Superbacterias: unha loita imprescindible

A segunda edición de Ciencia á Feira abriu a súa programación durante o primeiro trimestre do curso 2024/2025 cunha actividade destinada a concienciar tanto á poboación xeral como á escolar sobre o problema de saúde pública que supón a resistencia aos antibióticos

Por: MVI/XuvenCiencia

Ciencia á Feira celebrou neste curso 2024/2025 a súa segunda edición. Para o grupo de innovación docente XuvenCiencia, do Campus de Lugo da USC, foi posible levar adiante este programa de ciencia cidadá que pretende crear unha rede interxeracional de educación non formal en Galicia grazas á ser seleccionado e financiado este proxecto recorrente pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Tamén colabora economicamente a área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo. A resistencia aos antibióticos como problema de saúde global foi a primeira das temáticas que se abordaron neste Ciencia á Feira 2024/2025.

A abordaxe de Ciencia á Feira consiste enacudir tanto aos centros escolares como ás feiras e mercados municipais. O equipo Superbacterias estivo liderado por Azucena Mora e Vanesa García, profesoras e investigadoras da facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, e polo médico do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) Juan Corredoira.

Enfoque One Health

O equipo Superbacterias encargouse de elaborar materiais didácticos e un tríptico, ademais de desenvolver os obradoiros. O Campus de Lugo da USC é pioneiro en traballar desde hai décadas desde o enfoque One Health, Saúde Única, que parte da premisa de que é imposible tratar a sáude das persoas, sen nos preocupar da saúde dos animais e dos ecosistemas.

Un uso excesivo, frecuente e indebido dos antibióticos tanto para humanos como para animais de granxa ten desencadeado unha resistencia ás superbacterias que supuxo máis de cinco millóns de mortes en todo o mundo en 2019.

Uso e abuso

A resistencia é un fenómeno evolutivo natural de defensa fronte a diverdas substancias tóxicas. O problema xorde cando, debido ao uso ou abuso dos antibióticos, se exerce unha presión selectiva que multiplica e acelera a existencia de poboacións resistentes.

O equipo Superbacterias acudiu ao CEIP Eduardo Vila de Triacastela, ao IES Trapero Pardo de Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei) e ao IES de Melide, e desenvolveu obradoiros para alumnado tanto de primaria, como de secundaria e de ciclo superior de Formación Profesional. Ao mesmo tempo tamén puxeron o seu posto nas feiras e mercados destas localidades, cunha importante porcentaxe de poboación gandeira, onde difundiron a información entre o público xeral que se foi achegando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *