Que é a Covid-19?

Sabemos que é unha doenza infecciosa provocada por un coronavirus e repítennos que debemos manter a distancia e a hixiene, pero que cousas nos escapan?

Por: Ceferino M. López Sández

Covid-19 (Acrónimo da expresión en inglés Coronavirus Disease 2019) é unha enfermidade respiratoria provocada por un coronavirus que non se identificara ata este momento e cuxo nome é SARS-CoV-2. Nesta altura, e logo de varias entradas no blog XuvenCiencia para  achegarnos ao fenómeno que ocupa os nosos días desde hai semanas, somos coñecedores de que a Covid-19 ten causado unha pandemia e que lle temos que facer caso ás recomendacións de #QuedanaCasa para procurar frear a súa expansión.

 

Coronavirus
CDC/ Alissa Eckert, MS; Dan Higgins, MAM – CDC PHIL #23312. Morfoloxía ultraestrutural dos coronavirus (os picos que cobren a superficie externa danlle o aspecto baixo microscopio electrónico dunha coroa que rodea o virión).

 

Este virus é similar aos que provocaron a síndrome respiratoria aguda severo (SARS, de Severe Acute Respiratory Syndrome) e MERS (Middle East Respiratory Syndrome). Os coronavirus afectan de forma natural ao ser humano, no que provocan cadros leves similares a un arrefriado, e aos animais, por exemplo bovinos, ovinos, camélidos, gatos e morcegos; con todo, raramente se transmiten dos animais ás persoas. No caso de COVID-19, como xa antes ocorrera co SARS e o MERS, o reservorio natural do virus foi un morcego, neste caso do xénero Rhinolophus, ou morcego de ferradura. Con todo, crese que para que un coronavirus adaptado ao morcego infecte ao ser humano necesítase un hospedeiro intermedio animal que lle permita saltar a barreira interespecie. No caso do SARS ese hospedeiro intermedio fora a civeta, e para o MERS, o camelo. No caso da Covid-19 propuxéronse como posibles hospedeiros intermedios o pangolín ou diferentes especies de serpes, pero nestes momentos non hai certeza científica que poida afirmar que especie animal puido propiciar o salto interespecie do SARS-CoV-2. O consumo ou contacto con ese portador intermedio permite que o virus dea o salto interespecie e desenvólvase unha nova doenza.

Como se transmite a Covid-19?

A pesar de que esta enfermidade infecciosa tivese a súa orixe nunha especie animal, e que se describiu a infección de varios cans e gatos, e mesmo dun tigre, a vía de transmisión predominante da Covid-19 é a de humano a humano. A transmisión realízase a través das pingas respiratorias que as persoas infectadas producen ao tusir ou esbirrar, pero tamén simplemente ao falar; esas pingas poden ser inhaladas e chegar directamente aos pulmóns, ou poden contaminar as mans de persoas próximas que se infectan tras tocar a boca, o nariz ou os ollos. A probabilidade de que se produza esa propagación aumenta se a distancia entre as persoas é menor de 2 metros. Como exemplo, podemos ver a seguinte imaxe:

James Gathany. CDC Public Health Image Library IDE #11162. “Un home a medio esbirro, revelando o penacho de pingas da saliva expulsadas nunha gran matriz en forma de cono da boca aberta. Esta é a razón pola que un necesita cubrirse a boca ao tusir ou esbirrar, para protexer a outros da exposición a xermes”. CDC.

 

Desta maneira, os virus propáganse facilmente e de forma sustentable entre as persoas e poden xerar unha difusión comunitaria, é dicir, cando xa non se pode determinar a forma na que se infectaron varios pacientes dunha determinada área.

 Vexamos o proceso completo:

Máis aínda, en estudos realizados sobre a viabilidade do SARS-CoV-2, sinalouse, á parte de que o virus se mantén viable máis tempo en plástico (6,8 horas de vida media) e aceiro inoxidable (5,6 h), que en cartón (3,5 h) e cobre (0,8 h), que o virus se mantén viable durante 1,1-1,2 h (https://www.nejm.org/doi/full/10.1056/NEJMc2004973) en suspensión en aerosol. Isto implicaría que sería posible a transmisión do axente patóxeno a través do aerosol producido pola respiración normal dunha persoa infectada ao ambiente. Aínda que non se demostrou esta vía de transmisión na infección das persoas, explicaría a rapidez de transmisión de Covid-19.

Crese que as persoas que manifestan síntomas poden transmitir máis facilmente a infección e por iso deben estar illadas; con todo, tamén se detectou o virus en persoas asintomáticas. Ademais, respecto ao contaxio persoa-persoa, cabe destacar que unha porcentaxe significativa —25 de 172— de pacientes dados de alta despois de recuperarse de Covid-19 volvían eliminar SARS-CoV-2 entre 2 a 13 días despois, sen empeoramento dos síntomas (https://academic.oup.com/cid/advance-article/doi/10.1093/cid/ciaa398/5817588), polo que non se detectarían clinicamente. Este é un dato moi importante que se debe ter en conta nos plans de control dos pacientes recuperados.

Existe ademais a posibilidade de infectarse ao tocar un obxecto ou superficie, por exemplo un colector de alimentos, bolsa, picaporte, mesa, teléfono móbil, lentes… que estea contaminado polo virus, e logo tocar a boca, o nariz ou os ollos, pero non se considera a vía máis importante para a transmisión.

Ata o momento, non se considera posible a infección mediante os alimentos, pero necesítanse máis estudos científicos para poder aseguralo.

O número básico de reprodución R0

Todo o que falamos sobre a transmisión do virus lévanos a un punto moi importante sobre a COVID-10, o seu R0, ou Número básico de reprodución. Este valor mide a capacidade de transmisión que presenta un axente infeccioso e refírese ao número medio de casos novos que pode producir un individuo infectado. No caso de COVID-19, a OMS estímao entre 1,4 a 2,5, pero outros estudos sinalaron valores superiores, de 2,24 a 3,58 e de 3,6 a 4. En comparación, a gripe común ten un R0 de 1,3 e o SARS tivo un R0 de 2 no brote de 2003. Mentres unha enfermidade presente un R0 superior a 1 a enfermidade mantense, pero cando se logra que baixe de 1, a enfermidade acabará desaparecendo. Covid-19 mostrou unha capacidade de transmisión superior ao SARS, e toda enfermidade que presenta un R0 superior a 1 precisa medidas de control para evitar a extensión da enfermidade.

Como se manifesta?

Unha vez infectada unha persoa, o tempo de incubación varía entre 2 e 14 días, con moitas diferenzas entre pacientes (atopáronse casos extremos de ata 19 e 27 días).

Os síntomas máis frecuentes que poden aparecer son:

  • Febre – ao redor do 90%.
  • Tose – 80%. Sinálase que a tose é seca, pero en China atopouse tamén pacientes con tose produtiva (40% dos casos), probablemente por enfermidades concomitantes.
  • Dispnea – 40%.
  • Mialxia ou fatiga – 30%.

Os síntomas de advertencia de emerxencia que indican que é necesaria unha atención médica inmediata inclúen (https://espanol.cdc.gov/enes/coronavirus/2019-ncov/symptoms-testing/symptoms.html):

  • Dificultade para respirar.
  • Dor ou presión persistente no peito.
  • Confusión ou dificultade para estar alerta.
  • Coloración azulada nos beizos ou o rostro.

Factores de risco coñecidos

O tempo de estudo desta nova enfermidade é aínda moi curto como para poder coñecer con profundidade que factores de risco poden favorecer a infección das persoas ou a mortalidade dos pacientes. Ata este momento pódense sinalar como factores de risco os seguintes:

  • Idade: a enfermidade mostrou unha taxa de letalidade moito máis alta en persoas de 65 anos ou máis que nos menores de 65 anos
  • Persoal das residencias de anciáns ou de centros de atención a persoas
  • Problemas médicos concomitantes:
    • Enfermidades respiratorias crónicas.
    • Asma moderada ou severa.
    • Problemas cardíacos.
    • Inmunodeficiencias, por exemplo por tratamentos contra o cancro, transplantes, tratamentos prolongados por antiinflamatorios, enfermidades inmunosupresoras —SIDA—, fumadores…
    • Obesidade (IMC > 40).
    • Diabetes.
    • Enfermidades crónicas de ril con diálese.
    • Enfermidades crónicas do fígado.
  • Sexo: a enfermidade mostra maior letalidade nos homes que nas mulleres.

Algúns datos que poden axudar a visualizar estas afirmacións pódense ver en https://www.worldometers.info/coronavirus/coronavirus-age-sex-demographics/

Dos casos xa estudados en China viuse que, nos pacientes de idade avanzada, cunha alteración crónica persistente e que presentaron nos seus síntomas iniciais dispnea, en xeral o cadro clínico evolucionou a unha síndrome de dificultade respiratoria aguda e finalmente unha porcentaxe moi alta morreron, ben por problemas respiratorios ou fallo xeral multiorgánico.

Como nos podemos protexer?

Nestes momentos non existe ningunha vacina suficientemente probada como para ser usada de forma xeral na poboación para evitar a expansión do SARS-CoV-2, polo que o mellor é evitar entrar en contacto co virus. A vía de transmisión considerada como máis importante é entre persoas, así que:

  • Manteña unha distancia de seguridade entre as persoas, ao redor de 2 metros. Teña en conta que pode haber persoas asintomáticas eliminando virus ao ambiente. Distintas fontes consultadas recomendan máis dun metro (ou 3 pés; 1 pé = 30,48cm na medida dos países anglosaxóns), outras máis 6 pés, o que nos leva a preto de 2 metros. Por seguridade, podemos recomendar 2 metros.
  • Lave as mans con auga e xabón frecuentemente, polo menos durante 20 segundos, sobre todo se se estivo nun lugar público, e tamén despois de soarse ou tusir ou esbirrar. En caso de non dispor de auga e xabón, utilice un desinfectante con polo menos un 70% de alcol.

Efecto do xabón:

  • Evite tocar os ollos, o nariz e a boca se previamente non lavou as mans.
  • Cubra a súa boca e nariz cunha máscara cando estea preto doutras persoas. Pode transmitir COVID-19 a outras persoas mesmo sen que senta enfermo, polo que todos deben usar unha máscara cando vaian estar en contacto con outras persoas. Manteña a distancia de seguridade; a máscara non substitúe o distanciamento social.
  • Cubra a tose e os esbirros cubríndose a boca e o nariz cun pano de papel desbotable ou coa parte interior do cóbado. Tire os panos usados ao lixo e lave inmediatamente as mans con auga e xabón durante polo menos 20 segundos; se non dispón de auga e xabón, lávese as mans cun desinfectante adecuado.
  • Limpe e desinfecte diariamente as superficies máis usadas (mesas, pomos de portas, chaves da luz, cimeiras, tiradores, escritorios, teléfonos, teclados, retretes, billas e lavabos); se as superficies están sucias, límpeas previamente.

Desinfectantes; opcións:

    • Lixivia: unha dilución 1:50 (20 ml/litro) garante unha eficacia adecuada, aínda que a concentración comercial sexa baixa (no caso da mínima concentración autorizada pola normativa, 35 g de cloro activo por litro).
    • Solucións de alcol: a solución debe ter polo menos un 70% de alcol.

As persoas consideradas de maior risco —maiores de 65 anos, asmáticos, con enfermidades crónicas ou con inmunodeficiencias— a estas accións xa sinaladas, deberán engadir o non saír de casa salvo que sexa estritamente necesario.

Características especiais de Covid-19 que temos que coñecer

  • Que número de persoas infectadas asintomáticas non están diagnosticadas?: para evitar na poboación a infección por portadores asintomáticos. Presentáronse estimacións que dobran ou triplican os casos reais por encima dos oficiais e modelos matemáticos que multiplican varias veces máis ese valor. Iso axudaranos tamén a saber a taxa de letalidade real desta enfermidade, xa que as cifras coñecidas nestes momentos presentas valores moi dispares, debido a que posiblemente estamos a sobreestimar a capacidade de matar do virus por que non sabemos o número real de persoas infectadas.

 

 

Taxa de letalidade do coronavirus en diferentes países. Fonte: https://coronavirus.jhu.edu/data/mortality (tomado 12/04/2020).

 

  • Que controis hai que realizar sobre os pacientes que superan a enfermidade?, agora que se sabe que unha proporción significativa deles volven eliminar o virus. Deberían illarse 14 días máis?…
  • Existen superpropagadores nesta enfermidade? No caso de SARS identificouse un superpropagador que infectara 33 persoas das 75 coas que estivera en contacto —taxa de infección secundaria 45%— en Beijing, China, e outro 16, en Londres, Inglaterra. A SARS foi considerada por algúns autores como unha síndrome caracterizada pola superpropagación, na que as infeccións estabas causadas fundamentalmente por uns poucos superpropagadores. Dáse este caso en Covid-19? Describíronse varios posibles superpropagadores, pero son só datos de prensa. Clasificar un paciente como superpropagador require que se verifique que foi realmente a orixe dun grupo de infeccións agrupadas.

 

Ceferino M. López Sández.
Departamento de Patoloxía Animal. Facultade de Veterinaria.
Universidade de Santiago de Compostela.

 

Onde podemos obter información?

O que se debería ler

https://medium.com/@tomaspueyo/coronavirus-act-today-or-people-will-die-f4d3d9cd99ca (baseado en información do 3 de marzo)

https://medium.com/@tomaspueyo/coronavirus-the-hammer-and-the-dance-be9337092b56

Prevalencia e incidencia da enfermidade

Johns Hopkins University

https://coronavirus.jhu.edu/data (COVID-10 Data Visualization Center)

https://coronavirus.jhu.edu/map.html (mapas)

Covid-19 Data Resource Hub

https://data.world/resources/coronavirus/

Woldometers

https://www.worldometers.info/coronavirus/

Epidemic statistics

https://epidemic-stats.com/

Ministerio de Sanidade

https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov-China/situacionActual.htm

 Our World in Data

https://ourworldindata.org/coronavirus

 Guías e recomendacións

Organización Mundial da Saúde

https://www.who.int/es/emergencies/diseases/novel-coronavirus-2019

CDC Centros para el control y la prevención de enfermedades

https://espanol.cdc.gov/enes/coronavirus/2019-ncov/index.html

 Ministerio de Sanidade

https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov-China/home.htm

Servicio Galego de Saúde

https://coronavirus.sergas.es/

 

Glosario

Covid-19: acrónimo da expresión en inglés Coronavirus Disease 2019) é unha enfermidade respiratoria provocada por un coronavirus.

SARS-CoV-2: o coronavirus que provocou a enfermidade Covid-19.

Reservorio natural do virus: o animal ou os animais nos que se reproduce normalmente o virus.

Hospedeiro intermedio: o animal que permite saltar a barreira interespecie animal-humano.

Difusión comunitaria: infección na que xa non se pode determinar a forma na que se infectaron varios pacientes dunha determinada área.

Número básico de reprodución R0: Este valor mide a capacidade de transmisión que presenta un axente infeccioso e refírese ao número medio de casos novos que pode producir un individuo infectado.

Dispnea: a dificultade para respirar á que se lle adoita chamar falta de aire.

Mialxia: dor de orixe muscular.

Taxa de letalidade: a proporción entre o número de mortes por unha doenza e o número total de doentes que sofren a enfermidade, ao longo dun determinado período de tempo.

Superpropagador: alguén que infecta significativamente a máis persoas do que o fai un paciente habitual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *