O XuvenCiencia Magacine é o medio oficial do Campus de Verán #XuvenCiencia2020 en Rede

O Obradoiro de Medios do Campus de Verán XuvenCiencia en Rede 2020 está a preparar novas, reportaxes, entrevistas e audiovisuais para encher de contidos o XuvenCiencia Magacine, o medio de comunicación oficial do campamento científico do Campus Terra da USC.

Un equipo formado polas monitoras Lucía Blanco e Belén Puime, co traballo de Andrea Sanjurjo e Daniel Souto, xuvenreporteiros infiltrados dos proxectos Ti e o tempo e Somos o que comemos? e coordinado polos xornalistas Nicolás Carreira Pena e Marta Veiga Izaguirre encárgase de deseñar e elaborar os contidos nesta primeira aproximación de XuvenCiencia á divulgación e ao xornalismo científicos, como actividades complementarias e imprescinbles para facer comprensibles a importancia da investigación e os avances tecnolóxicos a persoas de todas as orixes, condicións e nivel de formación.

As accións da ciencia, os experimentos que teñen lugar nos laboratorios e a pé de campo, as investigacións espaciais máis complexas, así como os procesos da innovación tecnolóxica teñen un efecto tan importante nas sociedades e nos pobos que cada vez se fan máis necesarios equipos interdisciplinares que sexan quen de explicar a ciencia de xeito doado, empregando unha linguaxe coloquial, pero precisa e correcta.

Esta necesidade faise evidente en contextos como o actual, no que a humanidade aborda a emerxencia dunha pandemia global nunha situación de cambio climático e crise enerxética e no que unha boa comunicación bidireccional entre a comunidade científica e a sociedade pode supoñer unha diferenza crucial na supervivencia do planeta.