Práctica veterinaria, sismoloxía, comunicación científica, xenética, cociña molecular ou robótica, entre os 16 proxectos ofertados no undécimo Campus de Verán XuvenCiencia

Por: Xuvenciencia

O campamento terá lugar do 2 ao 8 de xullo en Lugo e abre a súa preinscrición o venres, 5 de maio, con 95 prazas para alumnado de 4º de ESO, ciclos medios de FP e 1º e 2º de BAC

Sincronizamos os reloxos para o día 5 do mes 5 ás 15.30 horas, cando se abre a preinscrición para o Campus de Verán XuvenCiencia na páxina web xuvenciencia.org/campus. XuvenCiencia celebrará a súa undécima edición en Lugo do 2 ao 8 de xullo de 2023. Ofértanse nesta ocasión un total de 95 prazas para alumnado de cuarto curso de ESO, ciclos medios de Formación Profesional e ambos os cursos de Bacharelato. Práctica veterinaria, sismoloxía, xenética, cociña molecular, robótica ou comunicación científica son algúns contidos sobre os que versarán os 16 proxectos dispoñibles. Ademais, haberá obradoiros científicos e artísticos, visitas culturais e a centros tecnolóxicos, feiras xincanas, premios e, por suposto, festa.

A organización do Campus de Verán XuvenCiencia, o grupo de innovación docente do mesmo nome do Campus de Lugo da USC, artellou para este ano un campamento para adolescentes interesados non só nos ámbitos que tradicionalmente se entenden como “de ciencias”, o biosanitario e o científico-tecnolóxico, senón tamén para mozas e mozos con inquedanzas polas ciencias sociais e humanidades. A escolma de proxectos que compón o Campus XuvenCiencia 2023 está baseada nalgunhas das investigacións máis punteiras que están vixentes no Campus de Lugo da USC, como as de peixe cebra para tratamento do cancro e doenzas raras ou a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese artificial. En cada proxecto traballará un grupo de cinco ou seis xuvencientíficos/as, que levarán adiante o seu traballo de campo nos mesmos laboratorios nos que o persoal investigador da USC desenvolve o seu quefacer diario, así como noutros centros de coñecemento como o Hospital Veterinario Rof Codina, o Museo Provincial e o Arquivo Histórico Provincial.

O Campus XuvenCiencia 2023 ofértase en réxime de aloxamento e pensión completa en residencias e comedores universitarios do Campus de Lugo. O estudantado estará acompañado en todo momento por monitorado cualificado e para os seráns e as noitiñas está previsto o programa Lumieira Acompaña, con propostas de lecer. As entradas e saídas dos e das alumnas realizaranse o domingo 2 de xullo e o sábado 8 de xullo, respectivamente.

Reserva de praza

O Campus XuvenCiencia adoita esgotar as súas prazas en cuestión de minutos. Para aumentar as opcións daqueles/as aspirantes a xuvencientíficos/as que viven en áreas con peor cobertura de internet ou que o día no que abre a preinscrición, polo que sexa, non teñen acceso, o 50% das vacantes será adxudicado por orde rigorosa de reserva e o outro 50% será sorteado. “Adxudicaremos a metade das prazas na orde da recepción da preinscrición e a outra metade por sorteo entre todo o alumnado inscrito. Asignamos os proxectos seguindo as preferencias de cada un/unha seguindo unha orde aleatoria, non por orde de inscrición. Deste xeito aseguramos a todo o alumnado as mesmas oportunidades de optar aos seus proxectos preferidos”, explica Mercedes Novo, a coordinadora do Grupo XuvenCiencia.

Proxectos dispoñibles no Campus XuvenCiencia 2023

5W Obradoiro de xornalismo. Coñeceranse os segredos da comunicación científica, crearanse contidos exclusivos para o Magacine XuvenCiencia. Os/as alumnos deste obradoiro serán os correspondentes oficiais do Campus de Verán XuvenCiencia 2023.

Análises clínicas: que me pasa, doutora? Coñecerase o valor das análises clínicas como ferramentas para valorar o estado de saúde dos animais e o diagnóstico das enfermidades. Como sabemos se un can ten unha anemia? En que se diferencian o sangue dos mamíferos e o das aves?

Animal CSI: realidade ou ficción? Aproximación a algunhas das técnicas empregadas nos laboratorios para determinar a causa de morte en animais, que ás veces causa grande interese social ou mediático: foi envelenamento? Falta de coidados? Hai risco para a saúde humana ou/e animal?

AquaLab. Sistema de monitorización ambiental con arduíno. Mediante hardware de fonte aberta arduino, e tamén sensores ambientais de baixo custe, as e os estudantes rexistrarán parámetros do noso medio ambiente: temperatura, humidade do aire, etc.

Árbores en tubos de ensaio. Como clonar unha árbore a partir dun fragmento minúsculo? Semella maxia, pero é ciencia. O cultivo in vitro permite obter copias de árbores xeneticamente idénticas en grandes cantidades nun tempo moi curto e nun espazo reducido.

Controla e adestra robots! Ensamblaranse pequenos robots e sistemas automatizados e o alumnado aprenderá a programar un microcontrolador para manexar os sensores destes pequenos robots.

Impresión 3D. Fai real o que imaxinas. O alumnado converterá unha idea nun obxecto real a través de modelado tridimensional mediante software de uso cotián no mundo da enxeñaría. Posteriormente procederase ao seu tratamento para a impresión 3D e obterase o produto imaxinado.

Veterinarias en apuros. Unha inmersión real no Hospital Veterinario Rof Codina. Atenderemos os nosos doentes, os animais, en consultas, traballaremos nun diagnóstico e seremos testemuñas do labor que fan cirurxiáns e anestesistas nos procedementos de quirófano.

Cociña molecular: ciencia e gastronomía nunha soa disciplina. Esferificación? Destilación a presión reducida? Nitróxeno líquido? Os mecanismos químicos permiten a creación de pratos extraordinarios chamados non só a satisfacer o sentido do gusto, senón tamén da vista, o olfacto e o tacto.

Fotosíntese artificial. Na procura de novas fontes enerxéticas. O obxectivo deste proxecto reside en descompoñer auga tanto por vía fotoquímica como electrolítica. Desde xeito procurarase remedar nun laboratorio un proceso natural como é a fotosíntese.

Supera este reto! Educando con ciencia. Pensas dedicarte á docencia? Neste proxecto experimentarás con distintos recursos e metodoloxías: dramatizacións, retos motores para a cooperación e a estratexia colaborativa, prácticas para sacar a ciencia dos libros de texto e resolución de problemas.

Cultura accesible a golpe de clic. Como lles contarías a outras persoas o interesantes que son os teus libros favoritos? Sábelo todo desa serie de televisión e daquel artista e desa cantante, pero de que xeito llo farías entender a outros/as? Este proxecto levarate ao Museo Provincial de Lugo para converterte nunha experta/o en divulgación cultural grazas ás ferramentas narrativas ao noso dispor.

Facer ciencia coas letras. Os arquivos lévanlle moitos séculos de anticipo ao big data como fonte de coñecemento. Como se da sección de libros prohibidos de Hogwarts se tratase, aprenderás a abordar documentación antiga para facer unha investigación histórica e mergullarte nos rexistros criminais dos séculos pasado para reconstruír casos sen resolver.

Patóxenos animais: na procura dos malos. Bacterias e virus causan moitas doenzas. Neste proxecto aprenderanse algunhas das técnicas para o diagnóstico de enfermidades infecciosas: cultivo de bacterias, observación baixo o microscopio, antibiogramas e bioloxía molecular.

Ferramentas ADN: unha cebra na auga e DNI xenético. O peixe cebra converteuse nun organismo modelo para a experimentación en áreas como a biomedicina. O alumnado deste proxecto realizará as técnicas moleculares e as análises necesarias par resolver casos reais de probas de paternidade en animais.

Fai tremer os teus cimentos. É posible que unha construción estea feita a proba de terremotos? En XuvenCiencia poderás deseñar e construír unha mesa vibratoria 1D controlada por hardware libre e que permita aplicar sobre maquetas ondas de diferentes tipos, para ver como responde, e analizar o seu comportamento en caso de que se producise un sismo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *