Último día para participar no sorteo da Universidade Júnior do Porto!

O grupo XuvenCiencia da USC continúa este ano a súa colaboración coa Universidade Júnior do Porto a través dun intercambio de alumnado no que cinco alumnas/os portuguesas/es participarán no Campus de Verán XuvenCiencia 2019 e cinco españolas/es participarán na Universidade Júnior do Porto.

A Universidade Júnior do Porto, nada no ano 2005, é unha das maiores e mais prestixiosas universidades para nenos e mozos de Europa, con máis de 6000 participantes cada ano e centos de proxectos en todas as áreas de coñecemento.

Todo o alumnado preinscrito no Campus de Verán XuvenCiencia 2019, matriculado ou non, poderá optar de forma gratuíta a unha das cinco prazas patrocinadas por XuvenCiencia na Universidade Júnior do Porto na semana do 22 ao 26 de xullo de 2019.

Se che interesa participar, envía o formulario de inscrición ata o mércores 3 de xullo ás 24:00h. As 5 prazas patrocinadas por XuvenCiencia sortearanse entre as persoas interesadas na tarde do 5 de xullo de 2019, durante a entrega de premios do Campus de Verán XuvenCiencia. Os resultados do sorteo publicaranse na páxina web e tamén contactarase por correo electrónico cos gañadores que non estean no Campus de Verán XuvenCiencia.

Anímate a participar nesta extraordinaria experiencia na Universidade Júnior do Porto!!

Prazas ofertadas:

Período: 22-26 de xullo de 2019 (con aloxamento do 21 ao 26 de xullo incluído)

Horario: 9:30 – 18:00 h (con monitores fóra deste horario)

Programa: Verão em Projeto (para 4º ESO e 1º BAC)

Proxectos que se poden realizar:

https://universidadejunior.up.pt/programas.php?p=verao-em-projeto-9-10-e-11

Formulario de inscrición:  http://bit.ly/XC19SorteoOporto

Concurso en instagram

Como novidade deste ano, o VII Campus Científico de Verán XuvenCiencia impulsa un concurso a través da rede social Instagram. Todos os participantes poden publicar fotos nos seus perfís co hashtag #XuvenCiencia2019 que versen sobre a vida no campus. As tres fotografías que reciban un maior número de likes de entre o alumnado inscrito, recibirán un premio sorpresa durante a clausura do campus que se celebrará na tarde do 5 de xullo. As persoas que teñan perfís privados deben enviar unha captura de pantalla da publicación ao grupo de whatsapp XuvenCiencia2019 antes das 12.00h do venres 5 de xullo. Para identificar os e as gañadoras tomarase como referencia o número de likes que figuren nesa captura de pantalla.