“Botábasnos en falla? Xa tiñamos gana de vernos as caras”. O Campus de Verán XuvenCiencia regresa á presencialidade cunha novena edición que se celebrará no Campus de Lugo da USC do 28 de xuño ao 2 de xullo de 2021. Este venres, 7 de maio, ás 15:30 horas, abre na páxina web xuvenciencia.org/campus a preinscrición para esta actividade, dirixida a alumnado de 4º de ESO, BAC e ciclos medios de FP.
Despois dunha edición “en rede, que non virtual” o ano pasado, condicionada pola pandemia, a organización do Campus, o Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC, decidiu organizar para este verán de 2021 unha edición presencial, aínda que adaptada a todas as medidas pertinentes nun contexto aínda excepcional.
É por iso que se optou por un deseño do Campus en proxectos, que funcionarán a modo de grupos burbulla para cinco ou seis estudantes. Fronte a edicións anteriores nas que participaron no Campus XuvenCiencia ata 150 rapazas e rapaces, nesta edición de 2021 ofértanse 65 prazas para poder garantir as condicións de seguridade.
Dez proxectos + un obradoiro de medios e actividades de tarde e ao aire libre
O alumnado poderá escoller para participar no Campus de Verán XuvenCiencia 2021 entre dez proxectos e un obradoiro de medios de comunicación. Asemade, o programa propón actividades que serán para o conxunto das/os participantes, como un roteiro cultural e medioambiental pola contorna de Lugo, a través do Camiño Primitivo e os ríos Miño e Rato, ademais de obradoiros de tarde para a representación gráfica de datos e a elaboración de vídeos de divulgación científica e de YouTube, que despois participarán a concurso do Festival de Vídeos XuvenCiencia. Haberá, así mesmo, charlas divulgativas, unha auténtica Feira de Ciencia no Campus de Lugo e algunhas sorpresas.
Aloxamento + pensión completa
O Campus XuvenCiencia ofértase en réxime de aloxamento e pensión completa en residencias e comedores universitarios do Campus de Lugo. O estudantado estará acompañado en todo momento por monitorado cualificado e para os seráns e as noitiñas está previsto o programa Lumieira Acompaña. As entradas e saídas dos e das alumnas realizaranse o domingo 27 de xuño e o sábado 3 de xullo.
Novidades na reserva de praza
O Campus XuvenCiencia de Verán adoita esgotar as súas prazas en cuestión de minutos. Para aumentar as opcións daqueles/as aspirantes a xuvencientíficos que viven en áreas con peor cobertura de internet ou que o día da preinscrición, polo que sexa, non teñen acceso, nesta edición introdúcese unha novidade no proceso. “Adxudicaremos a metade das prazas na orde da recepción da preinscrición e a outra metade por sorteo entre todo o alumnado inscrito. Asignamos os proxectos seguindo as preferencias de cada un/unha seguindo unha orde aleatoria, non por orde de inscrición. Deste xeito aseguramos a todo o alumnado as mesmas oportunidades de optar aos seus proxectos preferidos”, explica Mercedes Novo, a coordinadora do Grupo XuvenCiencia.
Rede de escolas da Montaña de Lugo
Cinco das prazas deste Campus de Verán XuvenCiencia están reservadas para outros tantos alumnos/as, unha por cada un dos centros que este curso participaron no Congreso Científico da Montaña de Lugo: do Courel, Pedrafita, Cervantes, Becerreá e Mondoñedo. XuvenCiencia quere distinguir así o labor realizado polos centros que integran a rede de escolas pola ciencia da Montaña de Lugo, á que se suma, ademais dos anteriores, o de Navia de Suarna, que este ano tivo que ausentarse do congreso pola pandemia. A estes colexios e institutos o traballo en rede permítelles a elaboración e edición de videoclips colaborativos de contido ambiental e/ou científico, participar en feiras e eventos estatais e tamén gañar numerosos premios. “Parecíanos pertinente este recoñecemento para un alumnado e un profesorado que se esforza en promover un coñecemento consciente sobre a súa contorna que axuda a poñer en valor o lugar do que proceden”, sinala Mercedes Novo.
Proxectos dispoñibles no Campus XuvenCiencia 2021
Análises clínicas: que me pasa, doutora? Coñecerase o valor das análises clínicas como ferramentas para valorar o estado de saúde dos animais e o diagnóstico das enfermidades. Como sabemos se un can ten unha anemia? En que se diferencian o sangue dos mamíferos e o das aves? |
Animal CSI: realidade ou ficción? Aproximación a algunhas das técnicas empregadas nos laboratorios para determinar a causa de morte en animais, que ás veces causa grande interese social ou mediático: foi envelenamento? Falta de coidados? Hai risco para a saúde humana ou/e animal? |
AquaLab. Sistema de monitorización ambiental con arduino. Mediante hardware de fonte aberta arduino, e tamén sensores ambientais de baixo custe, as e os estudantes rexistrarán parámetros do noso medio ambiente: temperatura, humidade do aire, etc. |
Árbores en tubos de ensaio. Como clonar unha árbore a partir dun fragmento minúsculo? Semella maxia, pero é ciencia. O cultivo in vitro permite obter copias de árbores xeneticamente idénticas en grandes cantidades nun tempo moi curto e nun espazo reducido. |
Controla e constrúe robots! Ensamblaranse pequenos robots e sistemas automatizados e o alumnado aprenderá a programar un microcontrolador para manexar os sensores destes pequenos robots. |
Estratexia para o desenvolvemento dunha idea. Traballarse en equipo para a creación dun produto innovador e a súa promoción a partir de estratexias de márketing e publicidade, como a elaboración dun anuncio. |
Fotosíntese artificial. Na procura de novas fontes enerxéticas. O obxectivo deste proxecto reside en descompoñer auga tanto por vía fotoquímica como electrolítica. Desde xeito procurarase remedar nun laboratorio un proceso natural como é a fotosíntese. |
Impresión 3D. Converte unha idea en realidade. O alumnado converterá unha idea nun obxecto real a través de modelado tridimensional mediante software de uso cotián no mundo da enxeñaría. Posteriormente procederase ao seu tratamento para a impresión 3D e obterase o produto imaxinado. |
Investigando as proteínas. Cuantificaranse proteínas en diferentes mostras mediante un método colorimétrico e analizaranse a través dunha técnica de laboratorio chamada electroforese en xel de poliacrilamida. |
Novas miradas docentes: outras maneiras de ensinar e aprender. Os/as estudantes experimentarán con distintos recursos e metodoloxías: dramatizacións contra os estereotipos de xénero, retos motores para a cooperación e a estratexia colaborativa, prácticas para sacar a ciencia dos libros de texto e resolución de problemas con GeoGebra. |
5W Obradoiro de xornalismo. Coñeceranse os segredos da comunicación científica, crearanse contidos exclusivos para o Magacine XuvenCiencia. Os/as alumnos deste obradoiro serán os correspondentes oficiais do Campus de Verán XuvenCiencia 2021. |