O grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo difunde hoxe, a traves das súas redes sociais en Twitter, Instagram e Facebook e da súa páxina web, unha serie de memes nos que se poñen en relación algúns dos versos máis coñecidos dos poemarios en galego de Rosalía de Castro cos sete kits de experimentación científica para as aulas de secundaria deseñados polos integrantes de XuvenCiencia.
Esta acción realízase por celebrarse hoxe o Día de Rosalía, no que se conmemora o nacemento da poeta auroral do Rexurdimento galego o día 23 de febreiro de 1837 en Conxo, segundo as recentes pescudas da investigadora da USC Sagrario Abelleira Méndez.
Desde XuvenCiencia concibimos as sete imaxes como un xeito humorístico de conectar a obra da máis importante das poetas de Galicia e as investigacións que se desenvolven no Campus de Lugo. Asemade, esta campaña polo Día de Rosalía resulta tamén unha homenaxe de XuvenCiencia a unha autora que soubo mirar arredor de si e ollar e diseccionar o noso territorio e o noso pobo coa mesma curiosidade que se lles supón ás persoas de ciencia.
Para saber máis
Segundo a descrición da xornalista Karen Schubert no diario USA Today o 28 de xullo de 2003, un meme é unha actividade, concepto, frase ou contido multimedia que se estende de persoa a persoa a traves de internet e as redes sociais. O dicionario da RAG define meme como unha “idea ou concepto en formato de texto ou audiovisual que se espalla rapidamente a través de internet, xeralmente de carácter humorístico e suxeito a pequenas variacións”. O termo meme foi acuñado polo etólogo e biólogo evolutivo Richard Dawkins en 1976 como un “elemento cultural ou de comportamento, que se transmite de individuo a individuo ou de xeración a xeración mediante imitación”.