Temos xa a análise dos resultados da actividade A ciencia como profesión, que propuxemos con motivo do Día Internacional das Mulleres e as Nenas nas Ciencias e co obxectivo de profundar sobre a fenda e os estereotipos de xénero en institutos de todo o país. O cuestionario recolleu case 700 respostas de alumnado de ESO, BAC e ciclos de FP de 31 centros de Galicia e esta será a primeira dunha serie de entregas no noso blog para explicar o que fomos atopando.
A principios de febreiro de 2020, desde o grupo de innovación docente XuvenCiencia do campus de Lugo da Universidade de Santiago lanzamos a seguinte proposta aos aproximadamente 200 docentes que teñen formado parte dos proxectos de XuvenCiencia desde que comezou a súa andaina en 2013. Velaquí o texto do correo electrónico que enviamos:
O cuestionario estivo aberto ata o día 20 de marzo, de xeito que tamén puidese ser empregado no marco das actividades relativas á conmemoración do 8 de marzo como Día Internacional das Mulleres. Unha vez pechado o formulario de enquisa, obtivéronse un total de 686 respostas, un 47,22% de rapaces e 52,78% de rapazas que cursan estudos de ensino medio en 31 institutos de Galicia. Dúas das persoas que respostaron non especificaron o xénero.
Polo que se refire á mostra, participou na enquisa alumnado de seis cursos diferentes: 3º de ESO, 4º de ESO, 1º de BAC, 2º de BAC, Ciclo Medio de FP e Ciclo Superior de FP. O curso do que se obtiveron máis respostas foi 3º de ESO.
En ningún dos cursos a diferenza entre o número de respostas de rapaces e rapazas resulta significativa.
Dous grupos demográficos por curso
Na abordaxe dos resultados, ademais de establecer a distinción de xénero derivada do propio tratamento da enquisa, agrúpanse as respostas en función dos niveis educativos: por unha banda, o alumnado de ESO e, pola outra, o de BAC. O propósito é coñecermos se o estudantado de máis idade e que cursa estudos postobrigatorios amosa algún tipo de actitude diferente nas súas respostas con respecto ao grupo demográfico máis novo.
Condicionantes: o contexto
Por outra banda, á hora de analizar os resultados desta enquisa cómpre ter en conta que foi realizada nun contexto especial, condicionado polas actividades que cada centro organiza para conmemorar dúas datas como son o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia e o Día Internacional das Mulleres. Ambas as citas están encamiñadas a reflexionar sobre a fenda de xénero, a igualdade de oportunidades e os estereotipos e prexuízos que pesan cando as e os adolescentes se ven na situación de elixir unha carreira para o futuro.
Os recursos complementarios para empregar na aula
Deste xeito, desde XuvenCiencia completamos o cuestionario cunha ficha explicativa cunha serie de ligazóns —para usar na aula— a entrevistas e artigos científicos que abordan a situación das mulleres na ciencia e nas carreiras STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemática, polas súas siglas en inglés). Por iso, temos que supoñer que as respostas poden estar tamén influídas polo traballo e a reflexión sobre estes materiais nese contexto especial que se produce nos centros educativos nesas semanas nas que se abordan como eixos transversais do currículo a igualdade de xénero e a coeducación.
Autor da foto de portada: Eryk (Wiki Ed)