XuvenCiencia celebra os días 14 e 15 de outubro o seu primeiro campus para profesorado

O grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC vén de acadar o apoio da FECYT para un novo proxecto, Convivio de Ciencia, que se desenvolverá no curso 2022/2023. Os docentes de ensino medio poderán participar en experimentos baseados nos sete kits de XuvenCiencia a través do Programa de Formación Permanente dos Centros de Formación e Recursos (CFR) da Xunta

Por: MVI / XuvenCiencia

Logo de celebrar no verán de 2022 a décima edición do Campus XuvenCiencia para adolescentes, o grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da Universidade de Santiago organiza para este mesmo outono o seu primeiro campus para profesorado de ensino medio de Galicia. Será na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo os días 14 e 15 de outubro e suporá o primeiro banzo do novo proxecto Convivio de Ciencia, que vén de recibir o respaldo da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación na convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación.

Con aloxamento e manutención incluídos

Convivio de Ciencia conleva varias accións e a primeira delas é o Campus Convivio, que será presencial e que se celebrará no Campus de Lugo en tres sesións: o venres 14 pola tarde e o sábado 15 pola mañá e pola tarde. Este campus para profesorado está inspirado na experiencia de organizar durante dez anos campus científicos polos que teñen pasado máis dun milleiro de adolescentes de Galicia, España e Portugal.

Neste caso, ao igual que nas últimas edicións do campus para a rapazada, os docentes preuniversitarios mergullaranse nun proxecto a partir dun dos sete kits de experimentación XuvenCiencia da súa escolla. Este Campus Convivio impártese a través do Programa de Formación Permanente que lle ofrecen os Centros de Formación e Recursos (CFR) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ao profesorado de ensino medio de toda Galicia. Ofertarase aloxamento para o profesorado non residente en Lugo e manutención para todos os docentes.

As persoas participantes recibirán un kit XuvenCiencia para o seu centro

O profesorado preuniversitario participante no Campus Convivio, ademais da formación en metodoloxía investigadora recibirá o kit da súa escolla para o seu centro. Polas súas características, os kits de XuvenCiencia poden ser útiles para a impartición de materias de ESO, BAC e FP básica, ciclos medios e superiores das áreas de Agricultura e Gandería, Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, Bioloxía vexetal e animal, Biotecnoloxía, Ciencia e tecnoloxía dos alimentos, Ciencias da Terra, Ciencias Sociais, Linguas e Filosofía, Física e Ciencias do Espazo, Historia, Arte e Arqueoloxía, Enxeñería, Innovación, Medicina, Fisioloxía e Farmacoloxía, Medio e ecoloxía, Novas tecnoloxías e Química. Ademais, as prestacións dos kits resultan tamén acaídas para STEMBach e clubs de ciencias e para tratar aspectos educativos transversais.

O método científico e a práctica investigadora na aula, metodoloxías e ferramentas para a realización de proxectos de investigación e metodoloxías e ferramentas para a presentación de estudos científicos serán os tres principais bloques de contidos do Campus Convivio, que computará como unha actividade de 12 horas presenciais máis 7 non presenciais.

Unha rede galega de cultura científica

O proxecto Convivio de Ciencia contempla, asemade, a creación dunha Rede Convivio, unha rede de cultura científica integrada polos institutos e colexios dos docentes participantes, que terán o cometido de deseñar un proxecto co seu alumnado a partir da formación recibida no Campus Convivio e empregando o kit XuvenCiencia como ferramenta. Os mellores destes proxectos serán presentados nun simposio que se celebrará en Lugo na primavera de 2023. Ata chegar a ese congreso, a Rede Convivio manterase viva grazas á celebración de Cafés Convivio mensuais, unhas reunións informais e telemáticas á imaxe dos lean coffees, que servirán non só para que os responsables de XuvenCiencia fagan titorías virtuais cos equipos creados nos institutos, senón tamén para manter o contacto e a comunidade.

O Magacine Convivio, unha revista científica virtual na que se irán expoñendo as investigacións, o desenvolvemento do proxecto e os seus resultados, será a cuarta parta deste proxecto Convivio de Ciencia. O alumnado poderá ver como os seus proxectos son postos en valor e tidos en conta, ao ser publicados nunha web en aberto, para a comunidade educativa e o gran público, e poder optar a presentalos en vivo no simposio da Rede Convivio e ser premiados/as polo seu esforzo e creatividade.

 

 

Experimentos enraizados na contorna cos sete kits de XuvenCiencia

Aos/as estudantes que se vexan implicados polo seu profesorado en Convivio de Ciencia ofreceráselles a oportunidade de desenvolver en equipo, xunto aos seus compañeiros/as, un proxecto de indagación enraizado na contorna na que viven grazas aos kits XuvenCiencia: o kit DNA-MEAT determina se unha carne é de porco ou tenreira mediante un test xenético e o kit Fotometrix detecta a cantidade de proteína do leite a partir da técnica de Lowry, por exemplo; o kit Vitroplant axuda a comprender o proceso da recuperación de bosques de frondosas, mentres que AquaLab monitoriza variables ambientais para unha xestión sostible da auga e Animal CSI ofrece destrezas para abordar a saúde dos animais.

O kit Photonics Explorer dá conta das amplas aplicacións das tecnoloxías da luz en comunicación e investigación da contorna. E o kit RescueMe visibiliza a aplicación da metodoloxía científica ás ciencias sociais e humanidades e, en concreto, á recollida da memoria.

Un equipo multidisciplinar do Campus de Lugo da USC e profesorado preuniversitario

Un equipo multidisciplinar liderado pola profesora de Veterinaria Marta López Alonso e integrado por persoal docente e investigador das facultades de Veterinaria, Ciencias, Humanidades e Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC presentou este proxecto Convivio de Ciencia á máis recente Convocatoria de Ayudas para el Fomento de la Cultura Científica, Tecnológica y de la Innovación da FECYT, concretamente na liña referida a educación e vocacións científicas.

O equipo de XuvenCiencia completouse para este proxecto con profesorado preuniversitario de los CPI de San Román de Cervantes e Uxío Novoneyra do Courel, conscientes das importantes achegas e experiencia que poden realizar os docentes de secundaria no deseño e desenvolvemento das distintas accións.  Convivio de Ciencia foi valorado pola FECYT cun total de 86 puntos sobre 100 posibles.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *