Robótica, peixes cebra e teatro na G-Night luguesa

XuvenCiencia conta co apoio de AgroMar para argallar un programa de demos, obradoiros e presentacións pola Noite Europea das Persoas Investigadoras o 24 de setembro de 18.00 a 22.00 horas no Vello Cárcere

Por: Marta Veiga Izaguirre

O vindeiro 24 de setembro, baixo o lema «Conciencias creativas», terá lugar en toda Galicia a G-Night, a Noite europea das persoas investigadoras. O Vello Cárcere é o emprazamento elixido para a Noite galega das persoas investigadoras na cidade de Lugo, en horario de 18.00 a 22.00 horas.

En Lugo, a organización da Noite galega das persoas investigadoras correspóndelle ao Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia, do Campus de Lugo da Universidade de Santiago,  e á Asociación de Investigador@s do Campus Terra AgroMar.

As actividades

Obradoiros e presentacións de 45 minutos e demos de 15 minutos conforman a programación da G-Night no Vello Cárcere de Lugo. Adaptaranse os espazos do edificio: o patio panóptico interior e as celas, para levar obradoiros nos que aprender a técnica da PCR ou a cuantificar a cantidade de proteínas do leite a través dun método fotométrico, ademais de realizar frotis sanguíneo ou coñecer o funcionamento da fibra óptica. Tamén haberá obradoiros no eido das ciencias sociais que se achegarán ao ciberbullying e aos estereotipos de xénero. Para os máis pequenos ofértase, asemade, un obradoiro de aprendizaxe cooperativa.

As demos serán tan variadas que irán da clonación de árbores in vitro ata a realidade aumentada e a impresión 3D, a fotosíntese artificial ou unha modalidade de hardware libre para rexistrar parámetros ambientais como a humidade ou a temperatura. As punteiras investigacións que desenvolve o Campus de Lugo da USC con peixe cebra para a súa aplicación en doenzas humanas ou a determinación do grosor dun cabelo mediante difracción son outras das propostas. Dúas persoas investigadoras da Universidade de Porto, chegadas especialmente para esta G-Night luguesa, convidarán os participantes a construír un móbil da idade de pedra e a facer experimentos de física. Finamente, o patio central do Vello Cárcere abrirase para unha presentación de robótica aplicada ao servizo da sociedade.

Para todos os públicos

A Noite galega das persoas investigadoras está concibida para persoas de todas as idades e condicións. Procúrase o público escolar e preuniversitario, mais tamén o familiar e adulto. Haberá propostas para crianzas desde primeiro curso de primaria, sen límite de idade. O que si que será preciso, debido á restrición dos aforos e á actual situación sanitaria, é a preinscrición para participar nas actividades da G-Night.

 

Aberto a todos os públicos ata completar aforos

RESERVA A TÚA PRAZA PARA A ACTIVIDADE E O HORARIO DESEXADOS NO TELÉFONO 982297195

Horarios de reserva:

De luns a mércores: de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
Xoves e venres: de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 22.30 horas.

Máis información sobre as actividades da G-Night en Lugo:
www.xuvenciencia.org/portal/gnight/

 

Descrición das actividades

Robótica (Presentación de robots, 45 min)

Experimentamos día a día unha auxe da robótica de servizos; isto é, robots capaces de traballar en ambientes cotiáns. Agora ben, estes novos robots deben ser capaces de facer o seu labor en contornas domésticas e lugares humanizados. Nesta demostración coñeceremos diferentes robots e poderemos interactuar con eles e ver parte dos esforzos que as persoas científicas están a facer para que sexan verdadeiramente de utilidade para a nosa sociedade.

SARndbox: un areeiro de realidade aumentada (demo, 20 min)

Mediante o emprego da realidade aumentada podemos comprender mellor as técnicas para a elaboración de mapas e a influencia que ten a topografía no movemento das augas superficiais. Trátase dunha ferramenta excepcional para o estudo da evolución do relevo e para a divulgación.

Camiñando da idea á realidade a través da impresión 3D (demo, 20 min)

Se tes unha idea sobre un obxecto que quixeras ter nas túas mans, podes convertela en realidade a través da impresión 3D. Só tes que bosquexala, deseñala, modelala e convertela nun obxecto real. Como? A través do emprego da imaxinación na concepción da idea, de programas informáticos que nos permitan o seu desenvolvemento concreto, e dunha impresora 3D que poña o punto final ao proceso coa obtención dese obxecto desexado.

Fotosíntese artificial (demo, 20 min)

A fotosíntese é o proceso polo cal as plantas verdes obteñen a súa fonte de enerxía mediante unha cadea de reaccións que comeza co uso dos fotóns de luz solares para a fotólise da auga. Esta é unha demostración do funcionamento dunha pila de combustible para producir hidróxeno a partir da auga e da luz solar. O hidróxeno posteriormente xera electricidade dunha maneira limpa e eficaz.

Árbores por un tubo (demo, 20 min)

Como clonar unha árbore a partir dun fragmento minúsculo? Semella maxia, pero é ciencia. O cultivo in vitro permite obter copias de árbores xeneticamente idénticas en grandes cantidades nun tempo moi curto e nun espazo reducido. Xunto a unha pequena exposición de especies arbóreas cultivadas in vitro, faremos unha demostración práctica de como se multiplica e como se microenxerta unha árbore in vitro. Os/as participantes terán a oportunidade de probar a facer un microenxerto, como se fosen verdadeiros/as expertos/as.

Hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental (demo, 20 min)

Como usar unha microcontroladora de baixo coste (Arduino) para medir e rexistrar parámetros ambientais (temperatura, humidade relativa, luminosidade, concentración de CO2,..) e actuar no mundo exterior acendendo luces, regando as plantas, conectando un ventilador…? Esta proposta está baseada no kit de experimentación AquaLab de XuvenCiencia e ten como obxecto achegar coñecemento sobre a xestión sustentable dos recursos hídricos e da nosa contorna.

O peixe cebra como modelo animal (demo, 20 min)

O cebra é un peixe de auga doce nativo da rexión do Himalaia e está emparentado coas carpas e os barbos. Os proxectos de investigación con peixe cebra son algúns dos que levan máis recoñecemento dos que desenvolve o Campus de Lugo da USC. Nesta actividade incidirase en como as pescudas neste animal acuático poden trasladarse ao tratamento de moi diversas doenzas e condicións xenéticas que afectan ás persoas.

A luz – regra do nanouniverso (demo, 20 min)

A difracción da luz non só produce interesantes efectos visuais ao proxectar puntos nunha pantalla, senón que tamén é un método moi eficaz para estudar e medir obxectos minúsculos. A tecnoloxía depende cada vez máis das micropartículas e das nanopartículas, que son tan pequenas que non poden verse cun microscopio convencional. Comprender a difracción e a interferencia das ondas de luz e aplicalas con intelixencia non só nos permite penetrarmos no mundo do microscópico, senón tamén manipular obxectos a esa escala

Fai un iPhone do tempo da pedra – Universidade do Porto (demo, 20 min)

O xisto foi durante muito tempo utilizado como material de escrita nas nossas escolas. O avanço da tecnologia veio revolucionar a forma como comunicamos uns com os outros e a forma como aprendemos. Neste workshop sobre Geologia, convidamos-te a obter e trabalhar um pedaço de xisto no qual podes escrever as tuas mensagens e comunicar com os teus amigos.. Apoio: Empresa das Lousas de Valongo, S.A.

O que agochan as células (obradoiro, 45 min)

Como se preparan e estudan os frotis sanguíneos? Neste obradoiro poderás facer extensións e tinguiduras de sangues animais para coñecer as proporcións normais de células no sangue. Tamén poderás aprender os procedementos para detectar os cambios patolóxicos que axudan a desvelar as enfermidades que afectan aos animais.

Trazabilidade animal mediante PCR – kit DNAMEAT (obradoiro, 45 min)

O taller consta de dúas partes: 1) Extracción de ADN e 2) PCR. A primeira parte consiste na extracción de ADN de carne de vaca e de porco (fanse dous grupos de rapaces, un por cada tipo de carne), mediante o emprego do método de ‘Extracción de ADN con Chélex’. Unha vez extraído o ADN, realízase unha PCR da mostra, mediante o emprego de primers específicos para cada especie. Finalmente, mediante a axuda dun transiluminador construído polo Grupo XuvenCiencia, visualizase que mostras son PCR positivo e cales son PCR negativo.

Determinación de proteínas co kit Fotometrix (obradoiro, 45 min)

Cuantificaranse proteínas en diferentes mostras mediante un método colorimétrico e analizaranse a través dunha técnica de laboratorio chamada electroforese en xel de poliacrilamida. Empregarase o kit Fotometrix desenvolvido por XuvenCiencia: un fotómetro de peto de gran precisión que transmite datos a traves dun teléfono móbil.

Dío con luz: comunicación con fibra óptica (obradoiro, 45 min)

O obradoiro comeza recordando os tipos de comunicación que existen coa participación activa da rapazada. Despois faise un pequeno resumo sobre as características da luz que a fan ideal para empregala como método de comunicación. Unha vez afianzados estes conceptos e despois de explicarlles en que consiste a fibra óptica, prepárase unha competición entre dous grupos de alumnos, que procurarán ser os máis rápidos en transmitir unha mensaxe utilizando unha fibra óptica e un código inventado por eles.

Experimentos de Física – Universidade do Porto (obradoiro, 45 min)

Missão: Cargas Elétricas. As cargas elétricas representam uma parte importante no nosso quotidiano. Sem elas não haveria luz nas casas e ruas, meios de transporte, equipamento médico, telefones e televisão, entre outras comodidades a que estamos habituados. Nesta sessão de divulgação vamos ver como produzir cargas elétricas e seus fenómenos estáticos e cinemáticos; analisaremos o que é um circuito elétrico e como o nosso corpo é uma fonte de cargas elétricas; exploraremos ainda uma trovoada controlada e seus efeitos no meio circundante. Será uma aventura fascinante ao Mundo Invisível das Cargas Elétricas!

Xogando a aprender!  (obradoiro, 45 min)

Presentarémoslles aos asistentes unha serie de retos que deberán resolver de maneira colaborativa. Trátase de experimentar con algúns recursos e dinámicas que empregamos na Facultade de Formación do Profesorado nos ámbitos da didáctica das ciencias, da expresión corporal e da matemática. Ven descubrir o que es quen de facer!

Loitamos contra o ciberbullying mediante as redes sociais (obradoiro, 45 min)

A actividade busca que a rapazada elabore unha pílula audiovisual que trate sobre o ciberbullying, pensada para ser difundida en redes sociais (Instagram, Twitter, TicToc, YouTube, etc.) Na primeira parte do obradoiro (5 min. aproximadamente) presentaranse diversas ferramentas técnicas indispensables. Na segunda parte (10 min. aproximadamente) achegaranse algúns conceptos básicos de guionización. Finalmente, o alumnado dispoñerá duns 30 minutos para o deseño da pílula e a selección da rede social axeitada para dala a coñecer.

Sen teatro non hai drama (obradoiro, 45 min)

Sentes curiosidade polo teatro? Pensaches algunha vez que, aínda que nos queiramos rebelar contra eles, os estereotipos están por todas partes? Se a resposta á primeira pregunta é si e che interesa a resposta á segunda pregunta, este é o teu lugar. Un espazo para experimentar breve mais intensamente como os estereotipos se coan na nosa vida sen que nos decatemos con algunhas das ferramentas que nos dá o drama: o conflito, o movemento e a reflexión. O obradoiro consistirá en dúas actividades de dramatización para repensar criticamente como inflúen en nós as ideas preconcibidas sobre o xénero, a etnia ou a clase social, tanto na vida como na literatura.

En toda Europa

A Noite galega das persoas investigadoras, ademais de nas cidades galegas, desenvolverase de xeito simultáneo en máis de 360 localidades de toda Europa. O obxectivo do evento é dar a coñecer o valor do traballo desenvolvido polos científicos e científicas, así como a importancia desta actividade na sociedade.

Financiado con preto de 154.000 euros procedentes do programa marco H2020, a través das Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA), a Universidade de Vigo coordina un consorcio integrado polas universidade de Santiago e da Coruña, o Cesga, a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC), Gradiant, Itmati, Inibic e Sebbm.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *