Ao longo da historia, a humanidade viuse obrigada a facerlles fronte a multitude de epidemias causadas por bacterias e virus. Algunhas delas téñense estendido desde o lugar concreto no que xurdiron cara ao resto do planeta, provocando pandemias de enorme impacto sanitario, social e económico. Unha pandemia prodúcese cando unha epidemia se esparexe por todo o mundo.
Malia todo isto, a capacidade humana para estudar e comprender a estrutura e o e o comportamento dos patóxenos tennos permitido sempre atopar as solucións necesarias para enfrontarnos a elas e saír cara adiante.
Xa que non queda outra que seguir a recomendación de #QuedanaCasa e nunha nova entrega de entradas no blog de XuvenCiencia para explicar a situación que estamos a vivir estas semanas desde un punto de vista divulgativo, percorremos agora algúns acontecementos e datos que resultan esenciais para comprender as pandemias.
A pandemia de gripe de 1918
Mortalidade por semana en París, Berlín, Londres e Nova York. O pico é atribuíble á gripe. O texto di: «Pandemia de gripe, mortalidade en Estados Unidos e Europa durante 1918 e 1919. Mortes de causas variadas, por semana, expresadas como unha taxa anual por mil». Fonte: Wikipedia
Durante os derradeiros meses da Primeira Guerra Mundial, unha virulenta –isto é, isto é, con alta tasa de contaxio e mortalidade– cepa do virus da gripe estendeuse rapidamente desde Estados Unidos ata o resto do planeta e ocasionou a primeira pandemia do século XX. Infectouse un terzo de toda a poboación mundial e morreron decenas de millóns de persoas. A súa transmisión producíase a través do aire: actuaban como vehículo de transmisión as gotas procedentes da tos dos enfermos, así como polo contacto directo con obxectos onde tivese ido a parar o contido das gotas.
Os estudos actuais consideran que o número real de falecentos pola gripe de 1918 podería ascender mesmo ata os 100 millóns. Se fose así, a pandemia de principios do século XX tería matado máis persoas que as dúas guerras mundiais xuntas.
E por que se fala aínda agora de gripe española?
O certo é que o brote da epidemia se iniciou en Estados Unidos. Moitos dos primeiros infectados foron homes reclutados como soldados destinados á fronte europea durante a Primeira Guerra Mundial; eles foron quen propagaron adoenza por toda Europa. Ao atopárense as grandes potencias mundiais involucradas neste conflito bélico, e para non estimular a moral do inimigo, os xornais deses países unicamente informaban das vítimas relacionadas coa fronte e as batallas, pero non achegaban ningún dato sobre as vítmas causadas polo virus da gripe. Porén, en España, que foi un país neutral durante a contenda, os medios de comunicación recollían as novas sobre a doenza e foron quen deron a voz de alarma a todo o mundo a medida que ían detectando un aumento exponencial de casos.
Os mapas mostran as tres vagas pandémicas: verán de 1918, outono de 1918 e inverno de 1919, así como o total acumulado para toda a pandemia. Fonte: Wikipedia.
Este feito provocou que no resto do mundo se dese a percepción de que a pandemia se orixinara en España. O certo, non obstante, é que para cando a pandemia chegou a España no verán de 1818 xa tiña percorrido Gran Bretaña, Francia, Alemaña e Italia. Ata 8 millóns de españois se infectaron de gripe naquela altura (o 40% de toda a poboación española) e calcúlase que faleceron 200.000 (o 1% da poboación).
Houbo máis pandemias de gripe no século pasado?
Tamén e conveniente lembrar que durante o século XX tiveron lugar outras dúas pandemias de gripe: a da gripe asiática de 1957 e a da gripe de Hong Kong de 1968. A primeira, a de 1918 sucedera nun tempo no que non existía vacina para a gripe e no que aínda non se coñecían os antibióticos. Por contra, as pandemias de 1957 e 1968 foron moi importantes, pero de menor calado que a de 1918; debido a que para a segunda metade do século XX xa se coñecía ben o virus da gripe, a que existían vacinas ou podíanse obter con relativa facilidade, e a que xa había dispoñibilidade de antibióticos para tratar as complicacións bacterianas que se daban nos enfermos.
A pandemia de sida
En 1981 detectáronse en Estados Unidos os primeiros casos dunha nova enfermidade á que en 1982 se lle deu o nome de síndrome de inmunodeficiencia humana adquirida (sida). Ao igual que a gripe de 1918, a doenza converteuse nunha epidemia terrible que se estendeu rapidamente por todo o mundo e converteuse na segunda gran pandemia do século XX. Desde principios dos anos 80 do século pasado, a sida ten afectado a 60 millóns de persoas e causado máis de 20 millóns de mortes.
A sida non se transmite do mesmo xeito que a gripe:
Tanto a pandemia de gripe de 1918 como a de sida que se iniciou en 1981 son causadas por virus, pero que é un virus?
Os virus conviven cos seres vivos desde que as primeiras células apareceron sobre a Terra hai 3.500 millóns de anos. Que características os definen?
- Unha partícula vírica completa consta dun só tipo de ácido nucleico, que pode ser ADN ou ARN, rodeado dunha cuberta proteica e ás veces por unha segunda cuberta denominada envoltura. Os virus que posúen ARN son os únicos seres existentes na Terra que poden almacear a súa información xenética nesta molécula.
- Non posúe nin citoplasma nin ribosomas nin ningunha das estruturas que caracterizan as células procariotas (bacterias) e eucariotas (animais e vexetais); é por iso que se di que os virus son microorganismos que presentan unha estrutura simple e acelular que carece de metabolismo propio, polo que precisa penetrar nunha célula viva u hospedadora susceptible de poder ser infectada para poder reproducirse. Os virus non poden alimentarse, é dicir, non comen nin por tanto medran, como o fan os seres vivos celulares. De acordo con iso, os virus non deberían ser considerados como seres vivos.
- Son capaces de reproducírense, unha característica que si é inherente a todo ser vivo, pero dunha forma completamente diferente á dos organismos celulares. A células humanas divídense por mitosis, as bacterias por bipartición, os virus xéranse dun modo singular nunca atopado noutros organismos.
Que pouca cousa é un virus e canto poder alberga no seu interior!
(https://www.scientificanimations.com / CC BY-SA, Wikipedia)
Se fosen unha liñaxe de Xogo de Tronos, no escudo dos virus poderíase ler o seguinte lema:
“Non te molestes en facer o que a célula hospedadora pode facer por ti”.
O feito de necesitaren unha célula viva para poderen multiplicárense fai que os virus se definan como parasitos intracelulares obrigados, o que queren dicir que pasan por dúas fases distintas ao longo da súa vida:
- Extracelular: a partícula vírica chámase aquí virión, é completamente inerte e inofensiva e o seu cometido é protexer, transportar e facilitar a penetración do xenoma vírico nunha célula.
- Intracelular: o virion perde a súa cuberta e existe como un ácido nucleico que secuestra o metabolismo dunha célula para poñela a traballar no seu propio beneficio e producir unha colleita de partículas víricas para seren liberaras e infectaren máis células.
Por que os virus teñen sempre a mesma forma e tamaño?
Porque os virus non medran, senón que primeiro se fabrican as pezas que os forman e despois vanse acoplando as unhas ás outras. Os virus fabrícanse dun modo semellante a como se fabrica un coche ou un televisor.
E son pequenísimos. Moito máis cativos cas bacterias
A medición do tamaño dos virus realízase en nanómetros. Se dividimos un milímetro nun millón de partes obteremos un nanómetro. O tamaño dos virus oscila entre os 20 e os 300 nanómetros de diámetro.
E cales son os componentes dunha partícula vírica cando está na súa fase extracelular, é dicir, de un virión?
Todos os virus teñen alomenos dous compeñentes, que son unha cuberta chamada cápside e un xenoma, que como vimos antes pode ser ADN ou ARN. Ademais, os virus poden presentar tamén unha segunda cuberta, chamada envoltura –que nos dá virus espidos ou envoltos– e enzimas, esenciais para completar o ciclo de replicación vírico.
Algo que pode axudarnos afacernos unha idea de como é un virus é unha cousa que seguro que comestes moitas veces; fixádevos como se asemella o virus que causa a sida a un bombón:
Fonte: Naukas.com
Os virus son moi diferentes entre si
Por exemplo, o virus da rabia presenta unha cápside helicoidal ríxida á que está intimamente conectada a envoltura; por iso a envoltura non altera a forma de bala que presenta a nucleocápside.
