XuvenCiencia celebra con microenxertos o Día Internacional das Universidades para a Infancia

O grupo de innovación docente da USC achega un vídeo sobre as ferramentas de biotecnoloxía para a produción vexetal que se empregan no laboratorio de Micropropagación da EPSE de Lugo

Por: MVI/XuvenCiencia

O grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela apréndeche os segredos dos microenxertos con motivo da celebración do Día Internacional das Universidades para a Infancia (#IDCU2026) este 11 de abril. IDCU 2026 é unha iniciativa impulsada pola Rede Europea das Universidades para a Infancia (EUCU.NET), da que XuvenCiencia forma parte desde os seus inicios.

Con motivo desta xornada, XuvenCiencia estrea o vídeo divulgativo Os microenxertos son unha pasada!, realizado no marco do proxecto Ciencia á Feira 2025/2026, financiado pola FECYT e pola Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Nesta peza, o profesor Juan Luis Fernández Lorenzo e os alumnos Héctor Rodríguez Díaz e Andrea Tilves Pérez esmiuzan, desde o laboratorio de Micropropagación da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o funcionamento desta técnica de biotecnoloxía, co propósito de explicarlle o proceso ao público máis novo dun xeito accesible e atractivo.

A terceira misión universitaria e a curiosidade temperá

O Día Internacional das Universidades para a Infancia, que se conmemora desde 2024, ten como obxectivo reforzar a visibilidade das universidades para a Infancia e divulgar a súa misión: achegar a ciencia e a investigación ás crianzas e adolescentes, fomentar a súa curiosidade e ampliar as oportunidades educativas desde idades temperás. Así mesmo, busca poñer en valor o papel destas iniciativas na chamada “terceira misión” universitaria, isto é, o compromiso social e comunitario das institucións académicas.

Alfabetización en futuros

Neste 2026, a celebración incorpora un novo eixo temático de especial relevancia: a Futures Literacy ou alfabetización en futuros, entendida como a capacidade de imaxinar, comprender e construír futuros posibles. Desde XuvenCiencia, compartimos plenamente esta visión de que o coñecemento científico e tecnolóxico permite matinar e artellar futuros posibles máis sustentables. Neste caso, achegarnos aos microenxertos axuda a concibir que é posible crear novos soutos e plantacións máis produtivas, obter madeira e froito de calidade e mesmo combater doenzas que ameazan cultivos tradicionais como o castiñeiro.

Esta capacidade de anticipar problemas —como as pragas ou os efectos do cambio climático— e desenvolver solucións innovadoras desde a ciencia exemplifica como a alfabetización en futuros non é só pensar no que virá, senón tamén adquirir ferramentas para intervir nel desde o presente, fomentando unha cidadanía crítica, creativa e comprometida co territorio. As Universidades para a Infancia representan un espazo privilexiado no que pode prender a faísca do interese científico, contribuíndo tanto ao desenvolvemento persoal da mocidade como ao avance colectivo.

O Campus de Verán XuvenCiencia chegá á súa décima cuarta edición do 28 de xuño ao 4 de xullo

Asemade, o Campus de Verán XuvenCiencia chega neste verán de 2026 á súa décima cuarta edición, que regresa ás facultades, laboratorios, aulas e espazos do Campus de Lugo da USC entre o 28 de xuño e o 4 de xullo. Ofrécense nesta ocasión 95 prazas para alumnado de terceiro e cuarto cursos da ESO, BAC e ciclos medios de Formación Profesional, en réxime de pensión completa con aloxamento en residencias universitarias. O alumnado poderá iniciarse na investigación tanto nos eidos das ciencias naturais e da saúde como nos da enxeñaría, as ciencias sociais e as humanidades. Máis información na web de XuvenCiencia (https://xuvenciencia.org/campus/gl/).

EUCU.NET: una rede de máis de oitenta institucións de todo o mundo

XuvenCiencia é na actualidade a única entidade galega e de todo o Estado español integrada na EUCU.NET, unha rede que reúne arredor de oitenta universidades e centros de investigación de todo o mundo. A súa actividade contribúe a consolidar o papel do Campus de Lugo como referente na divulgación científica e na innovación educativa dirixida á mocidade.

Con motivo desta xornada internacional, XuvenCiencia anima á comunidade educativa e á sociedade en xeral a sumarse á celebración e a difundir a importancia de achegar a ciencia ás novas xeracións como ferramenta clave para construír o futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *