Ciencia á Feira é un proxecto interxeracional e comunitario de divulgación informal da ciencia que desenvolve o grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC. Esta iniciativa chega, por unha banda, a poboación escolar e, pola outra, a público en xeral. Faino a través de dúas institucións fortemente enraizadas no mundo rural galego como son as escolas e as feiras e mercados.
Ciencia á Feira foi escollida e financiada unha vez máis pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, na súa convocatoria para o fomento da cultura científica. Esta proposta conta tamén coa colaboración económica e loxística da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
No segundo trimestre do curso 2024/2025, unha das temáticas sobre as que se traballou foi o monte veciñal en man común, unha forma de propiedade e de xestión da terra, de tipo comunitario, que casa de marabilla co espírito de XuvenCiencia e de Ciencia á Feira.
O 22% de todo o territorio galego
O monte veciñal en man común é unha forma de propiedade da que descoñecemos mesmo o antiga que é. No Estado español é exclusiva de Galicia e dos territorios limítrofes e, fronte ao dereito romano que rexe a propiedade privada, é un residuo do dereito xermánico. Os montes veciñais son un tipo de propiedade que é privada, pero colectiva ou comunitaria e representan o 22% por cento de todo o territorio galego e un 33% de toda a súa superficie forestal, de aí a súa importancia.

O equipo Monte, integrado polas investigadoras e profesoras da facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC Ana Cabana Iglesia, Elena Freire Paz, Tamara López Fernández e Noelia Valiño Vázquez, foi o encargado de desenvolver os materiais e os trípticos para unha actividade que leva por título O monte e noso.
As responsables realizaron obradoiros con alumnado de primaria dos municipios da Fonsagrada, Castroverde, Lugo (da parroquia de Nadela) e Castro de Rei. Nos coles celebraron asembleas de comuneiras/as, de xeito que o alumnado puidese entender como é o proceso democrático e participativo para elixir as directivas das comunidades de montes.

Multifuncionais
Os usos multifuncionais do monte veciñal en man común actuais e pasados, que van moito máis aló da obtención de madeira para a súa venda a aserradoiros ou pasta de papel, foi outro dos contidos sobre os que se traballou no obradoiro O monte é noso.
Porque o monte foi e aínda é un lugar onde se obteñen cultivos cerealísticos, coma o centeo, e froitos para a alimentación humana e animal, como as castañas e as landras. Tamén serven para a produción de cogomelos e de apicultura e constitúen un espazo de pasto para as cabanas gandeiras.
Asemade, as e os estudantes puideron coñecer as especies vexetais máis habituais dos montes galegos: árbores frondosas, como carballos, castiñeiros, ameneiros ou biduieras; especies de reforestación destinadas á industria, como piñeiros e eucaliptos, e tamén matorrais como toxos e xestas.
É vostede comuneira?
Polo que atinxe ao posto de O monte é noso das feiras, a pregunta primeira que recibiu quen se achegou ata o espazo de Ciencia á Feira nos mercados foi: “É vostede comuneira?”. Porque comuneiras e comunerios poden ser todas e todos os habitantes dunha parroquia que ten monte veciñal en man común que teñen nel unha casa aberta a maior parte do ano.
