As especies invasoras son plantas, animais ou microorganismos que foron introducidos nunha rexión na que non son nativas. Nestes novos ambientes medran e reprodúcense con moito éxito, competindo coas especies nativas e amaeazando o equilibrio ecolóxico, a biodiversidade e até as actividades humanas. Na Galiza hai moitas especies invasoras, como o visón americano, o cangrexo de río, a palma arxentina, as mimosas… e a vespa velutina, tamén chamada avespa asiática.

Taxonomía dunha avespa invasora
Durante o segundo trimestre do curso 2024/2025, Ciencia á Feira realizou unha actividade sobre as velutinas que chegou aos institutos de Foz, Melide, Palas de Rei e Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei) e tamén ás feiras e mercados destas localidades. Aprender a identificalas foi un dos puntos que se abordaron tanto co público adolescente como co xeral.


Bioloxía e economía
A economista Ana Isabel Arias e o biólogo Xulio Maside, ambos os dous profesores e investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC, foron os encargados de deseñar e impartir estes obradoiros.

Ciencia á Feira 2024/2025 é un proxecto recorrente da convocatoria de fomento da cultura científica da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O grupo de innovación docente XuvenCiencia, do Campus de Lugo da USC, argallou este proxecto, que conta tamén co apoio económico da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.