O departamento de Extensión Docente da Facultade de Ciencias da Universidade de Copenhague (Dinamarca) vén de comezar a traballar cos kits Fotometrix, deseñados para a análise de proteínas nun líquido biolóxico a partir da fotometría e desenvolvidos polo grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Nesta mesma semana, as actividades co Fotometrix de XuvenCiencia serán amosadas na principal feira educativa de Dinamarca, onde se estima que participen 1.600 persoas en dous días. A Universidade de Copenhague conta con que o Fotometrix chegue a milleiros de estudantes este curso.
O kit Fotometrix Análise Fotométrica do Contido de Proteína do grupo XuvenCiencia ten como obxectivo familiarizar o alumnado coa análise química e bioquímica. Emprega unha ferramenta de amplo uso nos laboratorios, como é o fotómetro, e aplícaa á determinación analítica da proteína contida nun alimento.
Hardware libre e wifi propia
A parte central do kit é un innovador fotómetro móbil baseado no micro-controlador de hardware libre Arduino e a impresión 3D. Este fotómetro realiza as medidas de absorbancia cunha precisión sorprendente para o seu tamaño e custo. Tamén xera unha rede wifi propia que conecta co móbil do usuario para controlar o fotómetro.
Desde a Universidade de Copenhague xa realizaron uns test de proba con estudantes de ensino medio e tamén con alumnado de Formación do Profesorado. Están a traballar no ámbito da bioquímica e da ciencia dos alimentos, baixo a narrativa central das fontes de proteína de procedencia non animal, que consideran esencial tanto para a formación dos consumidores como para achegarlle ferramentas de traballo á industria alimentaria.
A dimensión socio-científica dunha dieta menos baseada nos produtos animais
Torben Ingerslev Roug, responsable do departamento de Extensión Docente da Facultade de Ciencias da Universidade de Copenhague, explica que Cirkus Naturligvis, o espazo desde o que se están a empregar os kits Fotometrix de XuvenCiencia, é “un servizo que provee experiencias de aprendizaxe atraíntes para aulas de colexios e institutos dentro da Universidade de Copenhague”. Actualmente, engade Ingerslev, “o equipo de Cirkus Naturligvis está a traballar no desenvolvemento de actividades que abordan a dimensión socio-científica de mover o eixo do noso sistema alimentario cara a unha dieta máis sustentable e baseada no consumo de vexetais”.
“Unha ferramenta económica e fiable”
Sobre este aspecto e como parte deste esforzo, veñen de incorporaren os kits Fotometrix “co obxecto de dispormos de ferramentas económicas e fiables para o alumnado dos graos de oitavo a décimo [sería equivalente aos cursos de segundo, terceiro e cuarto de ESO] para investigarmos o contido e a calidade das proteínas en produtos que atopan nas súas vidas diarias”. Considera Torben Ingerslev Roug que esta abordaxe lle dá ao alumnado “o poder de desenvolver as súas conclusións científicas propias, así como a posibilidade de formarse o seu pensamento crítico sobre o tema, no canto de unicamente aceptar a información que lles chega a través doutras fontes”.
Inspiración a partir do proxecto europeo Phereclos
En definitiva, desde a Universidade de Copenhague confían en que estes kits “inspiren algúns dos máis de dez mil estudantes, e o seu profesorado, aos que chegamos cada curso”. “Nós xa estivemos inspirados orixinalmente polo traballo acometido por XuvenCiencia no marco do proxecto europeo Phereclos de Open Schooling. Esta conexión subliña a importancia de intercambiar ideas e experiencias, tamén nunha escala internacional”, conclúe Igerslev Roug.
Un equipo multidisciplinar do Campus de Lugo da USC
O kit Fotometrix de XuvenCiencia foi desenvolvido por Wajih Al-Soufi e Mercedes Novo Rodríguez, do departamento de Química Física da Facultade de Ciencias; Ramiro Barcia Viéitez, de Bioquímica e Bioloxía Molecular, tamén da Facultade de Ciencias, así como Jorge Dafonte Dafonte, Miguel Anxo González García e Francisco Javier López González, todos eles do departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior. Todos estes profesores e investigadores imparten docencia no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.