XuvenCiencia en Rede 2020 naceu, case contrarreloxo, da necesidade de ofrecer unha posibilidade que, se be non substituíse o Campus de Verán XuvenCiencia, coa súa experiencia convivencial, si que servise como unha proposta co mesmo espírito colaborativo e argalleiro que todas as de XuvenCiencia. Unha iniciativa, iso si, adaptada ás circunstancias de desescalada do estado de alarma de finais de xuño e principios de xullo de 2020. Neste contexto tan especial xorde o obradoiro Ti e o tempo, unha actividade pensada para traballar a través da medida do tempo como convención ou código social e para abordar a ciencia e os cálculos que rodean a construción de reloxos solares.
Desafío da virtualidade
O obradoiro, para alumnado de cuarto de ESO, BAC e ciclos medios de FP, foi coordinado por Antonio Gregorio Montes e monitorizado por Carmela Cela Rodríguez e Mariana González Ropero. Wajih Al-Soufi encargouse dos aspectos técnicos e Mercedes Novo Rodríguez foi a responsable de todo o XuvenCiencia en Rede 2020.
XuvenCiencia en Rede 2020 supuxo un desafío para converter a virtualidade en vivencia e, asemade, unha necesidade de coordinación tecnolóxica para levar a bo porto a experiencia. Volvendo a vista atrás, o primeiro día, luns 29 de xuño, o axuste tecnolóxico conlevou certos contratempos cos que xa se contaba de entrada. A contorna dixital deixou de ser unha novidade o martes para pasar a formar parte dun xeito máis de facer as cousas, coas súas vantaxes e eivas.
O tempo é máis có reloxo
A descrición da actividade no web do Campus XuvenCiencia comeza case que cunha declaración de intencións: “O tempo é máis có reloxo”. E avanza algunhas das actividades previstas ao longo da semana:
“Construirás un reloxo de sol, analizaredes o seu funcionamento e que outros datos pode dar á parte da hora. Discutiremos que significa o reloxo para o discorrer diario e que significou a medición do tempo na historia. E identificaranse variables relacionadas co tempo na organización do día e do ano. A máis, segundo as posibilidades a man, procuraranse datos para entender o por que dos diferentes usos do tempo en diferentes momentos. Por último, a comunicación das investigacións do grupo”.
A proposta de actividade, segundo estas premisas, presenta unha relación de pasos que se seguirían segundo un desenvolvemento temporal, aspectos para o traballo individual e en grupos, así como a formulación de preguntas para obter respostas e unha proxección das pesquisas cara ao futuro.
Por exemplo, no solsticio de verán, na cidade de Lugo, temos os seguintes números segundo a hora local (civil):
21 de xuño |
Solsticio de verán |
Orto (mencer) | 6:50 |
Mediodía | 14:31 (é dicir, máis de dúas horas e media por diante do horario solar!!!) |
Ocaso (solpor) | 22:12 |
Duración do día | 15:22 |
Para o desenvolvemento da actividade foi preciso algunha vez improvisar cambios –obrigas do medio on-line–, mais as liñas xerais mantivéronse. Cómpre salientar que desde os primeiros compases se lle dá importancia á socialización das e dos adolescentes participantes. Neste propósito resulta fundamental a implicación das monitoras e a contorna creada por XuvenCiencia en Rede, subxectivamente presencial en moitos aspectos. Así, gañouse fiabilidade no sistema e polo tanto, confianza nel.
Día a día: toda sombra é susceptible de converterse nun reloxo de sol
A toma de contacto o primeiro día, luns, levou a canda si tres bases. Unha primeira, de recoñecemento entre os participantes e do obradoiro, outra, de subministro dunha base teórica mínima para poder comezar a traballar, e outra de indicacións para realizar ese traballo: a construción do primeiro dos reloxos de sol. Foi con diferencia o día máis complicado, pois significaba vencer a inercia tanto persoal como técnica para a posta en marcha.
Día 1: o gnomon; marcamos o Norte
Que é un gnomon? Está é a resposta que atopamos na Wikipedia:
“En orixe, a palabra gnomon, que en grego significa guía ou mestre, facía referencia a un obxecto alongado cuxa sombra se proxectaba sobre unha escala graduada para medir o paso do tempo. O gnomon ou estilo defínese como o obxecto alongado que guinda sombra, independentemente do ángulo que forme co cuadrante”.
Día 2: os cáculos
Onde está o Sol? O xeito máis doado é mirar, pero… é moi perigoso facelo directamente e só serve para a metade do tempo.
Como datamos a posición do Sol? Fan falta tres cifras para situalo no espazo. As tres son relativas. Podemos coller unha distancia e dous ángulos. Unha delas, a distancia, podemos obviala: moita, e con variación relativamente moi lenta. As outras dúas son as que fan funcionar un reloxo de sol.
Día 3: reloxo de sol de parede ou ventá
Cinco preguntas antes de construír un reloxo de sol coas mans:
- Fixo ou ‘de peto’?
- Situación onde colocalo?
- Materiais?
- Tipo?
- Que necesito?
Recurso web: https://www.sundialzone.com/es/sundial.php
Día 4. Dividímonos en dous grupos
Vas facer un reloxo? Pregúntate que gama horaria queres medir. De que vai estar feito. Que complementos terías que ter en conta para ter seguridade no cómputo horario se falla o sol… ou cando non hai sol…
Grupo 1. Reloxo de sol ecuatorial
|
Grupo 2. Reloxo de sol analemáticoCoa aplicación web http://analemmatic.sourceforge.net/cgi-bin/sundial.pl
|
Día 5
Elixiuse o formato de vídeo para a presentación dos resultados do proxecto. Unha das nosas xuvencientíficas do tempo, Kamil Medina, elaborou un póster cos resultados dunha enquisa sobre hábitos horarios realizada durante a execución do obradoiro. Logo de asistir a unha sesión de comunicación científica impartida polo Obradoiro de Medios XuvenCiencia, as monitoras e o alumnado participante escolleron este formato máis divulgativo e accesible para todos os públicos, independentemente de que formación académica posúan. A estrea mundial do informativo Ti e o tempo tivo lugar o 3 de xullo de 2020, ás 10.00 horas, na sala de prensa da Vicerreitoría do Campus de Lugo da USC.
Polo medio, construíronse moitos reloxos de sol, con materiais diversos, de papel a Lego e, segundo o día, localización e posibilidades de cadaquén, probados ou non. Hai que especificar que a realización particular de cada un dos reloxos foi iso, particular de cada participante, debido ao illamento motivado polas circunstancias.
Toda a ilusión posta no obradoiro
O factor humano sempre é fundamental. E, polo tanto, hai necesidade de describilo para colaborar á explicación do éxito ou fracaso da experiencia. Neste proxecto Ti e o tempo on-line xogaron a favor o feito de ser un grupo pequeno e que os e as participantes tiñan a ilusión posta no obradoiro. A veteranía do profesorado axudou á hora de adaptar a actividade á rede e os perfís das monitoras tamén supuxeron unha vantaxe importante. En definitiva, a coordinación non necesitou un esforzo especial de adaptación, máis aló do manexo dos medios técnicos necesarios
A técnica
O soporte hardware foi mixto, pois cadaquén achegou o seu, unha vez centralizada a comunicación nos servidores da USC. En canto ao software, o básico foi o Teams de Microsoft, mais fíxose uso diverso doutras ferramentas, comezando polo Whatsapp, que, por poñer un par de exemplos, serviu de soporte en eventuais caídas de conexión en Teams, ou de mantemento de conexión para enviar algúns ficheiros.
Quizais o principal escollo para tratar con Teams foi o descoñecemento do seu uso con anterioridade pola case totalidade de participantes, afeitos a outros contornos abertos con ferramentas de uso puntual que, solapadas, permiten facer o mesmo ou aínda máis pero de xeito tamén máis complexo.
En canto á rede, exceptuando fallos nos domicilios ou uso do software de xeito experimental o primeiro día, a conexión e en xeral os aspectos técnicos mantivéronse estables e operativos de xeito razoable.
A aprendizaxe
Foi todo unha experiencia coller unha actividade coma este obradoiro ‘Ti e o tempo’, que basea o seu resultado nunha presenza que dá lugar a unha interacción humana e co medio, para tentar replicala cun formato a distancia, por medios dixitais. A adaptación deu lugar a unha nova cousa, despois da aprendizaxe non só nos medios usados, senón tamén do comportamento, necesidades e posibilidades do novo. Unha cousa da que, a falta de mellores xeitos de medición, estamos entre satisfeitos e moi satisfeitos.
Iso si, todo tería sido diferente con outra xente xuvencientífica e con outras monitoras.
Máis recursos:
Apuntamentos sobre a actividade
(Foto da portada: Antón P. C.)