O alumnado de XuvenCiencia achegarase ao seguemento da vexetación a través de drones

O Centro de Investigación Aeroportada de Rozas do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (CIAR-INTA) recibirá o venres 5 de xullo a visita do alumnado do Campus Científico de Verán XuvenCiencia no marco da actividade ‘Drones para seguemento da vexetación’, un obradoiro no que se observará e interpretará a vexetación dende o aire empregando Sistemas Aerotransportados Pilotados Remotamente (RPAS-DRONES).

No seo desta actividade desenvolverase unha aplicación práctica de Sistemas Aerotransportados Pilotados Remotamente (RPAS segundo as súas siglas en inglés e máis coñecidos como DRONES) para a cartografía e obtención de información de interese sobre a estrutura e características variadas da cobertura vexetal a partir de diferentes tipos de imaxes (cor natural e infravermello). Realizarase asemade unha visita guiada ás instalacións do CIAR-INTA e ó aeródromo de Rozas, onde se poderá afondar no potencial desta tecnoloxía en eidos tales como o forestal, o agrícola, medio ambiente e en xeral para a xestión de recursos naturais.

Este Centro de Ensaios é pioneiro e nel preténdese integrar tanto as Plataformas Aéreas de Investigación (PAI) como os novos desenvolvementos con avións non tripulados (UAS, Unmanned Aerial System), nun centro de investigación que ofrece as infraestruturas e equipamentos en terra necesarios para o desenvolvemento das aeronaves e a avaliación das campañas a realizar coas mesmas, de modo que se poidan levar a cabo os voos de forma eficiente e segura.