Non hai inimigo pequeno

Ciencia á Feira é un proxecto de vocación comunitaria e interxeracional, promovido por XuvenCiencia e financiado pola FECYT. A primeira das súas actividades consistiu nuns obradoiros para público escolar e xeral sobre prevención de doenzas transmitidas por carrachas

Por: MVI/XuvenCiencia

A provincia de Lugo é o territorio galego onde máis incidencia presentan as doenzas transmitidas polas picadas de carrachas. Cando desde XuvenCiencia presentamos a memoria do proxecto Ciencia á Feira á convocatoria de axudas ao fomento da cultura científica da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), del Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, tiñamos moi claro que debíamos abordalo dun xeito rigoroso e accesible.

No equipo de XuvenCiencia temos a fortuna de contar con investigadoras do ámbito da Veterinaria que levan décadas a ser pioneiras no enfoque One Health: que comtempla unha única saúde para as persoas, os animais e o planeta. Por iso a actividde Enfermidades transmitidas por carrachas. Coñecelas é a chave para previlas xorde da colaboración entre veterinarias do departamento de Patoloxía Animal do Campus Terra da USC e dun médico internista do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA).

O noso equipo Carrachas, integrado por Marta, Susana, Belén e Sabela, co apoio de Helga, desenvolveu obradoiros tanto para poboación escolar como para público xeral. Ciencia á Feira é un proxecto concibido para municipios pequenos e/ou diversos e alonxados dos centros económicos, tecnolóxicos e académicos convencionais. Confiamos no valor das feiras e mercados tradicionais como puntos cotiáns de intercambio de información e coñecementos e tamén na confianza que exerce a escola como institución no medio rural da provincia de Lugo.

Ademais de organizar charlas, publicáronse en repartíronse folletos informativos, que se adaptaron a braille grazas á colaboración do Centro de Recursos Educativos da ONCE en Galicia.

Imagen

Para xerar conversa interxeracional

Con Ciencia á Feira, os contidos que aprende a rapazada dos colexios, CPI ou institutos son trasladadas tamén á poboación adulta dese mesmo municipio. Escollemos días especiais, como son os das feiras. Confiamos en que os obradoiros tanto para o público escolar como para o adulto sirvan para xerar conversa nas casas e para activar a curiosidade de todos, independentemente da súa idade ou formación académica.

Imagen

O equipo Carrachas de Ciencia á Feira organizou obradoiros en Mondoñedo, Muras, Friol, Burela, O Incio e Navia de Suarna entre os meses de outubro e decembro de 2023. Neles, tanto os estudantes dos centros de ensino deses municipios como os seus pais e avós aprenderon a identificar diferentes tipos de carrachas e tamén coñeceron en que época do ano e en que lugares é máis habitual atopalas.

En Galicia, a maioría das carrachas atópanse no alto da vexetación, onde esperan coas patas estendidas cara arriba, con unllas para engancharse. Podémolas atopar en calquera tipo de vexetación como herba, arbustos ou na follaxe, sendo máis abundantes en zonas á sombra e con elevada humidade. Algunhas especies tamén se adaptaron a zonas secas ou mesmo urbanas.

Souberon sobre a enfermidade de Lyme, unha doenza sistémica de tipo reumatolóxico que é das máis prevalentes das transmitidas por carrachas, e a súa sintomatoloxía.

Imagen

 

En que sitios prenden as carrachas?

Así mesmo, as nosas investigadoras fixeron un percorrido polos lugares do corpo onde é máis habitual que se prendan as carrachas e ofreceron unhas instruccións para revisarnos ben despois de dar un paseo por contornas con vexetación abundante, sombrizas e húmidas, onde é máis habitual atopalas.

Carracha

Finalmente, tamén se deron unhas instrucións sobre como quitalas: sabíades que non está indicado nin esmagalas nin botarlles aceite nin cortalas nin queimalas? E que cómpre limpar ben a zona despois con alcol?

Lavar a roupa con auga quente ou metela no conxelador

Despois de estar ao aire libre, é moi importante revisar o corpo, a roupa, e os bolsos ou mochilas, así como a nenas/os e mascotas,en busca de carrachas, para retiralas canto antes e evitar a transmisión de patóxenos. Recoméndase lavar a roupa con auga quente (a auga fría ou tépeda non as matará) ou metela nunha bolsa hermética no conxelador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *