As xuvencientíficas gozan e aprenden na Universidade Junior do Porto

Bárbara Gargallo Méndez, Laura Pernas Pérez, Marta García-Tellez Sierra, Marta Álvarez Fernández e Helena da Costa Sanmartín, todas elas alumnas preinscritas no VII Campus Científico de Verán XuvenCiencia, participan ao longo desta semana nunha estadía na Universidade Junior do Porto.

XuvenCiencia sortea cada ano cinco prazas entre todo o seu alumnado preinscrito, matriculado ou non, para participar nesta Universidade Junior. Deste xeito, alumnas como Marta Álvarez Fernández e Helena da Costa Sanmartín, que non obtiveron praza na pasada edición de XuvenCiencia malia terse preinscrito, poden gozar agora dunha segunda oportunidade en O Porto.

Cada unha delas elixiu traballar ao longo desta semana nun proxecto científico que se axustase aos seus intereses. Bárbara escolleu un  proxecto sobre arquitectura no que poder achegarse ao día a día desta profesión. Helena optou polas belas artes no proxecto ‘Da tela à pintura’. Finalmente, Laura, Marta Sierra e Marta Fernández elixiron o proxecto ‘Da Célula Normal à Célula Tumoral’ impulsado pola Facultade de Medicina desta universidade e a ‘Liga Portuguesa Contra o Cancro’.

A Universidade Junior do Porto conforma un proxecto de referencia en Europa ao espertar, cada ano, as vocacións científicas duns 6000 mozos e mozas preuniversitarios que podan participar en proxectos científico-técnicos e culturais nos que coñecer de primeira man diferentes itinerarios formativos que lles sirvan para decidir por que grao universitario se van decantar no futuro.