Máis claro que a auga?

Mondoñedo, Burela, Muras, Navia de Suarna, Friol e Sober foron os municipios nos que se desenvolveron as charlas do segundo trimestre do proxecto Ciencia á Feira, dedicado á xestión sustentable dos recursos hídricos

Por: MVI/XuvenCiencia

Galicia conta con recursos hídricos, pero é esencial administralos de maneira sustentable para evitar problemas futuros. Xestión sustentable da auga en Galicia é o título da acción do programa Ciencia á Feira, financiado pola FECYT, que desenvolveu XuvenCiencia durante o segundo trimestre do curso escolar 2023/2024.

Outra vez, como sucedeu coa actividade dedicada ás picadas de carrachas, acudiuse os días de feira ou mercado municipal a distintos puntos da provincia con actividades tanto para escolares como para a veciñanza en xeral; estas últimas desenvolvéronse en espazos cedidos polos concellos.

Charlas sobre o ciclo natural da auga e o ciclo urbano

Desta volta foron charlas de hora e media de duración sobre o ciclo natural da auga e o ciclo urbano: procesos de depuración, o cuestionar a idea establecida de que en Galicia chove moito e temos exceso de auga e que, polo tanto, non nos urxe tomar medidas de aforro para paliar os efectos do quecemento global. E, tamén, achegáronse datos sobre consumos domésticos e de usos agrícolas: canto gasto de auga supón unha ducha, un baño, lavar as mans ou lavar a louza?

 

 

Só o 2,5 por cento de toda a auga que existe na Terra é doce e constitúe un recurso moi preciado, xa que resulta imprescindible para a vida dos animais (entre eles, as persoas) e dos ecosistemas. “A auga é un recurso finito e insubstituíble, por iso cada pinga conta”.

Equipo Auga

A coordinadora do equipo Auga de Ciencia á Feira é Montse Valcárcel. Participaron tamén nas charlas outros membros da área de Enxeñaría Agroforestal da EPSE do Campus de Lugo da USC, como Jorge Dafonte Dafonte, María Teresa Teijeiro Rodríguez, Javier José Cancela Barrio e Tomás Cuesta García.

Velaquí unha galería de imaxes das actividades desenvolvidas durante o segundo trimestre de Ciencia á Feira:

Foron eles os encargados de trasladarlles todos os segredos da auga ás persoas asistentes ás charlas tanto para público escolar como para a poboación xeral, que se celebraron en seis municipios da provincia de Lugo: Mondoñedo, Burela, Muras, Navia de Suarna, Friol e Sober. Os participantes recibiron, asemade, folletos informativos que podedes descargar aquí.

Lembramos que Ciencia á Feira se desenvolve grazas á colaboración dos concellos de Burela, Muras, Friol, Sober, A Pobra do Brollón, O Incio, Mondoñedo e Navia de Suarna, que facilitan os locais para celebrar os obradoiros destinados á poboación adulta. Asemade, participan no proxecto a área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, que se encargou da impresión dos folletos informativos, e a Delegación da Xunta en Lugo. Outras das entidades que nos apoian son o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Galicia, que adaptou o material divulgativo editado, e a Asociación Galega de Comunicación Científica – DivulgACCIÓN.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *