Febreiro é un mes especial para as xuvencientíficas porque celebramos o Día da Muller e da Nena na Ciencia, establecido pola asemblea de Nacións Unidas. Poñémoslle así especial atención ao acceso das mozas ás profesións tecnolóxicas, tantas veces condicionado cunha falta de autoestima que nada ten que ver coa valía das mulleres e si cun mundo arredor que perpetúa, aínda que sexa de xeito inconsciente, estereotipos sobre para que estamos máis ou menos capacitados uns e outras. Para esta xornada tan especial contamos desta volta cunha colaboración inmellorable da man do CEIP Paradai de Lugo, un colexio público de Infantil e Primaria que sinala entre as súas fortalezas un alumnado procedente de máis de 20 nacionalidades diferentes.
Entre uns e outras fomos argallando ata 17 obradoiros, adaptados aos distintos niveis educativos. Contamos co entusiasmo e profesionalidade de investigadoras, doutorandas, estudantes de últimos cursos de grao na USC nas titulacións de Bioloxía, Veterinaria, Enfermaría, Nutrición, Enxeñaría Politécnica, Robótica ou Formación do Profesorado. Non podemos senón darlles grazas ao Programa de Voluntariado e Participación Social e á asociación de investigadores AgroMar, ambos os dous do campus de Lugo da USC. Participaron, así mesmo, por parte da Universidade de Santiago a Cátedra do Pan da USC e o grupo de investigación de Análise Sensorial, Valoración Nutricional e Desenvolvemento de Novos Alimentos (ASVNDNA) e os nosos colegas de BioRedes.
Cando a compañía é inmellorable e hai gana de facer cousas non sabedes canto cunde unha mañá na escola!!!
A Educación Infantil, para os peques de tres a seis anos, é a porta de entrada a todos os saberes. Para eles preparamos os seguintes obradoiros:
- Clasificación de alimentos: en formato interactivo, colocar diferentes alimentos (fichas con debuxos ou similares) en varias caixas segundo proporcionen proteína, hidratos de carbono, graxa, etc.
- Cadeas tróficas: xogo tipo “pilla-pilla” formando varios grupos dentro dunha cadea trófica. Inicialmente realizáronse grupos do mesmo número para cada elo da cadea e fíxose o xogo, para que despois os nenos propuxesen como deberían distribuírse de mellor forma para que a cadea funcione, e repetir o xogo desta forma.
- Carreira de cores: unha “carreira de cores” na que se colocan varios puntos de diferentes cores (rotuladores, bolis, etc) nun papel de filtro e ao poñer un extremo do papel en alcol vese como cada cor vai “correndo” ao longo del.
- Filtros de cores: pequenas actividades relacionadas coas cores, por exemplo, con filtros e lanternas de diferentes cores para ver como estes se suman e dan outras cores, etc.
- Taller de robótica: as nenas e os nenos pintaron un circuíto con cores que logo percorreu un robot sigueliñas.
Obradoiro de robots segueliñas coas pequechiñas e os pequechiños de infantil no Día da Muller e a Nena na Ciencia no Ceip Paradai. #mullereciencia #WomenInScience #stem pic.twitter.com/swtaJgCMBW
— XuvenCiencia (@XuvenCiencia) February 12, 2020
A cousa foise complicando co alumnado de Primaria. Para as e os nenos de 1º e 2º cursos realizamos os seguintes talleres:
- Xogos numéricos: diferentes actividades con números para xogar e calcular.
- A maxia das cores: explicáselles as diferencias entre substancias ácidas e básicas e a escala do PH a partir do extracto de col lombarda.
- Solos e auga: varias pequenas actividades e demostracións relacionadas co ciclo da auga, a composición dos solos, a súa capacidade de reter ou non auga, a importancia da vexetación, a compostaxe, os bosques autóctonos… Idealmente realizaríanse maquetas ou construiríanse “solos artificiais” para poder ver directamente o efecto da choiva, a retención da auga, etc.
- Memory dos hábitats e habitantes: para que as nenas e os nenos coñezan onde viven distintos animais e as ameazas ás que se enfronta cada ecosistema. Poderíase construír un taboleiro cos distintos hábitats e fichas cos animais e diferentes ameazas para relacionalos.
A verdade é que nada tería sido posible sen a disposición de todo o profesorado do CEIP Paradai, comprometido en ilusionar as e os seus alumnos con abrirse ao mundo e a coñecementos novos. Grazas a eles tamén puidemos desenvolver os obradoiros para 4º e 5º de Primaria:
- As plantas: aproximación ao ciclo vital vexetal: distintas sementes de árbores autóctonas, debuxo científico, relacionar árbores en maceta cos seus respectivos cultivos in vitro, etc.
- Imos traballar cos sentidos: identificar e distinguir varios olores de alimentos, especias (de diferentes partes do mundo), etc.
- Primeiros auxilios: colocación de vendas, curas, RCP, e outros aspectos prácticos da medicina e enfermaría.
- Taller de robótica: escornabots!!!!
O alumnado de 5º e 6º ten case un pé no instituto. Quen máis, quen menos, a esas idades empeza a cavilar que quere ser cando sexa maior; que lle gustaría estudar. Para estes rapaces e rapazas de once e doce anos propuxemos a seguintes actividades:
- Extracción de ADN: obtención de ADN do chícharo e da saliva. O ADN do chícharo extráese fácilmente con deterxente, alcol e zume de ananás.
- Células e tecidos: observar mediante microscopios diferentes células e tecidos animais e vexetais, como por exemplo as células da cebola, realizar un frotis sanguíneo, visualizar os espermatozoides de seme de touro, etc.
- Fibra óptica: despois dunha introdución ás distintas formas de comunicarse ao longo do tempo, faise unha demostración de como funciona unha fibra óptica e despois faise un xogo no que as nenas e nenos teñen que inventar un código usando leds das tres cores primarias para transmitir palabras a través dunha fibra óptica.
- A ciencia como profesión: taller sobre a visión que teñen os e as escolares acerca das persoas que se dedican á ciencia con especial énfase no papel das mulleres.
Que como o pasamos? POIS XENIAL!!!
Viñeron os medios de comunicación e ata saímos na tele!!!
⏹️ CIENCIA EN IGUALDADE ⏹️ #DiaInternacionaldelaMujerylaNiñaenlaCiencia | O grupo de innovación docente @XuvenCiencia do campus de Lugo organiza obradoiros científicos | Hoxe, no colexio Paradai de Lugo | @OrestesO | https://t.co/ao9EEq1HmY pic.twitter.com/rPxdB9xPrm
— RTVEGalicia (@RTVEGalicia) February 12, 2020
Podedes ver aquí tamén que ben se nos dá!!!
E nos informativos da Televisión de Galicia.
Mercedes Novo, a coordinadora de XuvenCiencia, considera que dispór de referentes, neste caso investigadoras e científicas novas, que desenvolven un traballo atractivo e útil para a sociedade, mesmo de prestixio, adoita ser o primeiro paso para que prenda nas nenas unha vocación con forza abonda como para rachar coas barreiras de xénero impostas e liberarse do “chan pegañento” que a cotío lastra a carreira de moitas mulleres novas.
Desde XuvenCiencia amosámonos tremendamente agradecidas coa oportunidade que nos brindou o CEIP Paradai de Lugo de levar adiante un convenio para trasladarlles a súa actividade tanto ao alumnado coma ao profesorado de Primaria e Infantil, que é un propósito longamente perseguido polo grupo XuvenCiencia. Levamos unha xeira importante de actividades enfocadas ás vocacións adolescentes e servindo de canle de comunicación entre a educación universitaria e o ensino medio. Agora dámos un pasiño máis e incorporamos a Infantil e a Primaria, que constitúen a base de canto logro se acade máis adiante.