Homes, mulleres e STEM. Toma VI: o estereotipo e o arquetipo

Persiste entre o alumnado a idea da persoa de ciencia como un home de mediana idade, con bata branca, con poucas habilidades sociais e obsesionado coas súas investigacións. Trátase dunha figura arquetípica que reflicten a literatura, o cine, a televisión e a banda deseñada

Por: Laila Al-Soufi Novo, Marta Veiga Izaguirre

Para seguir a análise dos resultados da actividade A ciencia como profesión centrámonos agora na pregunta 13, onde lles pediamos ás e aos estudantes que completasen coas súas palabras a seguinte frase:

Os científicos e científicas adoitan ser…

A idea era, por unha banda, convidar as e os participantes a facer un exercicio de reflexión e imaxinación e, por outra, dispor dun material moi útil para a análise cualitativa. Observamos, neste punto, certa visión estereotipada e, ao tempo, un arquetipo da literatura e outras artes: alguén brillante mais tamén un chisco excéntrico; case sempre, un home.

Non imos repasar nesta entrada unha por unha as case que 700 respostas emitidas, pero si que nos serven para realizar unhas cantas consideracións.

“Intelixentes e espelidos e con bata branca”

Creativos, intelixentes, listos e curiosos ou importantes para a sociedade son algunhas das respostas máis repetidas. Do mesmo xeito, hai quen elixe adxectivos como traballadores, curiosos, espelidos, innovadores ou organizados. Asemade, outros achegan elementos que describen a aparencia: con bata branca, baixos, limpos ou mesmo, no que entendemos como unha chiscadela, guapos ou feos.

Achegan os e as estudantes que respostaron a enquisa de XuvenCiencia outros adxectivos valorativos como magníficos, marabillosos, grandiosos, críticos, meticulosos, rigorosos, modernos, progresistas ou xente admirable. E tamén algúns menos positivos: pedantes, infelices, pesados, obsesivos, pouco sociais, chapóns, aburridos e mesmo friamente calculadores.

O estereotipo do excéntrico: “Persoas friquis e otakus

Mentres que algúns e algunhas consideran que as e os científicos son persoas correntes, como calquera outra, fanse significativas as respostas que inciden nese estereotipo da persoa de ciencia como alguén máis o menos excepcional ou excéntrico: un pouquiño especiais, magos, fatos, orixinais, reservados, raros, sosos, tocapelotas ou un mundo espectacular sen fin son algunhas das palabras que lles dedican… Hai quen vai aínda máis aló: fumetas, persoas friquis, tolos e otakus.

O dicionario Oxford define otaku, un termo prestado da cultura xaponesa, como:

Unha persoa moza que está obsesionada cos ordenadores ou aspectos concretos da cultura pop en detrimento das súas habilidades sociais.

Atopamos respostas que son unha sentenza: “Menos os de Medicina, o resto non deberan existir“. E tamén dúas que son directamente ofensas e descualificacións. Sobre este último aspecto, consideramos que se trata directamente dunha bufonada ou troleo por parte destas dúas persoas.

O troleo é a acción de trolear; é dicir: intervir con ánimo de boicotear algo ou para amolar ou vacilar a alguén, xeralmente a través da redes sociais.

A linguaxe inclusiva

Tamén resulta interesante salientar nesta análise cualitativa o feito de que unha gran maioría dos e das estudantes elixen para as súas respostas libres adxectivos en masculino plural, que en linguas como a galega −que flexionan os substantivos e os adxectivos en xénero e número− é a que tradicionalmente se emprega como “xenérica”. Porén, si que atopamos entre estes 700 rapaces e rapazas algunhas que realizan a escolla da inclusión: xente boa, persoas coma outras, nenos e nenas con afán de cambiar o mundo ou responsables e vocacionais, por exemplo.

 

Variacións cromáticas sobre retrato de Albert Einstein. Needpix.com

 

O estereotipo sobre a xente de ciencia correspóndese adoito coa fotografía de Albert Einstein despeiteado e a botar a lingua de fóra. Un estereotipo vén sendo:

Unha imaxe composta con catro trazos moi grosos que se proxecta sobre unha persoa ou un grupo de persoas e que se emprega para xustificar prexuízos ou ideas preconcibidas sobre os e as integrantes dunha categoría social determinada.

O test de debuxar unha persoa de ciencia

A idea do científico extravagante, home branco de mediana a avanzada idade e obsesionado coas súas investigacións mais á marxe das cousas mundanas é un estereotipo.

David Wade Chambers desenvolveu en 1983 o test Debuxa unha persoa de ciencia, o Draw-A-Scientist-Test (DAST). El tiña a intención de coñecer a que idade xurdía esa imaxe estereotipada das xentes de ciencia. (Spoiler: moi cedo).

No proxecto orixinal DAST, de 5.000 estudantes requiridos, unicamente 28 nenas e ningún neno debuxaron científicas mulleres, segundo se desprende do artigo do propio Chambers Stereotypic Images of the Scientist: The Draw a Scientist Test, publicado en Sciencie Education.

Con todo, o científico tolo, ademais dun estereotipo é tamén un arquetipo.

Que é un arquetipo?

Os arquetipos defínense xa na filosofía de Platón para ser referir aos patróns exemplares, eternos e perfectos dos que despois se derivan outros conceptos ou ideas.

O psiquiatra e psicólogo suízo Carl Gustav Jung (1875-1961) entendía os arquetipos como unhas imaxes arcaicas universais que derivan dun inconsciente colectivo e son comúns a toda a humanidade.

A teoría dos arquetipos de Jung ten sido empregada na análise literaria, artística e cinematográfica. Un dos arquetipos máis recoñecibles que atopamos nas narrativas contemporáneas, na banda deseñada, nas películas e nas series de televisión é o do científico tolo.

De Victor Frankenstein a Sheldon Cooper

Está emparentada esta figura co Merlín do ciclo artúrico e con outros personaxes máxicos e recorrentes da tradición oral e acaba por definirse a partir do Doutor Fausto de Goethe e, sobre todo, do Victor Frankenstein de Mary Shelly.

Moitas das veces os viláns das bandas deseñadas de superheroes son científicos pasados de voltas que xogan a ser un deus. Outras tantas, atopamos clixés cómicos de persoas con poucas habilidades sociais como Sheldon Cooper e os seus colegas en The Big Bang Theory.

 

Debuxo de Sheldon Cooper. Wikimedia.

 

Nunha proporción moi elevada, estes científicos tolos da literatura e do cinema adoitan ser homes.

Do arquetipo ao estereotipo

No seu artigo El papel de los arquetipos en los actuales estereotipos sobre la mujer, publicado na revista Comunicar en 1998, a catedrática de Psicoloxía Social Ana Guil Bozal escribe como os arquetipos construídos por un mundo patriarcal e androcéntrico deveñen en estereotipos nos nosos días:

Os primitivos arquetipos teñen sido continua e historicamente recreados a través dos múltiples mitos transmitidos nos antigos relatos, na literatura e ata nos contos infantís, facéndonos a todas e todos coñecedores dos seus modelos e os seus valores […] Son precisamente estes coñecementos arquetípicos os que sustentan a base dos actuais estereotipos de xénero que manexamos na actualidade.

 

Podes ler aquí a primeira entrega, Homes, mulleres e STEM. Toma primeira: cuestións preliminares,
a segunda: Homes, mulleres e STEM. Toma segunda: a vocación ,
a terceira: Homes, mulleres e STEM. Toma terceira: as áreas de coñecemento,
a cuarta: Homes, mulleres e STEM. Toma IV: as expectativas
e a quinta: Homes, mulleres e STEM. Toma VI: as aptitudes.

 

Imaxe de portada: Gravado no que o Doutor Frankenstein supervisa os inicios da súa criatura. W. Chevalier after Th. von Holst, 1831. Wellcome Library/Wikimedia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *