Os obradoiros de XuvenCiencia para ‘Ciencia no Camiño’ chegan a 370 alumnos de Secundaria, Primaria e Infantil

Centros escolares de Lugo, Guntín, A Fonsagrada, O Courel e Ribadavia beneficiaranse destas actividades incluídas no proxecto liderado pola Asociación Galega de Profesionais do Desenvolvemento Local (Afiprodel) e acollido á convocatoria O Teu Xacobeo

Por: XuvenCiencia

O colexio público Paradai de Lugo foi este xoves, 29 de abril, a primeira parada dos obradoiros de XuvenCiencia para o proxecto ‘Ciencia no Camiño’, incluído na convocatoria O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. XuvenCiencia vén de deseñar para ‘Ciencia no Camiño’ unhas actividades formativas fundamentadas en propostas para o coñecemento da contorna e o desenvolvemento do territorio que chegarán a un total de 371 alumnos e alumnas de secundaria, primaria e infantil de municipios en distintos Camiños de Santiago: Lugo, Guntín e A Fonsagrada (Camiño Primitivo), O Courel (variante do Camiño Francés e Camiño de Inverno) e Ribadavia (variante do Camiño dos Arrieiros).

Desenvolvemento sustentable

Os obradoiros son impartidos por persoas investigadoras e estudantes de doutoramento do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, que para esta proposta ao abeiro do proxecto ‘Ciencia no Camiño’ teñen escollido actividades adaptadas aos diferentes grupos e niveis educativos que van recibir a formación. Do mesmo xeito e debido ás características dun proxecto no que a incardinación co territorio e as oportunidades de desenvolvemento sustentable constitúen os principais eixos, estes obradoiros XuvenCiencia abordan aspectos como a trazabilidade alimentaria, grazas ao kit DNA-Meat de XuvenCiencia, que serve para determinar se unha carne é de porco ou de vitela a partir dunha técnica de laboratorio tan de actualidade como é a PCR.

Tendo en conta que o sector agroalimentario é crucial en boa parte de Galicia, os obradoiros XuvenCiencia inclúen tamén propostas de educación alimentaria, como son un pasapalabra nutricional e experimentos arredor das proteínas do leite. A biodiversidade tamén terá o seu protagonismo, cunha actividade sobre a cadea trófica. Experimentos sobre o ADN de leguminosas coma o chícharo e proxectos máis tecnolóxicos baseados na fibra óptica completan a oferta dos obradoiros XuvenCiencia para ‘Ciencia no Camiño’.

Un dos obradoiros consistiu na análise de proteína de leite.

 

 

O pasapalabra nutricional foi outra das propostas de XuvenCiencia para os obradoiros de Ciencia no Camiño.

 

Cinco centros educativos

Despois de desenvolverse no colexio Paradai de Lugo o 29 de abril os obradoiros XuvenCiencia de ‘Ciencia no Camiño’ chegarán ata o CPI Tino Grandío de Guntín (30 de abril), IES Fontem Albei da Fonsagrada (3 de maio), IES O Ribeiro de Ribadavia (4 de maio) e CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel (5 de maio).

Cultura científica  nos Camiños

A promoción da cultura científica e a innovación, tanto para a poboación escolar como para o público en xeral, a través dunha rede de educación e divulgación nos Camiños de Santiago, é o principal obxectivo do proxecto ‘Ciencia no Camiño’, que botou a andar o 18 de marzo. ‘Ciencia no Camiño’ é unha iniciativa financiada ao abeiro do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e está liderada pola Asociación Galega de Profesionais do Desenvolvemento Local (Afiprodel). Integran como socios ‘Ciencia no Camiño’ a Fundación Uxío Novoneyra, o Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC) e o Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña (UdC).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *