O deseño de experimentos nas aulas de ensino secundario e a metodoloxía científica centran os obradoiros que o grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC desenvolve estas semanas da man do programa Aula Nova da Consellería de Educación da Xunta. Un total de 21 docentes de ESO, BAC e ciclos de FP de toda Galicia participan neste novidoso proxecto de formación para o profesorado que se desenvolve durante os meses de outubro e novembro no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Xunta, en Santiago, e no Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra.
Unha formación deseñada desde o práctico e experimental
Esta actividade ofrece formación específica sobre o método científico e o deseño de experimentos para o profesorado de secundaria, grazas a kits deseñados por XuvenCiencia cos que poderán traballar na aula ou mesmo levar á casa o alumnado en situación de novos confinamentos. Traballaranse as distintas fases dunha investigación, desde a toma de datos e o procesamento pasando pola súa presentación a través de estatística descritiva e a elaboración de gráficos mediante follas de cálculo ata a discusión dos resultados e a presentación dos mesmos en forma de artigo científico e mediante o uso de tecnoloxías como blogs, redes sociais ou aulas virtuais.
Aulas impartidas por persoal investigador do Campus de Lugo
Os profesores e investigadores do campus de Lugo da USC Mercedes Novo, Wajih Al-Soufi e Ana Paula Losada, todos eles integrantes do grupo de innovación docente XuvenCiencia, son os encargados de impartir esta nova actividade de XuvenCiencia dirxida á formación do profesorado de Ensino Medio, proposta a través do CAFI da Consellería de Educación.
Un kit Fotometrix de XuvenCiencia para as persoas participantes
O curso impártese en forma de obradoiro, dividido en tres sesións (dúas presenciais e unha online) relativas ás distintas fases dun traballo científico. Os contidos están recollidos en fichas de actividades que lles permiten aos participantes avanzar nos contidos ao seu ritmo individual. O profesorado de ensino medio participante nesta actividade de XuvenCiencia para Aula Nova xa recibiu no seu centro un kit de experimentación co fotómetro móbil Fotometrix do grupo XuvenCiencia xunto co material básico necesario para realizar medidas sen necesidade dun laboratorio.