De viaxe polos reinos das plantas e dos fungos

'Micorrizas e (micro)enxertos, ferramentas da produción vexetal' é o título do obradoiro que o proxecto Ciencia á Feira, financiado pola FECYT, desenvolveu no terceiro trimestre do curso 2023/2024 en Friol, Burela, Navia de Suarna, Muras, Mondoñedo e A Pobra do Brollón

Por: MVI/XuvenCiencia

O enxerto constitúe desde sempre unha forma tradicional de multiplicar variedades seleccionadas de moitas árbores, como as cerdeiras ou os castiñeiros, tomando porcións delas para usalas como “pugas”, que se unirán a un “padrón” ou “portaenxertos”, que é o que lle proporcionará as raíces. Pola súa banda, as micorrizas son raíces modificadas formadas pola unión de raíces finas das plantas verdes e fungos altamente especializados que viven nelas. Ciencia á Feira, o proxecto de XuvenCiencia que conta con financiamento da FECYT para o curso 2023/2024, vén de rematar as súas actividades cun obradoiro dedicado ás Micorrizas e (micro)enxertos como ferramentas de produción vexetal.

Os profesores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC Santiago Lamosa Quinteiro e Juan Luis Fernández Lorenzo, ambos os dous da área de Produción Vexetal, foron os encargados de levar estes obradoiros por seis municipios da provincia de Lugo nos meses de abril, maio e xuño.

 

Percorreron xunto a Helga Peral, de XuvenLab, centros escolares de infantil, primaria e secundaria de Friol, Burela, Navia de Suarna, Mondoñedo, Muras e a Pobra do Brollón e tamén achegáronse a público xeral, de todas as idades, en locais e espazos habilitados polos concellos.

Biotecnoloxía para producir e para curar as árbores

O propósito dun proxecto como Ciencia á Feira reside en crear espazos interxeracionais para a ciencia popular, que chegue a persoas de todas as idades, niveis formativos e intereses. Os microenxertos, por exemplo, constitúen un avance biotecnolóxico que permite, mediante o cultivo en tubos de ensaio, obter unha gran cantidade de plantas.

Asemade, podémolo facer en calquera época do ano, xa que non dependemos das xeadas, as secas e os ciclos estacionais. Ademais, axúdanos a controlar doenzas nas árbores se usamos padróns resistentes a certo tipo de enfermidades, como xa se fai para previr a ‘tinta’ do castiñeiro. Do mesmo xeito poderíamos sandar árbores infectadas con virus.

Solos rehabilitados e polivalentes

Polo que atinxe ás micorrizas, explica Santiago Lamosa que a micorrización se produce de xeito natural, pero que grazas á investigación hoxe somos quen de controlar o proceso. As microrrizas non só levan máis axiña e eficazmente o alimento ás raíces das plantas, senón que tamén podemos rehabilitar solos degradados e producir cogomelos comestibles ao tempo que árbores froiteiras ou madeireiras, nun uso polivalente do terreo.

Ademais de levar os obradoiros de microenxertos e micorrizas polos centros de ensino e espazos públicos dos municipios de Friol, Muras, Navia de Suarna, Mondoñedo, Burela e a Pobra do Brollón, a proposta de Ciencia á Feira contempla a edición duns folletos informativos que son repartidos os días de feira ou mercado, nun posto de XuvenCiencia, e que tamén poden ser descargados na seguinte ligazón. A impresión dos folletos realízase grazas á colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo. Así mesmo, Ciencia á Feira, unha proposta financiada pola FECYT do Ministerio de Ciencia e Innovación, conta co apoio da Xunta, os concellos nos que se desenvolve, o Campus Terra da USC e a ONCE, que edita os materiais en braille.

Deixámosvos cunha galería de imaxes do que foi este trimestre de micorrizas e microenxertos con Ciencia á Feira.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *