Homes, mulleres e STEM. Toma terceira: as áreas de coñecemento

Mentres que os rapaces de ensino medio se decantan polas enxeñarías e as ciencias experimentais como opcións máis atractivas para a súa carreira futura, elas prefiren as ciencias da saúde e as ciencias sociais e humanidades, os ámbitos nos que a presenza feminina é máis habitual

Por: Laila Al-Soufi Novo, Marta Veiga Izaguirre

Deixáramos a análise da enquisa sobre prexuízos e estereotipos de xénero que respostaron entre febreiro e marzo de 2020 case 700 alumnas e alumnos de 31 institutos de toda Galicia na pregunta catro, referida á vocación. Nesta entrega imos adentrarnos nas preferencias por áreas de coñecemento e comprobaremos como persiste a división por xéneros.

Nas seguintes cuestións da actividade A ciencia como profesión, as e os estudantes deben visualizar uns vídeos inseridos nunha ligazón de YouTube nos que se lles presentan tres persoas que traballan noutros tantos eidos da ciencia, sen especificar ao principio nin as áreas científicas nin o xénero das persoas. Así, entre os puntos 5 e 8 do cuestionario, o alumnado aventura se as persoas dos vídeos son homes ou mulleres, que idade aproximada poden ter e se traballan nun hospital ou no laboratorio dunha universidade, por exemplo.

Xa na pregunta número 9, o alumnado volve dar conta das súas preferencias persoais:

Que ámbito da ciencia che resulta máis interesante como profesión?

As opcións de resposta son as seguintes:

  • Ciencias da Saúde (Medicina, Veterinaria, Odontoloxía, Psicoloxía, Fisioterapia, Neurobioloxía, Enfermaría, Nutrición, Podoloxía…).
  • Ciencias (Bioloxía, Xeoloxía, Física, Química, Matemáticas, Bioquímica, Ecoloxía, Ciencias do Mar, Ciencias Medioambientais…).
  • Enxeñaría (Industrial, Civil, Telecomunicacións, Agroforestal, Informática, Robótica, Paisaxe…).
  • Ciencias Sociais e Humanidades (Economía, Empresariais, Dereito, Socioloxía, Xornalismo, Historia, Antropoloxía, Linguas…).

O primeiro propósito de formular esta cuestión non é outro que agrupar as áreas de coñecemento segundo as e os estudantes de secundaria as atoparán despois no mundo da educación superior e, ao tempo, evidenciar que a ciencia vai moito máis aló da tradicional visión que a reduce ao científico-experimental ou científico-tecnolóxico.

Eles, enxeñarías e ciencias experimentais; elas, ciencias da saúde e sociais

Ao analizar todas as repostas sen separalas por cursos, resulta claro un nesgo de xénero nas escollas. Eles consideran máis rechamantes a enxeñaría e as ciencias experimentais e, xa despois, as ciencias da saúde e, a moita distancia, as ciencias sociais e as humanidades. Pola súa banda, as rapazas decántanse na súa maioría polas ciencias da saúde, seguidas das ciencias sociais e humanidades e as ciencias experimentais; xa con moita diferenza a última opción é a das enxeñarías.

Ao observar as respostas obtidas, é inevitable decatarse de que as tendencias en rapaces e rapazas mantéñense co paso de ESO a BAC con lixeiras variantes. Con todo, as diverxencias entre as preferencias dunhas e doutros son notables e vemos que nas mozas se incrementa lixeiramente en BAC o interese polas ciencias experimentais en detrimento das enxeñarías, que aínda ven reducida a súa pequena porcentaxe no paso de ESO a BAC.

As rapazas cren que son menos válidas xa aos seis anos

Neste punto, habemos ter en conta que as nenas van interiorizando xa desde idades moi temperás que son menos válidas para segundo que materias. Nesta entrevista con Marta Macho, profesora de Matemáticas da Universidade do País Vasco e editora de Mujeresconciencia.com, podemos ler o seguinte:

Esa autopercepción aparece dende idades moi temperás, como demostra un estudo moi interesante publicado en 2017 en Science. Con só seis anos, as nenas xa cren que son menos brillantes cós nenos, os estereotipos de xénero sobre a habilidade intelectual emerxen desde moi cedo e inflúen nos intereses de cativos e cativas, limitando así as expectativas desde a infancia. Ninguén parece poñer en dúbida que as nenas son traballadoras, mentres que aos pequenos se lles incentiva de mil maneiras que axudan a desenvolver capacidades. Nos experimentos realizados dentro desta investigación, elas inclinábanse menos polos xogos “para intelixentes” pero non se botaban atrás ante actividades “para traballadores”.

A profecía autocumprida

Poderíamos falar, entón, do que se coñece como a profecía autocumprida, unha expresión acuñada polo sociólogo Robert K. Merton:

A profecía autorrealizada ou autocumprida é, ao principio, unha definición falsa da realidade, mais esperta un novo comportamento que provoca que esa concepción orixinal vire en verdadeira.

Isto é: a forza de que che repitan que non serves para unha materia acabas por desenvolver comportamentos e facer escollas que te conducirán a ser máis torpe, menos espelida e ter menos interese nesa materia.

As ciencias da saúde e o rol de coidadora

Por outra banda, sería interesante sinalar aquí a situación preponderante das ciencias da saúde como área que esperta un máis amplo interese nas mozas. En primeiro lugar, cómpre lembrar que damos por bo que as respostas en cursos desde 4º de ESO son na súa maioría de alumnado de itinerarios científico-tecnolóxicos. Despois, tampouco habería que desbotar o prestixio –que inflúe nas modas— de titulacións como Medicina, sempre no grupo das notas de corte máis alta no acceso á universidade. Finalmente, habería que cuestionar tamén canta desa vocación ou maior presenza feminina nas ciencias da saúde é unha extensión do rol de coidadora que tradicionalmente se lles atribúe ás mulleres.

Podes ler aquí a primeira entrega, Homes, mulleres e STEM. Toma primeira: cuestións preliminares,
e a segunda: Homes, mulleres e STEM. Toma segunda: a vocación.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *