O Campus de Lugo da USC aborda a loita contra a enfermidade de alzhéimer de xeito multidisciplinar, grazas ao labor de equipos de investigación que traballan desde a escala molecular ata o cribado clínico e o estudo de modelos animais naturais.
Ciencia á Feira é un proxecto de divulgación científica interxeracional e comunitaria de XuvenCiencia, financiado pola FECYT e pola área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Neste curso 2026/2027 Ciencia á Feira estrea a súa cuarta edición cun vídeo no que se visibiliza o quefacer de distintos grupos investigadores do Campus Terra da USC neste sentido.
-
Química-Física: agregación molecular
O grupo liderado por Mercedes Novo Rodríguez e Wajih Al-Soufi (Facultade de Ciencias) centra a súa investigación no comportamento do beta-amiloide, o péptido que se agrega no cerebro formando as placas senís.

Stella Hernández Farias de Moraes.
- Concentración de agregación crítica (cac): Identificaron un limiar específico, que se corresponde cun cac = 0,09 µM (micromolar) para o Aβ42 (o péptido de beta-amiloide de 42 aminoácidos). Por baixo dese limiar non se forman os agregados tóxicos, o que permite deseñar estratexias para manter a proteína en niveis seguros.
- Interacción do beta-amiloide coa albumina do sangue: Nesta liña de traballo investígase o mecanismo de interacción do beta-amilode coa albúmina como base do ensaio clínico AMBAR, que busca “secuestrar” o péptido do torrente sanguíneo a través da albúmina para facilitar a desagregación e a eliminación do amiloide no cerebro (remeda a técnica da diálise).

Diego Cora Calvo.
Os investigadores predoutorais Diego Cora e Stella Hernández traballan nesta liña, baixo o suposto de que a acumulación e agregación de proteínas beta-amiloide no cerebro actúan como detonantes dunha fervenza patolóxica que destrúe as neuronas. Destácase que o problema principal nos pacientes non é o exceso de produción destas substancias, senón a súa deficiente eliminación, o que xera placas e oligómeros neurotóxicos.
-
Bioquímica: intervención temperá e dianas terapéuticas
Tamén o investigador Alejandro Iván Ruiz Riquelme (vinculado ao iTERRA e docente na facultade de Ciencias da USC) parte da premisa da agregación da proteína beta-amiloide como responsable do alzhéimer e enfócase en frear a doenza antes de que aparezan os primeiros síntomas.

Alejandro Iván Ruiz Riquelme.
- Pequenas acumulacións: a súa hipótese é que as pequenas acumulacións iniciais de beta-amiloide teñen características únicas e son máis perigosas que as placas grandes que aparecen despois.
- Bloqueo específico: por iso traballa no illamento destas acumulacións de tecidos cerebrais para identificar medicamentos —compostos químicos ou vacinas— que poidan eliminalas ou bloquealas antes de que se inicie a neurodexeneración irreversible.
-
Enxeñaría: Intelixencia Artificial e cribado precoz
Desde a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, o traballo liderado por Sonia Valladares utiliza a tecnoloxía para o diagnóstico temperán mediante o proxecto Lucus-AI, recentemente galardoado co premio Idea Lugo. Valladares é enxeñeira de telecomunicacións e responsable tamén de propostas como The Mind Guardian e xa a súa tese doutoral versa sobre como a intelixencia artificial e o machine learning poden facilitar a fase previa ao diagnóstico das demencias.

Sonia Valladares Rodríguez.
- Detección gamificada: Desenvolveron probas de cribado de uns 20 minutos que, mediante videoxogos en tabletas, analizan a memoria semántica, procedimental e episódica.
- Alta precisión: A ferramenta utiliza algoritmos de IA para predicir con gran exactitude o risco de deterioración cognitiva en persoas asintomáticas a partir dos 55 anos.
-
Etoloxía: o enfoque One Health
A facultade de Veterinaria aporta unha visión única ao estudar a Síndrome de Disfunción Cognitiva Canina (SDCC), o equivalente ao alzhéimer nos cans. A veterinaria Ángela González é especialista en etoloxía ou, o que é o mesmo, comportamento animal. Asemade, a investigadora predoutoral Belén Larrán defenderá nas vindeiras datas a súa tese, na que analiza as concentracións de distintos minerais nestas disfuncións cognitivas dos cans.

Belén Larrán Franco e Ángela González Martínez, coa cadela Patata.
- Modelos naturais: o can é un dos mellores modelos para o alzhéimer humano porque desenvolve a enfermidade de xeito espontáneo e comparte o ambiente e o estilo de vida coas persoas.
- Beneficio mutuo: baixo o concepto de One Health (unha soa saúde), os avances no diagnóstico e tratamento dos cans axudan a comprender mellor as fases iniciais da enfermidade en humanos, permitindo explorar novas terapias en condicións máis próximas á “vida real” que os ensaios con roedores.