Xa temos a primeira listaxe de persoas admitidas!!!

XuvenCiencia vén de publicar a súa primeira listaxe de persoas admitidas para participar no Campus de Verán XuvenCiencia 2021, que se desenvolverá en Lugo (Campus Universitario da USC) do 28 de xuño ao 2 de xullo. Xa podes buscar os teus datos neste documento e formalizar a matrícula a través da web. Poderás facelo ata o domingo 23 de maio (inclusive). O día 24 de maio faremos un novo sorteo das prazas vacantes de entre todas e todos os que esteades nestoutra listaxe de agarda.

A preinscrición para o Campus de Verán XuvenCiencia 2021 abriu o pasado 7 de maio, o #XuvenFriday, e en só 4 minutos estaban cubertas as 65 prazas que se poñían a disposición nesta edición, que será máis reducida para poder atender os protocolos contra a Covid. De todos os xeitos, este Campus 2021 vén con máis novidades que as condicionadas pola pandemia: nesta primeira relación de admitidas/os atendeuse á orde de preinscrición (a metade das prazas) e sorteouse a outra metade entre todas e todos os solicitantes, de xeito que tamén aqueles que viven en lugares con peor cobertura de internet ou que polo que for non puideron estar pendentes ás 15.30 horas do XuvenFriday tamén tivesen unha oportunidade.

En total, máis dun cento de persoas procuraron unha praza no Campus XuvenCiencia, que volve á presencialidade logo dunha edición, a de 2020, que foi en rede. A maioría das solicitudes proceden de Galicia, pero tamén amigas e amigos de fóra de Galicia queren sumarse á familia XuvenCiencia.

 

Provincia
Número
Araba 1
Barcelona 1
A Coruña 38
Lugo 35
Madrid 2
Ourense 4
Pontevedra 22
Total
103

 

O Campus desenvolverase nun formato de proxectos, con 5 ou 6 prazas, de xeito que funcionen como grupos burbulla.