na formación dun complexo coloreado coa proteína presente na mostra ao engadir os reactivos, sendo a intensidade da cor proporcional á concentración de proteínas. Pódense utilizar diversos alimentos: líquidos, como pode ser leite, zumes ou clara de ovo, pero tamén extractos de alimentos triturados e filtrados.

O Fotometrix é unha ferramenta versátil é moi axeitada para alumnado de STEMBACH e Clubs de Ciencias, pero que pode adaptarse a calquera nivel de ensino medio.

O kit pode adquirirse no marco da VI Xornada XuvenCiencia para profesorado na que XuvenCiencia oferta formación para os docentes de secundaria que desenvolven os proxectos nos institutos. Trátase de obradoiros enteiramente prácticos no Campus de Lugo os días 10 e 11 de xaneiro de 2020, nunha data que fixaremos co profesorado asistente logo da xornada inaugural e o día 29 de maio de 2020.

Tamén estará dispoñible na XuvenTenda na web do Grupo XuvenCiencia.

O sensor do Fotometrix baséase no “fotómetro móbil con conexión WLAN/Wifi” desenvolvido polo Laboratorio de automatización de bioprocesos da Universidade de Ciencias Aplicadas de Hamburgo en Alemaña.

O kit Fotometrix forma parte do proxecto ‘XuvenCiencia – Fago, logo aprendo’ que conta con financiamento da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *