A promoción da cultura científica e a innovación, tanto para a poboación escolar como para o público en xeral, a través dunha rede de educación e divulgación nos Camiños de Santiago, é o principal obxectivo do proxecto ‘Ciencia no Camiño’, que botou a andar este xoves, 18 de marzo, cunha reunión de lanzamento telemática. ‘Ciencia no Camiño’ é unha iniciativa financiada ao abeiro do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e está liderada pola Asociación Galega de Profesionais do Desenvolvemento Local (Afiprodel). Integran como socios ‘Ciencia no Camiño’ a Fundación Uxío Novoneyra, o Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC) e o Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña (UdC).
Como explicou Dolores Pena, presidenta de Afiprodel, nunha presentación ante autoridades da Xunta de Galicia e das administracións locais, ‘Ciencia no Camiño’ nace co propósito de achegarse á poboación escolar preuniversitaria, mais tamén incidirá nas oportunidades que a tecnoloxía, a cultura e o coñecemento científicos supoñen para o desenvolvemento dos municipios e comarcas galegas, sobre todo, no que atinxe a propostas vencelladas a unha promoción do territorio sustentable, como pode ser o turismo científico.
Un grupo de discusión sobre as oportunidades do territorio e a cultura científica
A primeira das accións de ‘Ciencia no Camiño’ consistiu nun foro de discusión que se celebrou este mesmo xoves de xeito telemático (http://ir.gl/cienciadirecto). Participaron neste encontro tres perfís complementarios e moi diferenciados: por unha banda, a profesora do CPI Uxío Novoneyra do Courel Lourdes G. Sotelo, como docente dun centro escolar público que integra con outras escolas da Montaña luguesa unha rede de educación científica; por outra, Manuel Vicente, químico de formación e responsable do espazo de divulgación científica Efervesciencia, da Radio Galega e a USC. O terceiro convidado para este foro de discusión foi o enxeñeiro Martín López Nores, un tecnólogo con vocacion humanista implicado en iniciativas científico-culturais e científico-turísticas.
Autoestima para saber do mundo ao redorLourdes G. Sotelo achegou a súa experiencia como docente nunca contorna despoboada como é a Montaña de Lugo, que se ben ten como desvantaxes o illamento, a falta de autoestima e a escaseza de recursos con respecto a outros medios, si que conta coa oportunidade dun espazo privilexiado que serve como laboratorio vivo e lugar para o traballo de campo. O proxecto docente do CPI Uxío Novoneyra do Courel e tamén o club de ciencias do centro intégranse sen proxectos de investigación sobre o oso pardo, o lobo, os pequenos mamíferos, as bolboretas ou as orquídeas courelaos, ao tempo que aprenden as materias reguladas. Así mesmo, o CPI do Courel é un dos colexios integrado na rede de escolas para a ciencia da Montaña de Lugo, da que tamén forman parte os centros de Navia de Suarna, Pedrafita, Cervantes e Becerreá e que organizan o Congreso Científico da Montaña. Este traballo en rede permítelles facer videoclips colaborativos de contido ambiental e/ou científico, participar en feiras e eventos estatais e tamén gañar numerosos premios. E, sobre todo, adquiren un coñecemento consciente sobre o seu mundo arredor que os axuda a valorar o lugar do que proceden. |
A oportunidade de “paxareiros e estreleiros”Manuel Vicente leva adiante o programa Efervesciencia nas medianoites dos mércores na Radio Galega. Nesta iniciativa desenvolvida grazas ao apoio da USC e a FECYT, Vicente procura unha aproximación ao mundo no que vivimos desde o convencemento de que a ciencia forma parte da cultura humana. “Nós non facemos alfabetización científica, como fan as escolas ou XuvenCiencia, senón que preparamos un produto cultural co que tes que capturar o interese dun público moi diverso e realizar ofertas atractivas”. A xente, indica Manuel Vicente, sempre está disposta a vivir unha experiencia única: xa sexa nun concerto de rock, nunha visita a un museo científico na súa localidade o a facer un percorrido de espeleoloxía. No seu relatorio do grupo de discusión do proxecto ‘Ciencia no Camiño’ animou ás institucións e ás persoas que teñen responsabilidades administrativas e de xestión en Galicia a ter en conta dous grupos tan numerosos e partícipes de propostas de actividades e turismo científico como son “os paxareiros e os estreleiros”, os observadores de aves e afeccionados á astronomía. De igual modo, lembrou que unha das citas de tipo científico cultural con máis repercusión mediática nos país na última década foron os congresos de observadores de nubes que se celebraron na Granxa de Barreiros de Sarria. “Máis que facer moitos eventos novos, o importante é que os que creemos sexan sostibles no tempo e consistentes”, afirmou.
|
Ollo, non nos “STEMpemos”Martín López Nores, enxeñeiro de Telecomunicacións e profesor contratado doutor da Universidade de Vigo, ao cargo de proxectos coma o rurAllure da convocatoria europea Horizon 2020, deixou unha das frases máis significativas do grupo de discusión do proxecto ‘Ciencia no Camiño’: sen narrativas, sen comunicación, sen ciencias sociais ou humanidades, corremos o risco de STEMparnos”. “A tecnoloxía debe estar ao servizo da humanidade e non só no filosófico, senón tamén co mero propósito de que sexa rendible e útil”, incidiu. López Nores descubriunos que a receita do éxito das propostas culturais científicas está na conxunción de “serendipia, asociacións ou ligazóns e narrativas”. Despois de levarnos por grandes focos de turismo científico como poden ser as residencias de Marconi, Marie Curie ou Darwin, ou por lugares como o CERN de Xenebra ou o volcán islandés no que Jules Verne situou o inicio da súa novela de ciencia ficción Viaxe ao centro da Terra, Martín López Nores aventurou que Galicia podería aproveitar as pegadas da carta xeométrica de Domingo Fontán, a riqueza arqueolóxica do país ou o seu infracoñecido patrimonio industrial. |
Obradoiros inspirados nos kits Xuvenciencia
Como vindeira acción de ‘Ciencia no Camiño’ contémplanse unha serie de obradoiros para alumnado de primaria e secundaria, baseados nos kits de experimentación científica desenvolvidos por XuvenCiencia, que chegarán a colexios e institutos de localidades de diferentes Camiños de Santiago, como Lugo, Folgoso do Courel, Guntín, A Fonsagrada e Ribadavia. Asemade, emprazamentos como Carnota, Vimianzo, Fisterra ou A Coruña centrarán unha seguinte fase dentro do proxecto, que consistirá en charlas e intercambios de ideas con personalidades da investigación e a innovación científicas en distintos ámbitos, máis orientadas ao público en xeral e adulto e, sobre todo, para fomentar o emprendemento nos ámbitos da tecnoloxía e o turismo científico.
Afiprodel, que é un colectivo que agrupa a case un cento de profesionais, pretende que todo este traballo quede documentado e recollido, de xeito que teña un impacto na sociedade e poida ser aproveitado e sirva de inspiración no labor diario dos técnicos e técnicas de desenvolvemento local que traballan nas administracións municipais, provinciais e autonómica e Galicia. Ademais, ‘Ciencia no Camiño’ prevé a edición dun decálogo ou guía de boas prácticas e a súa difusión.