Unha tonelada de CO2 equivale a…

Que son os mercados de carbono e que se pode vender nesas "feiras" é a pregunta que nos fixemos no terceiro trimestre do curso 2024/2025 do proxecto Ciencia á Feira

Por: MVI/XuvenCiencia

Unha tonelada de CO2 equivale a dous voos de ida e volta de Santiago de Compostela a Barcelona, a 7.000 kilómetros nun vehículo convencional e 4.000 cun coche SUV 4×4. Unha tonelada de CO2 veñen sendo tres meses de calefacción dun apartamento durante o inverno e tamén a algo máis de 83.000 clics no buscador máis coñecido da internet.

Así mesmo, unha tonelada de carbono tamén a teñen capturada un carballo, un piñeiro ou un eucalipto duns 30 centímetros de diámetro. As masas arbóreas secuestran CO2 e por iso contrarrestan a emisión de gases de efecto invernadoiro ocasionada pola acción da humanidade en todo o planeta, sobre todo, nos lugares máis desenvolvidos.

O poder menos coñecido dos bosques

Os bosques teñen un poder case que descoñecido: a súa función como captadores de carbono. Isto supón un activo importantísimo na loita contra o efecto invernadoiro e o cambio climático, e representa unha grande oportunidade para o sector forestal. Os mercados de carbono póñenlle un prezo ao carbono que reteñen as árbores debido a reforestación, cambios de modelos silvícolas e de destino da madeira.

Un equipo da EPSE do Campus de Lugo da USC

Ciencia á Feira abordou esta temática novidosa na súa edición 2024/2025 da man do equipo Carbono, responsable de deseñar a actividade Mercados de Carbono. César Pérez Cruzado, Adela Martínez, Joel Rodríguez e Yago Lestido, profesores e investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC, foron os encargados de deseñar a actividade e os seus materiais, que explicaron despois nas súas visitas aos municipios de Castroverde, A Fonsagrada e Melide.

Ciencia á Feira é un proxecto do grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC que logrou para a súa edición 2024/2025 o financiamento na convocatoria de fomento da cultura científica da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Asemade, Ciencia á Feira conta coa colaboración económica e loxística da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *