Rematamos a nosa serie de entregas dedicada á análise da actividade A ciencia como profesión, lanzada polo grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus Terra da Universidade de Santiago. Achegámonos aos derradeiros puntos do formulario, que tratan de descubrir se os e as case 700 estudantes que responderon a enquisa perciben se para certos labores ou áreas de coñecemento están máis capacitados, en xeral, os homes ou as mulleres.
Por unha banda, a pregunta 12 cuestiona o seguinte:
As calidades que debe ter un científico/a son máis habituais en homes ou en mulleres?
As variables son as mesmas que o estudantado avaliara en si mesmos e mesmas xa na pregunta anterior:
A- Creatividade
B- Paciencia e perseverancia
C- Habilidade matemática
D- Coñecemento de idiomas
E- Capacidade para asumir a iniciativa
F- Xestión do tempo e establecemento de prioridades
G- Traballo en equipo
H- Capacidade para asumir responsabilidades
I- Capacidade para asumir riscos
J- Motivación persoal
K- Capacidade analítica e rapidez de percepción
L- Mentalidade aberta
M- Pensamento crítico
N- Habilidades comunicativas (redaccións, presentacións…)
O- Paixón
P- Autonomía no traballo
Q- Mobilidade internacional
R- Curiosidade e espírito argalleiro
Desta volta, tiñan que elixir entre:
Homes, Mulleres, Calquera deles, Ningún deles.
Observamos na seguinte gráfica que a resposta máis visiblemente maioritaria é Calquera deles:
Atopamos, porén, que hai uns poucos ítems nos que resultan significativas para a análise as escollas minoritarias, as que non son Calquera deles. A paciencia e a perseverancia (12B) son vistas como atributos máis femininos ca masculinos, ao igual que a creatividade (12A) e, xa a distancia, a xestión do tempo e o establecemento de prioridades (12F), a capacidade para asumir a iniciativa (12E) e responsabilidades (12H), o coñecemento de idiomas (12D), as habilidades comunicativas (12N) e a mentalidade aberta (12L). Por contra, a capacidade para asumir riscos (12I) e a habilidade matemática (12C) percíbense como máis masculinas: están atribuídas ata dúas veces máis a homes que a mulleres.
Decatámonos de que existen comportamentos diferentes nas respostas dos rapaces e das rapazas; unha asociación entre a resposta e xénero. Os mozos escollen máis as respostas Homes e Ningún deles e as mozas elixen máis a resposta Calquera deles. Non hai diferencia significativa para a resposta Mulleres.
Se debullamos as respostas polo miúdo e desagregamos por xénero vemos, asemade, que se a habilidade matemática (12C) está asociada moito máis a homes no cómputo xeral, isto atenúase cando atendemos unicamente as respostas das mozas.
En termos xerais, os ítems asignados a mulleres polo conxunto do estudantado (mozos +mozas) están tamén asignados a mulleres tanto polos rapaces como polas rapazas se analizamos por separado as respostas duns e doutras. Aínda así, a variable capacidade para asumir responsabilidades (12H) é unha aptitude que tanto o alumnado xeral (mozos+mozas) como as rapazas pola súa banda atribúen a mulleres, pero non así se analizamos só as respostas dos seus compañeiros.
Tamén resulta interesante salientar catro epífrages que non están ligados significativamente a ningún xénero: capacidade para asumir a iniciativa (12E), autonomía no traballo (12P), mobilidade internacional (12Q) e curiosidade e espírito argalleiro (12R). Sucede nestes casos que as rapazas os consideran máis de mulleres, mentres que os mozos pensan que son máis propios de homes.
Despois da pregunta número 12 a actividade A ciencia como profesión propón de novo o visionado dos vídeos que se enlazaban ao principio, para descubrir quen son (dúas mulleres e un home) e a que se dedican as persoas de ciencia sen rostro e sen voz que aparecían ao principio. Neste intre, o alumnado terá que revisar canto acertaron sobre o que aventuraran deles ao comezar a actividade e que papel tiveron as ideas preconcibidas.
A cuestión final, a número 15 require dos e das estudantes respostar a seguinte pregunta:
Logo de facer esta actividade, quen cres que ten máis calidades para…?
Teñen como variables catro grandes áreas de coñecemento:
Ciencias da saúde
Ciencias experimentais
Enxeñaría/Arquitectura
Ciencias sociais/Humanidades
Como no punto 12 do formulario, son catro as opcións:
Homes, Mulleres, Calquera deles, Ningún deles
A abrumadora maioría dos e das case que 700 participantes (arredor do 80%) elixiron Calquera deles. O que nos resulta útil para a análise son ese 20% de respostas restantes.
Ciencias da saúde | Ciencias experimentais | Enxeñaría/Arquitectura | Ciencias sociais/Humanidades | |
Calquera deles | 80% | 83,8% | 79,76% | 81,2% |
Homes | 4,3% | 9,4% | 15% | 3,5% |
Mulleres | 14% | 5,5% | 3,6% | 13,2% |
Ningún deles | 1,6% | 1,16% | 1,6% | 2% |
No que atinxe á variable das Ciencias da saúde, por exemplo, a proporción de mozos e mozas que pensan que os homes son máis acaídos é semellante, pero son moitos máis os rapaces que consideran que é unha área máis de mulleres.
No eido das Ciencias experimentais son sobre todo os rapaces os que pensan que se trata de disciplinas para homes, mentres que máis mozas respostan que resultan máis acaídas para as mulleres.
Tamén polo que respecta Enxeñaría/Arquitectura son eles os que maioritariamente cren que se trata de carreiras máis axeitadas para homes; no caso dese 3,6% que respondeu mulleres, está repartido case á metade entre votos de rapaces e de rapazas.
Finalmente, nas Ciencias sociais/Humanidades, son rapaces a maioría dese 3,5% que pensa que son máis de homes, pero tanto mozos como mozas a partes iguais cren que constitúen áreas máis apropiadas para mulleres.
A confianza
A conclusión máis salientable que tiramos destas últimas respostas é o feito de que as rapazas confían máis nelas e nas capacidades das mulleres como xénero do que confía o conxunto da sociedade. Elas cren nas súas aptitudes e mesmo as eivas que perciben a nivel individual −como a habilidade matemática− reciben por parte delas unha mellor valoración cando isto se refire ás mulleres como categoría xenérica. Observamos na tendencia das mozas de ensino medio a elixir máis cós seus compañeiros a resposta Calquera deles unha vontade por salientar que tantos uns coma outras seremos válidos ou non para unha determinada disciplina independentemente do noso xénero.
Diferentes como individuos, non polo xénero
No ensaio Inferior (Círculo de Tiza, 2018), publicado pola xornalista científica e enxeñeira británica Angela Saini, cítase un artigo de The New York Times que salienta que, desde o ano 2000, as revistas científicas teñen publicado máis de 30.000 artigos sobre diferenzas de xénero, nos que sempre se respalda o mito de que existen. Nunha entrevista de Sergio Ferrer na axencia pública de noticias científica SINC, Saini indica:
Non é útil pensar en diferenzas desa forma porque o 85% das diferenzas son entre individuos, non entre clases. As investigacións mostran que os cerebros difiren de maneira individual e que as diferenzas psicolóxicas son pequenas. Somos diferentes en canto a capacidades e habilidades, si, pero como individuos.
Incide Saini na entrevista anteriormente citada que se tende a atribuír erroneamente á bioloxía diferenzas que son culturais:
Somos prisioneiros da nosa cultura porque non podemos vivir fóra dela. Nacemos e vivimos en sociedade, non podemos ir a unha montaña sen contacto co exterior, nin tampouco o quereriamos [ri]. As cousas poden parecer innatas e biolóxicas cando en realidade están tecidas na nosa forma de vida. Os estudos estritos que avalían as diferenzas psicolóxicas e cognitivas entre homes e mulleres, con mostras moi amplas de todo o mundo e en diferentes momentos, mostran que as diferenzas non son moi grandes.
O perigo de desprezar as humanidades
Esta muller con formación multidisciplinar en comunicación e enxeñaría advirte sobre o problema que supón para a comunidade científica, académica e docente menosprezar o poder da socialización e aposta por unha abordaxe multidisciplinar:
Odio dicilo, pero quen fai ciencia ás veces desprezan as humanidades e non as toman en serio. A ciencia está suxeita ao nesgo e aos prexuízos da xente que a fai, pero os científicos non o queren oír.
Unha investigación titulada Quality of evidence revealing subtle gender biases inscience is in the eye of the beholder, publicada na revista PNAS en 2015 por Ian M. Handley, Elizabeth R. Brown, Corinne A. Moss-Racusin e Jessi L. Smith, analiza como os homes, que constitúen unha vasta maioría nas facultades de titulacións STEM, son máis reticentes a aceptar os estudos que defenden a existencia da fenda de xénero que aqueles que a negan.
Unha reseña no Gender Action Portal da Universidade de Harvard sinala sobre a antedita investigación que talvez os homes na academia perciben os estudos de xénero como unha “ameaza para a súa identidade de grupo e estatus”:
Aínda que a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (STEM) valoran a obxectividade como un principio fundamental, un crecente conxunto de evidencias demostran que o nesgo inconsciente de xénero pon en desvantaxe as mulleres e o seu traballo nos campos STEM. A conciencia […] é a chave para abordar o problema. Non obstante, a conciencia non só depende da evidencia, senón tamén da receptividade da audiencia ás probas.
O ‘efecto Scully’
Unha investigación levada adiante en 2017 pola produtora 21st Century Fox, o Geena Davis Institute on Gender in Media e J. Walter Thompson Intelligence fai fincapé no efecto Scully, así denominado pola coprotagonista de Expediente X, Dana Scully, unha científica escéptica interpretada por Gillian Anderson. Nunha enquisa a máis de 2.000 mulleres de máis de 25 anos, das que case a metade (49%) traballaban en profesións STEM:
- Case dous terzos (63%) das mulleres familiarizadas con Dana Scully din que incrementou a súa crenza na importancia das STEM.
- Cando se lles pregunta polo impacto do personaxe de Scully, a maioría das mulleres da mostra coinciden en que Scully é unha personaxe forte, espelida e intelixente que aumentou a súa confianza delas para destacar nunha profesión dominada por homes.
Viamos na toma sexta desta serie de artigos Homes, mulleres e STEM como funcionan os arquetipos e os estereotipos. Se o mundo arredor e tamén a ficción achegan só (ou case sempre) un ideal de persoa de ciencia como un home occidental, máis ou menos excéntrico e con bata branca, será difícil que as rapazas, por moito que confíen nas súas capacidades en tanto que mulleres, teñan referentes. Un espello no que se mirar.