Unha casa bimilenaria

A web da Domus do Mitreo achega recursos multimedia e didácticos moi acaídos para a teledocencia nestas semanas de aulas pechadas, pandemia e confinamento

Por: A Domus do Mitreo e XuvenCiencia

Propoñémosvos desde o blog XuvenCiencia para estas xornadas de #QuedanaCasa (xa un chisco menos, que saímos de paseo unha horiña ao día), desescalada e a desexada nova normalidade un percorrido polos séculos para facer sen saírdes do cuarto. A xente amiga do Museo Universitario da Domus do Mitreo, un xacemento singularísimo que no seu enderezo físico podedes atopar no centro histórico de Lugo, incrustado na muralla á altura da porta de Santiago, fronte á catedral de Santa María e a carón da Vicerreitoría da USC, pon a súa páxima web á disposición da comunidade educativa.

Domus é a palabra que se emprega en latín para designar unha casa –de aí o adxectivo doméstico– e o de Mitreo vén porque estamos a falar dunha vivenda de luxo de época romana, anterior á construción da muralla de Lugo no século III, que desvelou nunha escavación arqueolóxica un tesouro: un templo dedicado ao deus Mitra.

 

Entalla de anel atopada na Domus do Mitreo. Celso Rodríguez Cao. Adomusdomitreo.com

 

Agochado durante os séculos

Este lugar de culto tan singular quedara agochado durante séculos polos alicerces da muralla e sepultado polo entullo e a cachotería resultante das obras da catedral, cuberto por unha necrópole –isto é, un cemiterio–, para finalmente quedar oculto polo pazo dos Montenegro, construído no emprazamento. Foi a finais do milenio pasado cando a Universidade de Santiago, ao elixir o pazo dos Montenegro como emprazamento para a súa Vicerreitoría, lles redescubriu ás e aos lugueses esta alfaia da súa cidade.

Que quen era Mitra e por que resulta tan rechamante que teñamos un lugar de culto dedicado a este deus en Lugo e en Galicia?

Este vídeo, que podedes atopar nos recursos multimedia da web do museo, explícavolo:

O Mitreo de Lucus Augusti é o máis occidental do que se ten noticia en todo o Imperio Romano, que na súa época de maior esplendor chegaba desde o Mar Caspio, polo leste, ata Fisterra, polo oeste. Podedes velo neste mapa tirado dunha das actividades para alumnado de ESO que propón o museo.

Porque, ademais dunha breve descrición dos principais elementos do xacemento e das súas pezas máis salientables, o portal web do Museo Universitario da Domus do Mitreo contén algúns apartados que son especialmente valiosos e útiles nestes días, xa que poden empregarse para a teledocencia á que obriga o estado de alarma. Velaí vídeos como o anterior, que se achegan á construción da muralla romana e o seu contexto histórico e que percorren as características da domus (agora xa sabemos que é unha casa) e das persoas que vivían nela en época imperial.

Material para Primaria, ESO e familias

A todo isto engádeselle material didáctico, con fichas temáticas organizadas por distintos niveis educativos, indicadas para alumnado de Primaria e ESO que poderán, por exemplo, achegarse á cidade romana de Lucus Augusti como se estivésemos no mesmísimo século I (ou mellor, porque agora hai internet) ou infiltrarse na lexión romana na Gallaecia, que así lle chamaban os romanos a Galicia. Os contidos incrementaranse semana a semana e inclúen propostas prácticas para o alumnado.

 

 

E, por último, a actividade do Museo da Domus do Mitreo favoritísima para o equipo de XuvenCiencia que é, sen dúbida, o Arqueochef, unha iniciativa dedicada ás familias que cada semana proporá novas receitas da cociña de época romana para facer e adaptar na casa. Os foodies, instagramers, influencers e demais terán a oportunidade de partillar as fotos das súas creacións gastrorromanas a través de mitreo.lugo@galipat.es. Xa nos relambemos!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *