Continuamos coa nosa análise das respostas da actividade A ciencia como profesión e, desta volta, tratamos polo miúdo o bloque 11, que se refire ás capacidades que cren que teñen as mozas e os mozos de ensino medio para enfrontar a súa carreira académica ou laboral. Neste caso, observamos que as rapazas perciben que a habilidade matemática é a peor das súas calidades, mentres que eles se ven peor dotados para a comunicación. Nin uns nin outras consideran que poidan achegar moito coñecemento de idiomas.
Propoñemos no punto 11 do formulario que o alumnado avalíe do 1 (nada/pouco) ao 5 (moito/todo) as súas propias aptitudes de cara a enfrontar un futuro no ámbito dalgunha das familias das ciencias. A pregunta é a seguinte:
Que podes ofrecer?
Achéganse un total de 18 calidades ou habilidades:
A- Creatividade
B- Paciencia e perseverancia
C- Habilidade matemática
D- Coñecementos de idiomas
E- Capacidade para asumir a iniciativa
F- Xestión do tempo e establecemento de prioridades
G- Traballo en equipo
H- Capacidade para asumir responsabilidades
I- Capacidade para asumir riscos
J- Motivación persoal
K- Capacidade analítica e rapidez de percepción
L- Mentalidade aberta
M- Pensamento crítico
N- Habilidades comunicativas (redaccións, presentacións…)
O- Paixón
P- Autonomía no traballo
Q- Mobilidade internacional
R- Curiosidade e espírito argalleiro
Como sucedeu coa análise da pregunta 10, interpretamos que son negativas as valoracións de 1 e 2 puntos, neutras as de 3 e positivas as de 4 e 5, para facilitar as tarefas de análise. Se non desagregamos o xénero, atopamos que a mentalidade aberta é o ítem mellor cualificado, por riba da capacidade para asumir responsabilidades e a motivación persoal. Na parte baixa da gráfica sitúanse a mobilidade internacional e, sobre todo, o coñecemento de idiomas e a capacidade matemática.
Ao igual que aconteceu tamén no tratamento dos datos da pregunta 10 do formulario, constatamos con esta pregunta 11 sobre as aptitudes a tendencia estatística que indica que as mulleres adoitan outorgar nas enquisas máis puntuacións positivas. Os homes dan máis puntuacións negativas e neutras.
É por iso que para acometer a análise por xéneros botamos man unha vez máis da frecuencia relativa normalizada. Por se non o lembrades desde a entrada anterior do blog, volvemos explicalo:
A frecuencia relativa normalizada obtense do cociente resultante de dividir a frecuencia relativa da puntuación positiva de cada aspecto entre a frecuencia relativa da puntuación positiva en xeral para todos os aspectos (en rapaces ou en rapazas).
Así, os valores da seguinte gráfica maiores de 1 indican que ese ítem está máis positivamente valorado que o resto, mentres que os inferiores a 1 están puntuados menos positivamente.
O que nos conta esta gráfica é que, ao desagregar por xénero, observamos fendas significativas en distintos parámetros que están bastante ligados aos roles que se asocian para homes ou mulleres. Deste xeito, a capacidade matemática (no ítem C) é unha das que recibe unha puntuación máis pobre en ambos, pero chama a atención canto máis baixa é no caso das rapazas.
As matemáticas como pedra filosofal
Un informe asinado por Louisa Lyon para a BBC establece que na materia de matemáticas está a chave que pode explicar por que máis homes que mulleres se decantan polas ciencias experimentais e as enxeñarías:
Cada tres anos, centos de milleiros de mozos e mozas de 15 anos de máis de 60 países participan no estudo PISA, dirixido pola OCDE.
Os e as estudantes completan exames de matemáticas, lectura e ciencias, e respostan preguntas sobre as súas futuras intencións profesionais.
Cando Breda e Napp viron os datos de PISA 2020, decatáronse de que había algo interesante naqueles resultados.
“Houbo unha lixeira fenda de xénero no rendemento en matemáticas aos 15 anos, pero era demasiado cativa para explicar a enorme segregación de xénero nas STEM”, di Breda.
Mais en lectura, os roles invertíronse: as nenas resultaron ser moito mellores cós nenos. Como resultado, cando ambos os grupos obtiveron notas semellantes en matemáticas, o das nenas acadou unha nota aínda mellor en lectura.
A vantaxe comparativa fronte á vantaxe absoluta
Neste reporte da BBC, os investigadores Thomas Breda e Clotilde Napp, da Escola de Economía de París e da Universidade Dauphiné-París, respectivamente, apelan á vantaxe comparativa sobre a vantaxe absoluta. Así o interpreta Sarah Cattan, directora asociada e xefa do sector de Educación e Habilidades do Institute por Fiscal Studies de Londres:
“Ten moito sentido. Amosa que o máis importante no intre no que os rapaces e as rapazas elixen o seu eido de estudo non é o bos que son en matemáticas ou en lectura, senón o bos que son en matemáticas en comparación coa lectura. Esta é realmente unha historia sobre a vantaxe comparativa e non de vantaxe absoluta”.
“O arraigado estereotipo de que a lectura é para nenas e a matemática, para nenos”
Aínda así, Lise Eliot, profesora de Neurociencia na Rosalind Franklin University de Medicina e Ciencia en Chicago, en Estados Unidos, precisa:
As decisións de elixir itinerario formativo sempre se toman nun contexto social que inclúe a competencia entre estudantes e a conformidade co rol de xénero.
Como é posible que os nenos que son bos en matemáticas pero non tan bos en lectura proxecten a súa destreza na aula de matemáticas, por exemplo?
Son as fortalezas relativas reforzadas polas preferencias do mestre?
Os pais e os mestres tamén poden, ás veces sen darse conta, tratar os nenos e nenas de maneira diferente. Isto débese ao arraigado estereotipo de que a lectura é para nenas e a matemática para nenos.
Un estudo arroxou que os mestres de primaria sobreestimaron o rendemento dos nenos en matemáticas e ciencias, e subestimaron o das nenas, por exemplo, mentres que os resultados doutro suxeriron que poida que os pais lles lean máis ás súas fillas en idade preescolar.
A diverxencia nas capacidades comunicativas e da organización
Outro dos puntos nos que é evidente a diverxencia é no que atinxe á xestión do tempo e o establecemento de prioridades, que os rapaces avalían bastante peor.
Elas confían máis na súa iniciativa; eles, na habilidade analítica, no traballo en equipo e en poñerlles paixón ás cousas
En termos xerais, eles crense máis aptos para asumir riscos, a capacidade analítica, traballar con autonomía e en equipo ou poñerlles paixón ás cousas; mentres que as mozas vense máis capaces de asumir a iniciativa e, dentro do baixo que está puntuado o ítem, consideran que son máis pacientes e perseverantes. As puntuacións resultan moi semellantes no resto dos epígrafes.
Nin elas nin moito menos eles cren poder achegar mobilidade internacional
Así mesmo, nin as rapazas nin os rapaces se ven capacitados para achegarlles mobilidade internacional aos seus empregadores futuros, pero aínda moito menos eles. Esta valoración enlaza e concorda perfectamente coa constatación na pregunta 10 do formulario de A ciencia como profesión de que os adolescentes non teñen demasiado interese por unha carreira que os leve a viaxar polo mundo.
Podes ler aquí a primeira entrega, Homes, mulleres e STEM. Toma primeira: cuestións preliminares,
a segunda: Homes, mulleres e STEM. Toma segunda: a vocación ,
a terceira: Homes, mulleres e STEM. Toma terceira: as áreas de coñecemento
e a cuarta: Homes, mulleres e STEM. Toma IV: as expectativas.