As expectativas que se marca a rapazada para a súa carreira futura constitúen outro dos obxectos de análise da actividade A ciencia como profesión. Nesta altura do tratamento dos datos da enquisa que realizaron case 700 estudantes de 31 centros de ensino medio de Galicia vense claras diferencias entre o que resultaría desexable para uns e outras. Elas anceian tarefas motivadoras e quererían e contribuír co seu labor a construír unha contorna onde se viva mellor, mentres que os seus compañeiros non valoran tan positivamente estas variables e prefiren un traballo estable e cómodo que lles permita botar tempo coa súa familia e amizades
Así, a décima pregunta do cuestionario inquire sobre as expectativas da rapazada para as súas vidas profesionais:
Que agardas da túa carreira?
Requíreselles aquí que puntúen unha serie de epígrafes de 1 (pouco/nada) a 5 (moito/todo). Sobre este aspecto, e acerca da experiencia que desenvolvemos no mes de febreiro de 2020, consideramos importante subliñar que a actividade orixinal do kit Photonics Explorer, na que baseamos o noso cuestionario, nesta pregunta pídelles aos alumnos e alumnas que sinalen as súas tres preferidas. Nós optamos por que avaliasen todos os epígrafes dispoñibles. Unha vez analizados os resultados, observamos que a nosa escolla, se ben achega unha información máis ao detalle, tamén fai moito máis complexa a tarefa de tratamento de datos.
Velaí as variables que puxemos sobre a mesa para a súa puntuación:
A- Tarefas motivadoras
B- Aprender continuamente cousas novas
C- Un bo soldo
D- Un traballo cun certo prestixio e no que se me recoñeza como bo/a empregado/a
E- Flexibilidade á hora de organizar o traballo e a xornada laboral
F- Facer algo importante; contribuír á sociedade
G- Tempo para a familia e amizades
H- Unha idea clara e precisa do que hai que facer
I- Viaxar polo mundo
J- Unha progresión rápida en responsabilidade e soldo
K- Ambiente de traballo relaxado
L- Salvar o mundo ou, polo menos, facer del un lugar mellor
M- Liberdade para pór en práctica ideas propias
N- Estabilidade e seguridade laboral
O- Non levar traballo á casa
Para facilitar a análise deste punto da enquisa, agrupamos as respostas e consideramos que as que levan un 1 ou 2 son negativas, as marcadas cun 3 son neutrais e os 4 e 5 son positivos. Existe aquí unha asociación entre a puntuación agrupada e o xénero. Os rapaces dan máis puntuacións negativas e neutras. As rapazas, máis positivas. Este nesgo de xénero que se produce nas respostas de A ciencia como profesión é habitual á hora de tratar os datos das enquisas máis diversas.
Debido á constatación nesta enquisa en concreto da tendencia en estatística de que as mulleres adoitan dar máis valoracións positivas, consideramos aquí oportuno botar man da ferramenta frecuencia relativa normalizada.
A frecuencia relativa normalizada obtense do cociente resultante de dividir a frecuencia relativa da puntuación positiva de cada aspecto entre a frecuencia relativa da puntuación positiva en xeral para todos os aspectos (en rapaces ou en rapazas).
Deste xeito, os valores da seguinte gráfica maiores de 1 indican que ese aspecto está máis positivamente valorado que o resto, mentres que os valores inferiores a 1 están puntuados menos positivamente… ou máis negativamente, segundo se prefira expresar.
Ítem |
Valoración |
A- Tarefas motivadoras | Rapazas máis positivamente que rapaces |
B- Aprender continuamente cousas novas | Semellante |
C- Un bo soldo | Rapaces máis positivamente que rapazas |
D- Un traballo cun certo prestixio e no que se me recoñeza como bo/a empregado/a | Rapaces menos positivamente que rapazas |
E- Flexibilidade á hora de organizar o traballo e a xornada laboral | Igual |
F- Facer algo importante; contribuír á sociedade | Rapazas máis positivamente que rapaces |
G- Tempo para a familia e amizades | Rapaces máis positivamente que rapazas |
H- Unha idea clara e precisa do que hai que facer | Semellante |
I- Viaxar polo mundo | Rapaces menos positivamente que rapazas |
J- Unha progresión rápida en responsabilidade e soldo | Rapazas menos positivamente que rapaces |
K- Ambiente de traballo relaxado | Rapazas menos positivamente que rapaces |
L- Salvar o mundo ou, polo menos, facer del un lugar mellor | Rapaces menos positivamente que rapazas |
M- Liberdade para pór en práctica ideas propias | Rapaces menos positivamente que rapazas |
N- Estabilidade e seguridade laboral | Rapaces máis positivamente que rapazas |
O- Non levar traballo á casa | Rapazas menos positivamente que rapaces |
Unha volta sobre o estereotipo: eles prefiren máis a estabilidade e o tempo coa familia e amizades
Os resultados deste apartado indícannos que os aspectos que mellor valoran os mozos son a Estabilidade e a seguridade laboral, dispor de Tempo libre para a familia e as amizades e un Ambiente de traballo relaxado. Nos tres casos, os rapaces outórganlles a estas variables máis importancia que as súas compañeiras. Tanto a estabilidade coma o tempo para a familia son dúas expectativas que non sería raro considerar de preferencia feminina: os estereotipos de xénero adoitan incidir en que eles son máis intrépidos e destemidos e que elas son as que se ven máis inclinadas cara ao doméstico e seguro.
Polo que atinxe concretamente ao epígrafe Tempo para a familia e as amizades, unha entrevista persoal no canto dunha enquisa achegaríanos información extra para determinar se a razón de que eles o valoren máis positivamente é porque os homes o interpretan coma un tempo de descanso e lecer. Por contra, as rapazas poderían ser xa conscientes de que familia, para as mulleres, aínda significa asumir a maior parte dos coidados familiares e encargarse do traballo doméstico de balde.
As mozas queren salvar o mundo
Observamos, asemade, que son as rapazas as que abrazan con máis entusiasmo as causas que se poderían considerar nobres: a aprendizaxe constante, facer do mundo un lugar mellor, contribuír á sociedade, tarefas motivadoras… Elas valoran máis positivamente a posibilidade de salvaren o mundo e tamén consideran desexable unha carreira prestixiosa, a liberdade para poñeren en práctica ideas propias, seren consideradas boas empregadas e non tanto un bo soldo.
Da minusvaloración do doméstico ás masculinidades (menos?) hexemónicas
Interpretamos, con estas respostas, que probablemente as adolescentes procuran reafirmárense e amosaren que teñen o corazón (e as intencións) no lado correcto. Por unha banda, reivindícase como mulleres capaces de conquerir calquera meta que se propoñan. Pola outra, os estudos de xénero explícannos que a minusvaloración das tarefas domésticas e do coidado da familia está ligada ao feito de non seren renumeradas e por seren tradicionalmente femininas.
Polo que respecta ás preferencias dos rapaces, sería interesante pescudar máis polo miúdo se veñen motivadas porque prefiren adoptaren un perfil máis acomodaticio –bo soldo, traballo estable, poucas preocupacións– ou se isto comeza a desafiar dalgún xeito o modelo de masculinidade hexemónica. O prestixio, as cousas importantes, o liderado e asumir responsabilidades, por poñer varios exemplos que eles puntúan menos que as súas compañeiras, semellan non estar na axenda dos mozos.
Dúas cuestións finais
Un dos resultados que nos resulta máis chamativo neste apartado da enquisa é que o epígrafe Viaxar polo mundo sexa un dos menos valorados; en xeral e, especialmente, polos rapaces. Tamén este ítem contradiría o estereotipo aventureiro que se lles atribúe aos homes adolescentes. Xa fóra das disquisicións de xénero, dáse por feito que á rapazada ten inquedanzas por coñecer lugares novos. Talvez, nun país con tradición migrante e onde nos últimos anos desde a recesión económica de 2008 as e os nenos teñen visto marchar a seus irmáns e curmáns máis vellos para buscar unha oportunidade laboral, o de viaxar polo mundo non sexa xa tan atractivo como se podía supor.
Finalmente, polo que respecta ao ítem Non levar traballo á casa, debemos admitir as dúbidas de que fose ben entendido polo alumnado que respondeu a enquisa; quizais pola negación que encabeza o enunciado ou talvez por ser confundido co teletraballo. Ademais, resultaría contraditorio e incoherente no caso das valoracións dos rapaces, xa que o de seguiren a traballar cando rematou a xornada non casa moi ben coas súas preferencias pola estabilidade, a relaxación e a seguridade laboral e dedicárenlles tempo ás amizades e parentes.
Se realmente o interpretaron como se pretendía –que as tarefas laborais queden aparcadas cando se sae da oficina–, observamos que especialmente as mozas son máis proclives a continuar a súa xornada fóra das horas de traballo. Poderíamos vincular esta resposta ao feito de que a cultura do esforzo e o sacrificio sexan atributos especialmente apreciados nas mulleres.