‘Campións de palabras: exercicio de oratoria competitiva’ abrirá a VII edición do Campus Científico de Verán XuvenCiencia

O equipo de debate do IES Becerreá de Lugo formado polos alumnos e alumnas de segundo de Bacharelato Paula Álvarez, Gabriela Rodríguez, Marcos Montaña e Xoel Rodríguez abrirá a VII edición do Campus Científico de Verán XuvenCiencia coa actividade ‘Campións de palabras: exercicio de oratoria competitiva’.

Este grupo de mozos e mozas, titorizados polo profesor Xulio Teixeiro, explicarán aos 150 participantes nesta edición de XuvenCiencia como se prepara e executa un debate. Tal e como afirma a coordinadora de XuvenCiencia, Mercedes Novo, o campus decidiu apostar este ano por unha iniciativa innovadora na que a tradicional charla inaugural impartida por unha personalidade relevante do mundo da Ciencia, trócase por esta actividade colectiva na que alumnado tamén preuniversitario amosa as súas habilidades para a oratoria.

O equipo do IES de Becerreá foi premiado no Torneo de Debate Académico de Galicia da Fundación Barrié.