Por outra banda, o virus da gripe posúe unha cápside helicoidal flexible que se atopa enrolada e que se acomoda no interior dunha envoltura á que apenas se atopa unida; isto fai que os virións sexan esféricos pero cunha morfoloxía irregular.
O ciclo de vida ou multiplicación dos virus
Sabías que todos os virus realizan un ciclo de multiplicación no que se diferencian sete etapas?
Estas etapas son secuenciais e son as seguintes: adsorción, penetración, decapsidación, síntese vírica, ensamblaxe, maduración e liberación.
Fonte: Khan Academy
A primeira etapa da infección celular é especialmente importante porque moitas das vacinas que nos axudan a protexernos fronte aos virus baséanse en bloqueala; esta fase é coñecida como absorción ou unión do virus á célula hospedadora.
Unha vez que temos o virus adsorbido á célula hospedadora, penetra nela e dependendo de se é un virus espido ou envolto utilizan diferentes estratexias para facelo.
Cando o virus xa se uniu á célula hospedadora, penetrou nela e liberou o seu material xenético, é este quen adquire o protagonismo. Comeza neste momento a fase intracelular na que o virus simplemente existe como un fragmento de ADN ou ARN, pero con enorme potencial ata o punto de que é capaz de secuestrar a célula e poñela a traballar no seu propio beneficio para producir novas partículas víricas. Esta etapa do ciclo de multiplicación dos virus coñécese como fase de eclipse ou de síntese dos compoñentes viricos.
As partículas víricas formadas ao finalizar a etapa de ensamblaxe pasan por unha fase de maduración que fai que se convertan en activas e infecciosas; neste momento xa están preparadas para abandonar a célula hospedadora. A saída dos centos ou milleiros de partículas víricas formadas, idénticas unhas a outras, realízase usando diferentes estratexias dependendo do tipo de virus: a exocitose e a xemación.
O SARS- CoV-2 e a Covid-19. Todo comezou en Wuhan, unha cidade chinesa de 11 millóns de habitantes
Inclúese dentro da familia Coronaviridae que á súa vez inclúe moitos virus que infectan a animais e sete que pasaron destes ás persoas onde causan infeccións respiratorias que poden ir desde o arrefriado común ata enfermidades máis graves. As enfermidades que padecen os animais e que se transmiten ás persoas reciben o nome de zoonoses.
Foto: /NIAID Rocky Mountain Laboratories (NIH, Estados Unidos)
Que tipo de doenzas provocan estes sete coronavirus?
- Catro coronavirus provocan moitos dos arrefriados leves que padecemos.
- Os tres restantes causan enfermidades moito máis graves:
- O SARS- CoV causou nos anos 2002-2003 a síndrome respiratoria aguda severa.
- O MERS-CoV, apareceu en Arabia Saudita e causa desde o ano 2012 a síndrome respiratoria de Oriente Medio (MERS).
- O SARS-CoV-2 2019, detectouse o 31 de decembro en doentes con pneumonía e estendeuse rapidamente entre a poboación de todo o mundo.
Neste vídeo podedes ver o que acontece cando nos infectamos con SARS-CoV-2 2019. Está en inglés, pero paga a pena:
Dise que os virus son os peores hóspedes que existen. Chegan sen ser convidados, non se adaptan ás condicións que establece o seu hospedador, senón que saquean as súas alacenas para usar todo o material que necesitan para multiplicárense e, aínda por riba, cando deciden irse despídense destruíndo a que fora a súa “casa”.
Jesús Blanco Álvarez
Profesor titular de Microbioloxía
Campus de Lugo
Universidade de Santiago de Compostela.
E, aínda máis:
Todos os termos (en castelán) que se definen neste encrucilladp están relacionados coa pandemia que estamos vivindo; seguro que os coñeces e, se hai algún que aínda non, podes investigar un chisco; anímate a facelo!
Se deches resolto o encrucillado, resultarache moi doado atopar os 15 termos nesta sopa de letras.
Comproba os resultados na seguinte páxina!!!