Oliver Laxe pechará o Campus de Verán XuvenCiencia en Rede

O director de O que arde ofrecerá o 3 de xullo unha charla interactiva sobre a súa aposta polo sector primario na Montaña de Lugo

Oliver Laxe acumula premios de cinema en todo o mundo. A súa aposta pola Montaña de Lugo vai moito máis aló da ficción de #OqueArde e está a traballar nun proxecto de desenvolvemento rural que presentará nunha charla interactiva que será o peche do Campus de Verán XuvenCiencia en Rede, que se celebrará do 29 de xuño ao 3 de xullo e que ten aberta a matrícula nesta ligazón.

Oliver Laxe, nos Premis Gaudí do cine catalán de 2019

Oliver Laxe medra entre Francia, Galicia e Marrocos. As súas dúas primeiras longametraxes son premiadas no Festival de Cannes: Todos vós sodes capitáns recibe, entre outros, o Premio da Crítica Internacional na Quinzaine des Réalisateurs en 2010, e Mimosas acada o Gran Premio da Semaine de la Critique en 2016.

En 2019 fai historia ao converterse, a canda Víctor Erice, no primeiro cineasta español seleccionado en Cannes coas súas tres primeiras obras, e no único en ser premiado en todas as súas participacións. O que arde, unha historia poliédrica que aborda o drama dos incendios forestais e o abandono rural en Galicia, recibe o Premio do Xurado da sección oficial Un Certain Regard de Cannes, o Premio á Mellor Creación Sonora da sección e compite nos festivais internacionais máis importantes da tempada, como San Sebastián, Toronto, Tokio, Londres, Melbourne, Mar del Plata ou Nova York, nos que acada diferentes galardóns. O que arde é tamén candidata aos Premios Goya en catro categorías: Mellor Película, Mellor Director, Mellor Actriz Revelación e Mellor Fotografía, acadando estes dous últimos.

Actualmente, Laxe está a traballar nun centro de desenvolvemento rural na aldea lucense onde filmou O que arde, de onde é orixinaria a súa familia. Como anticipio, podedes ver e escoitar a Oliver Laxe neste vídeo que vén de protagonizar para o Campus Terra da USC: